Humanos: os que somos e os que deberiamos ser

Ter familias numerosas foi, é e seguirá sendo unha constante de fundamentalismos relixiosos, dos pobos e das nacións en xeral. Na historia, os grupos tribais, que na súa orixe comparten crenzas relixiosas, seguen a idea de multiplicarse para ser máis fortes e impedir que a tribo veciña os derrote. Na Biblia, descríbense listas de xeracións de homes que teñen moitas mulleres as cales dan vida a decenas de fillos, e os mormóns en EE.UU. son polígamos polo mesmo, para medrar e ser fortes como grupo. Pero, en todas as doutrinas relixiosas hai exemplos de periodos puntuais onde por razóns de seguridade, para preservar o benestar familiar e social, recomendábase espaciar os nacementos, provocando así a salvación de países. Pero algo cambiou dende aquela ata a actualidade.

En cen anos, dende 1900 ao 2000, a poboación multiplicouse por 4, e o consumo de recursos por 17. Somos 7.200 millóns de persoas, 2.300 máis no ano 2050, segundo a ONU, e vivimos nun planeta con recursos limitados e un clima atolado.

Publicidade

superpoblaciónDaquela, ¿cantos humanos soporta o planeta? O naturalista británico David Attenborough cre que os humanos son “unha praga sobre a Terra” e invita a controlar o crecemento da poboación para sobrevivir. Pensando no futuro do noso planeta, Attenborough amósase pesimista, non só se trata do cambio climático, é tamén unha cuestión de espazo, de se haberá suficiente sitio para cultivar alimentos que suministrar a toda esta enorme multitude. Unha presenza masificada de humanos para os que quizáis non haxa recursos suficientes.

Así mesmo, Alan Weisman, xornalista, profesor e experto en medio ambiente, afirma que existe unha cifra óptima de habitantes para o planeta que “sería aquela na que todas as persoas poideran vivir dignamente sen poñer en perigo o noso futuro”. Varios expertos completan esta resposta presentando varias maneiras de calcular ese número. Unha delas é considerar que as emisións de Co2 á atmósfera non alteren o clima nen o ecosistema dos océanos. John Holdren, físico e asesor de Obama en ciencia e tecnoloxía, calcula que para que iso fose posible, o máximo de habitantes do mundo debería estar entre 1.500 e 2.000 millóns. Se somos máis é en parte pola aparición de fertilizantes químicos que permitiron producir moita máis comida, aínda que iso ten un prezo que o pagamos hoxe en día, e que no futuro aínda o sentiremos máis, é dicir, pan para hoxe e fame para mañá. Dende logo sen o descubrimento  dos abonos con nitratos na segunda metade do século XIX, a poboación mundial non superaría ese número ideal. A parte de que o nitróxeno esteriliza solos, contamina mares, e ríos, altera o sexo de especies de peces e emite moitos gases de efecto invernadoiro. Ademais outra das solucións a este problema, segundo Weisman é esperar a ter fillos posto que é unha das formas máis sinxelas de baixar a natalidade, e así reducir a superpoboación. Outra opción sería optar pola adopción, hai millóns de nenos orfos.

Publicidade

En España é onde temos unha das taxas de nacemento máis baixas do mundo, as parellas demóranse en procrear por razóns económicas. O promedio de idade das españolas en ter o primeiro fillo é de 29 anos. Para Weisman, somos un país que está a protexer o planeta, e para os informativos de Matías Prats é un titular alarmante, por unha banda porque parece que España está a vivir un desastre demográfico, e pola outra polas advertencias que trae para as mulleres a maternidade tardía. De maneira natural o corpo da muller traballa para disminuir as posibilidades de embarazo a medida que se achega á menopausia. Así, aparecen problemas de concepción, e hai cada vez máis a necesidade de acudir a técnicas de reproducción asistida. Nada disto é causa para desaconsellalo, pero sí que é preciso estar informadas de todos os riscos.

Non hai dúbida de que o planeta está desequilibrado, superpoboación por un lado, taxas baixas de nacemento polo outro, escasez de alimentos, toneladas de comida desperdiciadas, soberbia e humildade, ambición e necesidade, todos estos conceptos pasean da man misturados sen control, cada día, cada segundo da nosa existencia. Pero preferimos tapar os ollos e pensar “é o que hai” “que lle imos facer” “a vida é así”. O que hai, é que en cen anos a poboación multiplicouse por 4, e o consumo de recursos por 17, o que hai é que Estados Unidos produce o 24,3% de emisións de CO2 e a Unión Europea un 15,3%. Que lle imos facer, en Níger cando a taxa de fecundidade é de 7,5 nenos por muller, ou Pakistán que ten 190 millóns de habitantes e serán 395 millóns no 2030, que lle imos facer, na India onde nacen 43.000 nenos ao día e 15 millóns ao ano, e antes do 2025 será o país máis poboado do mundo por diantre de China. A vida é así, o 40% da superficie terrestre non conxelada dedícase á producción de alimentos, pero 1.000 millóns de persoas sufren malnutrición crónica e 16.000 nenos morren de fame cada día.

Do que estamos seguros, remontándonos á historia da bioloxía, é que cando unha especie medra máis rápido que os recursos dos que dispón, acaba sufrindo un desastre demográfico. A natureza imponse, como xa o estamos a ver e sobre todo a sufrir nos países subdesenvolvidos. Agora que, inmersos neste mundo, nestas circunstancias, a solución… estará en educar á muller para que teña os fillos máis tarde, ou estará en que eduquen á superpoboación para que se distribúan dunha maneira razoable os recursos? Por exemplo, se Alemaña, pese a ser un país setentrional cun inverno duro, é líder mundial en enerxía solar, non será imposible para o resto de países. Se todas as mulleres tiveran o control da súa fertilidade, e foran donas do seu corpo para decidir, igual o mundo cambiaría. Nunha punta morren de fame, noutra punta morren por obesidade, igual se os que teñen máis deixaran de abusar tanto da enerxía, da comida e todo o que nos rodea en xeral, igual se podía chegar a un punto medio para toda a poboación mundial.

De todos os xeitos, ou aportamos todos, ou seguirá sen existir un condón para o consumo.

2 COMENTÁRIOS

  1. Pareceme unha mensaxe moi clara para certos temas que se debaten hoxe en día. Fai anos merquei un libro nunha biblioteca checa, que dicía algo así como que as tendas e os negocios debemos velas con gafas de raios X (Tim Haford) . En concreto, a min axudoume a parar o impulso consumista. Ogallá a outr@s funcionáralle para frealo e poder prestar máis atención a temas como os que describes.
    The undercover economist

  2. Sobre este trascendental asunto teño eu escrito nun artigo titulado “Nós, os detritívoros” que se pode atopar en varias versións, en diversos idiomas e con máis ou menos desenvolvemento en DETRITIVOROS.COM.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Estes 10 alimentos poden prexudicar o teu corazón

O colesterol elevado, a presión arterial alta, a diabetes ou o sedentarismo son os principais factores de risco para as enfermidades cardiovasculares, que representan a segunda causa de morte en España

Juan Picos: “O que está pasando cos incendios en Portugal ímolo ver en Galicia”

O enxeñeiro de montes prognostica vagas de lume extremas como as do país veciño debido á degración do solo e o cambio climático

O marisqueo a pé, un paradigma da sostibilidade

As pegadas de carbono e hídrica desta actividade son moi baixas a causa da súa natureza puramente artesanal

Estas son as luces e sombras do xaxún

Un estudo do Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts apunta a que esta abstinencia axuda ás células nai intestinais a rexenerarse e curar lesións, pero tamén aumenta o risco de cancro en ratos