O mellor banco do mundo

“A cultura tecnolóxica está a obrigar ao home a vivir en cárceres confortables, en inmensos labirintos sen horizontes, feitos de cemento, ferro e cristal”
Félix Rodríguez de la Fuente

Hoxe en día, case todos cargamos cun móbil con cámara e acceso a internet. Así, as redes sociais, Instagram, WhatsApp,… fanse de ouro xa que a xente comparte fotos de viaxes, lugares, comidas, basicamente a súa vida. Entre tanta variedade e posibilidades do mundo online púxose de moda o dos mellores e máis bonitos bancos do mundo.

Publicidade

Estas imaxes pódense volver virales como lle aconteceu a unha foto tomada por Dani Caxete en 2014 ás 3 da madrugada nun banco situado nos cantís de Loiba (Ortigueira). No banco pódese ler: “The best Bank of the World” (O mellor banco do mundo). Os cantís de Loiba e as súas covas ou furnas son espectaculares. Entre tanta beleza non podían faltar as praias como a de O Picón e O Coitelo. Cando o mar bravío choca contra as rochas, unha delas, a Pena Furada, produce unha sonoridade especial. Por desgraza, aínda non fun pero din que vaias de día ou de noite sentar no banco de Loiba é unha experiencia única pola beleza das vistas e a tranquilidade que un percibe estando alí sentado (http://www.espasanteortegal.es/105117100). Como dicía Upton Sinclair, “As terras pertencen aos seus donos, pero a paisaxe é de quen sabe aprecialo”.

En Redondela que está na ría de Vigo non quedaron atrás e reclamaron o seu trono para o mellor banco do mundo. O banco está situado no miradoiro do “Campo da Rata” no Monte de Cedeira. No banco pódese ler: “Galicia. It´s different” (Galicia. É diferente). Desde aí ves gran parte da ría de Vigo incluídas as illas Cíes, a ponte de Rande ou a enseada de San Simón. As vistas son panorámicas e pagan moito a pena. Outra fotaza!!!

Publicidade

Pero como en todo pódese ir máis lonxe e a un grupo de veciños de Noalla (Sanxenxo) acendéuselles a lámpada e o enxeño levoulles a facer tamén os seus propios bancos que pesan un 200Kg, transportalos e colocalos onde eles consideraron oportuno, e onde as vistas son das que che deixan coa boca aberta.

Banco de Noalla. Foto: Rosa Lores, vía Twitter.
Banco de Noalla. Foto: Rosa Lores, vía Twitter.

Un colocárono en Punta Faxilda e outro na Lanzada. Á falta dun puxéronse dous, Olé!!! Simplemente les “NOALLA”, dabondo para saír na TVE nacional pola súa beleza e polo seu misticismo. Ata os de Google Maps incorporaron ao seu mapa o banco que hai no illote situado entre a Praia dá Area Gorda e a Praia dá Lapa como “Banco PANORÁMICO da Lanzada”.).

Así, a terra de Cornelia bautizada a diario polo mar atlántico é visitada polos fans da fotografía, por aqueles que buscan coñecer un sitio novo ou distinto, e moitas veces, por ver algo pululando na internet tan simple como unha fotografía. Por tanto, agora Noalla tamén ten un dos mellores bancos do mundo. Ambos os lugares son espectaculares e cunhas panorámicas de quitar o hipo.

Honestamente paréceme unha gran iniciativa, a condición de que se protexan esas paraxes marabillosas e non se acaben esnaquizando polo turismo, etc. Como diría Gary Snyder “A natureza non é un lugar para visitar. É o fogar!” A día de hoxe xa hai moitos máis bancos como os mencionados e seguro isto seguirá medrando.

Ao final, o bonito de todo isto é que lugares que pasaban quizais desapercibidos agora son máis coñecidos e podemos gozalos todos. Da noite para a mañá convertéronse nun atractivo turístico senón o eran. Nace un novo xeito de fomentar o sendeirismo e vida saudable, un reclamo para o gozar e para marabillarnos coa beleza da nosa terra, unha maneira de baixar a tensión da vida diaria e recobrar a enerxía, unha forma sinxela e barata de dar e coñecer nosa Galicia, aquí e alén das fronteiras.

Que pensaría o gran naturalista, divulgador e defensor do medio ambiente Félix Rodríguez de la Fuente sobre estes bancos, as súas vistas e as paraxes en que se enclavan? Sexa o que sexa está claro que se non fose pola iniciativa de veciños/as destes lugares, eses bancos de madeira e esas fotos virales na internet, quizais moita xente nunca coñecería nin podería gozar de Loiba, do Monte daRata nin de Noalla. Agora pregúntome… Cal será o seguinte lugar que reclame o trono ao mellor banco do mundo?

Aproveito para lembrar que nunca debemos esquecer que ?”A natureza é inagotablemente sustentable se coidamos dela. É a nosa responsabilidade universal pasar unha terra sa ás futuras xeracións” (Sylvia Dolson) e que “Na natureza está a preservación do mundo” (Henry David Thoreau). Como se adoita dicir, unha cousa é dicilo e outra facelo realidade. Esperemos que non sexa demasiado tarde.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como de sostible é o teu concello segundo os obxectivos para 2030? Compróbao neste mapa interactivo

A UVigo desenvolve unha plataforma aberta que avalía o grao de cumprimento dos 17 ODS a partir de 69 indicadores

Investigadores analizan macroalgas verdes mariñas para impulsar a súa valorización en Galicia

Un equipo da UVigo estuda os polisacáridos do xénero Codium da costa galega como fonte de novos ingredientes funcionais

Unha tese identifica unha Escola Galega de Percusión con ritmos e técnicas propias

A investigación de Cristian Silva Bóveda na USC recupera a historia dos intérpretes relegados e descifra os patróns de gravacións do século XX

Galicia está entre as zonas cun maior declive de polinizadores de Europa

Entre os anos 1921 e 2020, na rexión atlántica diminuíu un 42% a ocupación das especies de abellas e nun 32% a dos sírfidos