Investigación: Juan Luis Arsuaga e Atapuerca

A relevancia internacional do xacemento burgalés evidencia a necesidade de que as Administracións aposten polo financiamento da ciencia

Moitos dirán: que é isto de Atapuerca? A historia real é a da nosa propia evolución, que comezou hai millóns e millóns de anos. Un dos estudantes  do profesor Emiliano Aguirre (galego de Ferrol) estudaba fósiles de osos, e un día tróuxolle uns dentes que atopou na Serra de Atapuerca (Burgos). Aguirre deuse conta que eran dentes humanos e decide visitar o que se converterá no xa mundialmente famoso Sitio arqueolóxico de Atapuerca. Así comezou esta historia. Nin Emiliano Aguirre, nin José María Bermúdez de Castro,  Eudald  Carbonell ou Juan Luís Arsuaga podían imaxinarse nas primeiras escavacións de 1978 o que Atapuerca daría de si. Para ter unha idea da dimensión do traballo que se desenvolve en Atapuerca: o equipo investigador de Atapuerca gañou o premio Príncipe de Asturias de Investigación Científica e Técnica en 1997; foi portada das mellores revistas científicas do mundo e é un lugar privilexiado e único para o estudo da evolución humana no mundo.

O pasado 25 de abril, Juan Luis Arsuaga deu unha charla en Vigo, na que se lle fixo entrega da medalla do Instituto de Cultura, Ciencia e Tecnoloxía (ICCT) conmemorando os dez anos de revista “Investigación”. Tiven a sorte de asistir ao devandito acto e á súa charla. Foi fascinante! Así como Arsuaga quedou fascinado de neno polo libro La Guerre du feu (1911), eu quedei coa película baseada nesa novela: Na busca do lume (1981). Posiblemente listes o libro, ou vistes a película. E se non facédeo, porque paga a pena. A orixe das especies, O mono espido, O xene egoísta, A dobre hélice, Breve historia do Tempo,… todos son libros que tentan explicar a orixe do universo, do tempo e o espazo, da terra e a vida, co fin último de explicar a nosa propia orixe.

Publicidade

A evolución humana é complexa, e baséase en estudar fósiles, conectalos, datalos correctamente, ver o que veu antes ou despois… Todo isto fai que sexa un traballo moi complexo, arduo e longo, onde equipos de científicos multidisciplinares de todo o mundo teñen que apañarse para entenderse e chegaren a conclusións, simplemente observando moitas veces pezas (fósiles de miles, centos de miles ou millóns de anos) dun enorme, complexo e incompleto quebracabezas (un dente, unha falanxe, un anaco dun óso. Por exemplo, hai unhas semanas coñeceuse a aparición dunha nova especie humana en Filipinas, o Homo luzonensis.

Juan Luis Arsuaga.
Juan Luis Arsuaga.

Que vos pode soar de Atapuerca? A Trincheira do Ferrocarril (A Gran Dolina, Sima do Elefante), a Cova Maior (Sima dos Ósos), o cranio número 5 (Homo Heidelbergensis) chamado Miguelón (por Miguel Indurain), ou ou Homo Antecessor. A riqueza de Atapuerca é indubidable e deu moitas alegrías, pero como dixo  Arsuaga na súa charla, daranos moitas máis no futuro, xa que a riqueza destes xacementos é inigualable no mundo, e hai traballo para moitos anos: unha aposta segura. Para os que investigan a evolución humana, un xacemento como  Atapuerca é un tesouro, e para nós tamén, pois grazas aos restos fósiles que alí se atopan e ao traballo dos investigadores, podemos comprender mellor a nosa historia evolutiva e a nós mesmos.

Publicidade

A nosa querida Lucy, o célebre esqueleto de H. Australopithecus, medía apenas un metro. O ser humano foi evolucionando e fíxose  bípedo, comezou a usar e fabricar ferramentas cada vez máis sofisticadas, comezou a cazar e tamén foi cambiando a súa alimentación, dunha  vexetariana a outra máis carnívora. Así, foise acurtando o aparello dixestivo e o noso cerebro saíu favorecido deste cambio. Os Homo aumentaron o seu tamaño, gañaron musculatura, chegaron os cazadores-recolectores, xorden tamén as comunidades (pois somos animais sociais), xorde o pensamento simbólico (adornos corporais, arte…), a linguaxe, domestícanse os animais, etc. Convivimos e mesmo hibridamos co home de Neandertal, como demostran as trazas do ADN que compartimos (3-4%). Nalgún momento existiu un antepasado común a todos os humanos (Homo sapiens), a denominada Eva  mitocondrial, que saíu de África. Co tempo adquirimos consciencia de quen somos, e como ben mostrou Arsuaga, con iso adquirimos a capacidade de saber que pensan os outros, simplemente vendo xestos ou imaxes. Incluso podemos chegar a anticipar os escenarios do que pasará no futuro. Isto débese entre outras cousas á retracción da nosa cara e ao noso corpo diferente respecto a as especies de  homínidos anteriores, que facilitan a comunicación, unha linguaxe corporal moito máis complexa e avanzada. Como exemplo, basta observar o cadro das Meninas de Velázquez e sacar as  propias conclusións do que alí pasa.

Hai que lembrar que para poder iniciar os seus traballos en  Atapuerca, Emiliano Aguirre escribiu, pediu e obtivo financiamento a través dunha subvención do Goberno. Sen ese apoio económico que permitiu iniciar as escavacións, que tería sido de Atapuerca? Os recortes dos últimos anos á ciencia en España, dedicando tan só un 1.2% do PIB a investigación (a media europea é un 2%), as trabas burocráticas, e quizais tamén as falsas promesas ou o pouco interese por parte dos gobernantes, fai que moitos descubrimentos, moitos soños e moitas posibles curas a enfermidades queden polo camiño. Seguro que se acordarán de Santa Bárbara cando  trone. Para cando un Pacto de Estado pola Ciencia?  Hai que agradecer e recoñecer o traballo de investigadores como o grupo de Atapuerca, o profesor Arsuaga e tantos outros no noso país, que aínda moitas veces contra vento e marea, e en moitas ocasións sen recursos, seguen investigando e facendo ciencia co propósito de entender o pasado, axudar ao progreso e mellorar o futuro. A aventura do saber non ten límites, aínda que pareza que queren poñerllos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Xavier Montalbán: “O virus de Epstein-Barr é unha condición sine qua non para padecer esclerose múltiple”

O neurólogo é recoñecido polas súas aportacións nos últimos avances na mellora do prognóstico e tratamento da enfermidade

Un asteroide recibe o nome do astrofísico galego Manuel Carreira

Na súa etapa nos Estados Unidos, Manuel Carreira traballou co descubridor dos neutrinos, Clyde Cowan: a súa pegada vese agora no ceo

Un cento de persoas participan na Domus nun congreso científico para estudantes

Os catro gañadores do evento poderán gozar dunha estancia de dúas semanas xunto a grupos de investigación da UDC

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica