O bitcoin e outros termos arredor del

De hai un tempo para aquí, os medios de comunicación falan moito do bitcoin, esa moeda que se merca e se vende por internet e que tanto pode facer rica á xente en catro días como arruinala.

Como de economía sabemos entre pouco e nada, non esperedes que falemos das súas potencialidades ou dos seus riscos (para iso tedes que buscar outros blogs). O que imos facer é comentar algúns termos relacionados con esta moeda e a forma máis acaída para referirse a eles en galego.

Publicidade

O primeiro deles é o mesmo bitcoin (unha palabra inglesa formada pola unión de bit e coin), aínda que en realidade non ten moito que contar: todas as linguas do noso contorno incorporan esa palabra sen modificacións, así que iso mesmo é o que nos toca facer en galego.

O segundo dos termos é o que designa a tecnoloxía en que se basea: o blockchain. Trátase dunha base de datos distribuída, formada por unha serie de bloques de datos que se almacenan sucesivamente, e deseñada para impedir que poida ser modificada despois de que un bloque se publique, empregando para iso un selo de tempo confiable e enlazando a un bloque anterior. Pero o que nos interesa aquí é saber que as principais linguas europeas optaron por traducir o nome (cadena de bloques, chaîne de blocs, cadena de blocs, cadeia de blocos), o que nos leva a recomendar para o galego unha solución similar (cadea de bloques), forma que vimos recomendando a través de bUSCatermos.

Publicidade

En terceiro lugar, fixarémonos na nomenclatura que se emprega para a súa clasificación. Cando se fala do bitcoin chámaselle unhas veces moeda dixital, outras moeda virtual e outras criptomoeda como se estas tres denominacións fosen sinónimas. E non o son:

  • Unha moeda dixital é calquera moeda que se almacena e se transfire electronicamente, non de forma física como as moedas e os billetes. É, pois, un concepto moi xenérico que abrangue desde o diñeiro que está na nosa conta bancaria ata os bitcoins.
  • Unha moeda virtual é un tipo específico de moeda dixital, non regulada, emitida e normalmente controlada polos seus desenvolvedores, que é empregada e aceptada entre os membros dunha comunidade virtual específica, pero que en principio non serve para comprar bens fóra desa comunidade. Segundo iso, non deberiamos incluír o bitcoin nesta categoría.
  • Unha criptomoeda é outro subtipo de moeda dixital descentralizada, concibida para ser utilizada como medio de intercambio, que emprega a criptografía para asegurar as súas transaccións e controlar a creación de unidades adicionais, sen necesidade de intermediarios. E o bitcoin é o exemplo prototípico desta tipoloxía de moeda dixital.

 

Xa que logo, quedade con dúas ideas básicas de todo isto:

  • Moeda dixital, moeda virtual e criptomoeda non deben tratarse como sinónimos.
  • Debemos empregar bitcoin e cadea de bloques para referirnos á criptomoeda máis coñecida e á tecnoloxía que en que se sustenta.

 

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O IGFAE colabora na detección da fusión de buracos negros máis grande xamais observada

Os centros LIGO-Virgo-KAGRA anuncian a identificación dunha onda gravitacional que abre novas perspectivas no estudo destes eventos cósmicos

A RAGC entrega os seus premios anuais de transferencia, divulgación e xornalismo

Os avances de NeurObesity e o grupo I+D Pharma foron recoñecidos xunto ao traballo de Galiciencia e Lucía Cancela

Deseñan na USC modelos 3D para reproducir un tumor con fibras de hidroxel

O estudo permite a simulación tridimensional nunha única fibra estable que facilita a manipulación experimental en tres fases: líquida, xel e gas

A virxe ao servizo da física (ou como reconstruír a historia do clima con procesións)

As rogativas católicas para pedir a intervención divina na meteoroloxía complementan as ferramentas científicas das que dispón a paleoclimatoloxía