Prevalencia global de anticorpos IgG no estudo ENE-COVID segundo os tests rápidos. Fonte. ISCIII/Ministerio de Sanidad.
Prevalencia global de anticorpos IgG no estudo ENE-COVID segundo os tests rápidos. Fonte. ISCIII/Ministerio de Sanidad.

O 95% dos habitantes de Galicia aínda non estivo exposto ao SARS-CoV-2

A nova vaga do estudo de seroprevalencia do Instituto Carlos III expón que un 10% da poboación española estivo en contacto co virus; en Galicia, o 4,5%

O Ministerio de Sanidade e o Instituto de Salud Carlos (ISCIII) presentaron este martes os primeiros resultados da cuarta onda do estudo de seroprevalencia ENE-COVID. Estas novas cifras adquiren especial relevancia xa que permite ofrecer un panorama máis preciso da circulación do coronavirus SARS-CoV-2 na segunda onda da pandemia. A recollida de mostras realizouse entre os 16 e 29 de novembro en máis de 1.500 centros de saúde, coa participación de máis de 51.000 persoas. No conxunto do territorio español, estímase que un 9,9% dos habitantes (arredor de 4,7 millóns de persoas , mentres que hai confirmados 1,7 millóns de casos por parte de Sanidad ata este martes), infectouse co SARS-CoV-2 e desenvolveu anticorpos fronte a el. Galicia, pola súa parte, é a segunda comunidade autónoma, detrás de Canarias, coa menor circulación do virus segundo estes datos. Estímase, deste xeito, que algo máis de 120.000 persoas en Galicia estiveron en contacto co coronavirus. A Xunta de Galicia ten confirmados, ata o momento, preto de 58.000 casos na comunidade mediante algunha das probas diagnósticas.

Por provincias, A Coruña, cun 3,8%, e arredor de 42.500 persoas expostas ao coronavirus, é a segunda provincia con menor prevalencia, só por detrás de Santa Cruz de Tenerife. Logo están Lugo, co 4,3% (14.200), Ourense, un 6,2% (19.100), e Pontevedra, 4,8% (45.200). Aínda que os resultados da última rolda sitúan a todos os territorios moi lonxe da citada “inmunidade de grupo”, calquera das provincias galegas está bastante máis lonxe. Esta situación, segundo adviertiron científicos e sanitarios, é un factor de risco á espera da chegada da vacina. Ademais do descoñecemento que aínda existe sobre a duración da inmunidade e a transmisibilidade do SARS-CoV-2, que o 95% da poboación galega aínda non estivera exposta ao virus fai preciso manter vixentes as medidas de prevención.

O estudo constata, deste xeito a importante variabilidade xeográfica na circulación do virus. Madrid (18,6%), Castilla-La Mancha (16,1%), Navarra (14,3%) e Castilla y León (12,6%) son as comunidades máis afectadas, e superan tamén o 10% Aragón (11,7%) e Cataluña (11,6%). Con todo, en comparación coas tres primeiras roldas, na cuarta observouse unha maior dispersión en España da onda epidémica. A proporción de persoas con anticorpos IgG fronte ao SARS- CoV2 é maior en residentes de grandes cidades (máis de 100.000 habitantes), e sitúase nestas localizacións nun 8,3% actualmente e nun 11,6% no global do estudo.

Os resultados do ENE-COVID presentados este martes usan dous indicadores complementarios: a prevalencia actual de anticorpos IgG, que reflicte a porcentaxe de persoas cun resultado positivo no test rápido nesta rolda e permite comparar coas roldas anteriores, e a prevalencia global, que indica a proporción de persoas nas que se detectaron anticorpos fronte ao SARS- CoV-2 nalgunha das catro roldas do estudo, entre abril e xuño.

Con todo, e para garantir unha maior exactitude nos datos, o Centro Nacional de Microbioloxía do ISCIII está analizando as mostras de sangue tomadas a algunhas das persoas ás que se lle realizou o test rápido para, con técnicas de laboratorio moito máis precisas, analizar se a diferenza entre a prevalencia global e a prevalencia actual débese á duración da inmunidade ou a outros factores relacionados coas técnicas utilizadas para a medición de anticorpos. Con datos da segunda quincena de novembro, cando se realizou a cuarta rolda do estudo, a prevalencia actual (porcentaxe de persoas que actualmente teñen anticorpos IgG detectables co test rápido) sitúase nun 7,1%.

Detección do 60% dos casos na segunda onda

Outro dos datos que achega a nova rolda é o referente á porcentaxe de casos detectados nun primeiro momento fronte ás persoas que, por seren asintomáticas ou non serlles realizada unha proba diagnóstica, non contaban nas cifras de casos de coronavirus. Mentres que nas primeiras rondas só se confirmaban 1 de cada 10 casos de infección por SARS- CoV-2, a porcentaxe na segunda onda epidémica podería alcanzar o 60%, é dicir, estaríanse a identificar como casos confirmados aproximadamente 6 de cada 10 pacientes infectados. Advirten os autores do estudo, con todo, que as estimacións aínda deben confirmarse, trasladarse á realidade de cada comunidade autónoma e estudarse considerando outros factores que transcenden ao estudo de seroprevalencia, como a porcentaxe de casos en poboación institucionalizada (residencias de maiores, por exemplo).

Ademais, os investigadores sinalan que na interpretación dos resultados debe terse en conta que existen casos de infección por SARS-CoV-2 nos que os anticorpos non están presentes, ou o están con niveis baixos que non se detectan coas ferramentas de medida, o cal supoñería unha infraestimación da circulación do virus. Por outra banda, advirten desde o ISCIII, é necesario manexar esta información preliminar con precaución porque corresponde aos resultados obtidos co test rápido. Nas próximas semanas será posible realizar estimacións máis precisas e analizar a evolución da inmunidade a partir dos datos proporcionados polas probas de alto rendemento realizadas no laboratorio.

Por sectores de poboación

Con respecto ás persoas traballadoras en activo, o persoal sanitario (cun 16,8%) e as mulleres que coidan a dependentes no domicilio (16,3%) presentan as cifras máis altas de prevalencia global. A prevalencia global é tamén significativamente maior en mulleres ocupadas en tarefas de limpeza (13.9%) e en mulleres traballadoras do sector sociosanitario (13.1%).

O ENE-COVID fai fincapé, polo seu deseño, na análise da transmisión dentro das unidades de convivencia. E os resultados expoñen que as persoas que nalgún momento conviviron cun caso confirmado presentan unha prevalencia de anticorpos IgG do 31% nesta cuarta rolda, e é menor (13%) nas persoas que tiveron contacto cun caso confirmado non convivente (persoa familiar ou amiga).

Os novos datos da enquisa confirman tamén que a prevalencia aumenta co número de síntomas compatibles coa Covid-19, e que é particularmente alta (43%) entre quen desenvolve perda de olfacto (anosmia).

O estudo impulsado polo ISCIII e Sanidad é, polo de agora, a radiografía máis precisa para coñecer a circulación do SARS-CoV-2 desde o comezo da pandemia. O traballo publicouse na revista The Lancet en agosto. Entre abril e xuño, a Xunta de Galicia decidiu impulsar un estudo propio, cun só test rápido a cada participante, sendo a única comunidade que o puxo en marcha pola súa conta. As cifras ofrecidas pola Xunta na primeira onda de análises reduciron á metade (de 60.000 a 30.000) as persoas infectadas polo SARS-CoV-2 en Galicia. Ata o momento, non se coñecen os resultados definitivos da enquisa.


Podes descargar o informe completo da cuarta rolda do ENE-COVID nesta ligazón (en formato PDF).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.