Chegan as Cuadrántidas, a primeira choiva de estrelas de 2022

Xunto ás Perseidas, será un dos fenómenos máis intensos do ano, con preto de 100 meteoros que acadarán o seu punto máximo esta noite

Cando finaliza o ano, mentres tratamos de comer as uvas ao ritmo das badaladas, pedimos unha infinidade de desexos. Queremos comezar xaneiro co pé dereito, esperando que os meses transcorran cheos de boas novas. Se aínda non o fixeches, hoxe tes unha nova oportunidade. O ceo desta noite, a do 3 ao 4 de xaneiro, estará protagonizado polas Cuadrántidas, a primeira chuvia de estrelas do ano. Uns meteoros que, xunto coas Perseidas e as Xemínidas, son os máis intensos do ano. Dende o Instituto de Astrofísica de Canarias (IAC) estiman que caerán 100 ‘estrelas’ por hora. E malia que a lúa nova permitiría ver incluso os meteoros máis débiles, isto parece complicado en Galicia. Durante a tarde-noite de hoxe estaremos dándolle a benvida a unha fronte fría que dificultará a observación das Cuadrántidas.

Máis en detalle, naquelas zonas onde as nubes non impidan mirar ao ceo, será posible ver —de media— un meteoro cada catro minutos. E incluso algúns deles serán moi brillantes. Iso si, debes escoller un sitio sen contaminación lumínica e con horizontes despexados. De todas formas, as Cuadrántidas serán visibles no hemisferio norte, pero non acontecerá o mesmo no hemisferio sur. Isto débese a que o punto onde “nacen” os meteoros —denominado “radiante”— atópase ao norte da constelación de Bootes, preto da cola da Osa Maior. Segundo o Observatorio Astronómico Nacional (OAN) de aí vén o seu nome, da constelación Quadrans Muralis. Foi designada así por un astrónomo francés, aínda que hoxe xa non está recoñecida pola Unión Astronómica Internacional (IAU).

Publicidade

O asteroide 2003 EH

As Cuadrántidas, por tanto, dan inicio ao novo ano. Unha chuvia de estrelas que, en realidade, non deixan de ser partículas de po de diferentes tamaños —algunhas con como os graos de area— que van deixando os cometas cando orbitan arredor do Sol. Os seus restos dispérsanse e atravesan a atmosfera terrestre, onde entran a gran velocidade ata desintegrarse. E todo ese proceso é o que se traduce, para nós, en trazos luminosos. Porén, isto non é exactamente o que acontece durante as Cuadrántidas. A diferenza doutras chuvias de estrelas, as primeiras do ano non se desprenden un cometa, senón dun asteroide. Segundo o IAC, proveñen do 2003 EH. E isto sábese porque non hai ningún comete cuxa traxectoria coincida con esta nube de po.

Para observar as Cuadrántidas en Galicia non se poden dar moitos consellos, posto que as malas condicións climatolóxicas serán as principais inimigas da observación nocturna. Se a situación fose máis favorable, os consellos son os habituais: zonas altas e escuras, con pouca contaminación lumínica. Buscar espazos con poucos obstáculos para a vista e non empregar instrumentos ópticos que poidan limitar o noso campo de visión. Dende o OAN recordan que as Cuadrántidas se poderán ver en calquera parte do ceo, aínda que o seu radiante se atope na constelación de Bootes. Tamén aconsellan deitarse, abrigarse e esperar que a vista se acostume á escuridade. E xa, como colofón e inicio de ano, pedir un desexo. Ou varios.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Dentro do ‘Odón de Buen’, o buque ‘vigués’ que navega cara á nova campaña científica na Antártida

O oceanográfico construído en Galicia participará por primeira vez nas operacións de apertura das bases españolas do polo sur

Galicia facilita o acceso a Lenzetto dende o estranxeiro ante o desabastemento do fármaco para a menopausa

A falta de tratamento indicado para tratar os síntomas da deficiencia de estróxeno tras a menopausa ten outras alternativas financiadas

Que é o efecto Fujiwhara? O fenómeno polo que un tren de borrascas regará Galicia

Unha fronte activa avanzará polo oeste peninsular e deixará choivas que se manterán canto menos ata o xoves

As emisións bioxénicas de CO2 aumentaron o 64% en Galicia dende 1990

Se se contabilizasen nos inventarios oficiais, elevarían nun 20% o balance galego de gases de efecto invernadoiro