Entrada da cova de Callao, en Luzón (Filipinas), onde se atoparon os restos do
Entrada da cova de Callao, en Luzón (Filipinas), onde se atoparon os restos do "Homo luzonensis". Foto: Muséum national d’Histoire naturelle.

Atopan en Filipinas unha nova especie humana, o “Homo luzonensis”

"Nature" publica as conclusións tiradas a partir de varios restos óseos cunha "sorprendente" combinación de trazos primitivos e modernos

En 2007, na cova do Callao, ao norte da illa de Luzón (a máis grande e septentrional das Filipinas), apareceu un metatarso dun homínido que foi datado en 67.000 anos. Aquela era a evidencia máis temperá ata o momento da presenza humana nas illas. O óso foi analizado, e viuse que pertencía ao xénero Homo, pero non se puido aclarar a especie á que pertencía. As investigacións continuaron na cova de Callao, e atopáronse varios ósos do pé e das mans, un fémur e dentes de alomenos tres individuos distintos. E os resultados, que publica hoxe a revista Nature, cambiarán os libros de texto sobre a historia dos homínidos: eran Homo luzonensis, unha nova especie humana.

Restos dos dentes do "Homo luzonensis". Fonte: Nature.
Restos dos dentes do “Homo luzonensis”. Fonte: Nature.

Os restos atopados amosan, segundo o artigo, “unha combinación de trazos morfolóxicos primitivos e derivados que son diferentes da combinación de características atopadas noutras especies do xénero Homo” (incluíndo o Homo floresiensis e Homo sapiens) e xustifica a súa atribución á nova especie bautizada como Homo luzonensis. Así, con estes novos datos confírmase a presenza doutra especie de homínido (xunto ao Homo floresiensis) ao leste da coñecida como liña de Wallace (límite bioxeográfico que separa Asia e a zona de transición cara a Oceanía) durante a época do Pleistoceno superior, o que subliña a importancia dos arquipélagos do sueste asiático na evolución do xénero Homo.

O achado foi realizado por un equipo dirixido por Florent Détroit, do Museo de Historia Natural de París. En declaracións á Axencia Sinc, Détroit expón que o que converte ao Homo luzonensis nunha nova especie é “a combinación de todas as características que describimos xuntas; cada unha por separado pode atoparse nunha ou varias especies de homínidos. Isto é o que indica tamén que ten máis afinidades con especies do xénero Homo ca con outros xéneros de homininos, como o Australopithecus o Paranthropus. Ao tomar o paquete completo, ningunha outra especie de homo é semellante”.

Situación da cova de Callao, onde se atopou o "Homo luzonensis", e terras por riba do nivel do mar no momento no que viviron estes homínidos. Fonte: Nature.
Situación da cova de Callao, onde se atopou o “Homo luzonensis”, e terras por riba do nivel do mar no momento no que viviron estes homínidos. Fonte: Nature.

O elemento máis sorprendente e interesante dos que se atoparon, segundo subliña Sinc, é a falanxe do pé CCH4, debido á súa forma e morfoloxía, moi pouco habitual nas especies de Homo máis recentes. Explica Détroit: “Lembro que o día que o atopamos, durante a escavación de 2011, tiven unha discusión cun colega filipino especializado en H. sapiens, porque non podía aceptar que fose unha falanxe dun pé. É un dos elementos máis interesantes do Homo luzonensis porque amosa características sorprendentemente primitivas, como o Australopithecus.

Os dentes tamén presentan unha sorprendente combinación de trazos morfolóxicos modernos e primitivos. “Están moi ben documentados no rexistro fósil de homininas e son ben coñecidos polo seu valor taxonómico e filoxenético. Os dentes do H. luzonensis son moi importantes”, engade o investigador francés.

En canto ás reaccións, sempre rodeadas de controversia, que rodean a este tipo de estudos sobre a evolución humana e as novas especies, o experto responde: “Por suposto, algúns compañeiros cuestionarán a lexitimidade de describir unha nova especie baseada nun pequeno conxunto de fósiles, pero a cuestión de que é unha especie é un tema moi debatido que non se resolverá (nin se fará máis complicado) cun debate sobre se era unha boa ou mala idea describir a Homo luzonensis“.

Como era o Homo luzonensis?

Por agora, cos datos dispoñibles, é difícil describir con certeza o tamaño, a aparencia física ou o comportamento desta especie. Non en tanto, os científicos apuntan, con precaucións, a que se trataba dun homínido cun corpo pequeno, debido ao tamaño da dentadura e o metatarso.

Tamén parece que camiñaban de forma distinta. O traballo menciona características nos ósos dos pés semellantes aos Australopithecus, interpretadas como posibles evidencias dun comportamento locomotor mixto, sendo ao tempo bípedos e tendo habilidade para escalaren árbores.

Referencia: A new species of Homo from the Late Pleistocene of the Philippines (Publicado en Nature).

1 comentario

  1. Excelente artigo. Mágoa que se vos esquecese o til de “óso” un par de veces 🙂

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.