O Día Mundial de Internet coincide co das Letras Galegas cada 17 de maio. Co gallo destas celebracións, cabe preguntarse cal é a situación actual do galego na Rede. A realidade é que está a perder peso. No último ano, a porcentaxe do uso do galego reduciuse á metade, segundo datos estimativos de w3techs.com, pasando de case un 0,015% do total de contidos web no mundo a apenas un 0,0075%. A caída foi especialmente dramática durante os meses de maio, setembro e outubro de 2013.
Os datos actuais sitúan o galego moi lonxe dos idiomas que superan o 0,1% dos contidos en liña e que marca a fronteira entre as linguas consideradas relevantes na Rede e as minoritarias.
A lingua galega sitúase actualmente no posto 48 na clasificación mundial, con porcentaxes semellantes ao saami setentrional (idioma que se fala en rexións do norte de Noruega, Finlandia e Suecia) e colócase inmediatamente despois do albanés e do mongol, segundo os datos estimativos de w3techs.com, que analiza a diario cerca de 10 millóns de páxinas web de todo o mundo.
Os sitios web máis populares nos que se usa o galego son:
- Facebook.com
- Wikipedia.org
- WordPress.com
- Bing.com
- Google.es
- Wiktionary.org
- Wikibooks.org
- Lavozdegalicia.es
- Tuenti.com
- Wikisource.org
Clasificación | Lingua | Porcentaxe |
---|---|---|
1 | Inglés | 55.9% |
2 | Alemán | 6.0% |
3 | Ruso | 5.9% |
4 | Xaponés | 5.0% |
5 | Español | 4.6% |
6 | Francés | 4.0% |
7 | Chinés | 3.1% |
8 | Portugués | 2.3% |
9 | Italiano | 1.8% |
10 | Polaco | 1.7% |
A lingua dominante segue sendo, con gran diferenza, o inglés, utilizada en máis da metade dos stios web, seguida xa moi de lonxe polo alemán, ruso e xaponés. O español, malia que segue crecendo en Internet, ocupa o sexto posto cun discreto 4,6%, e o portugués, co 2,3%, é o oitavo idioma máis utilizado, segundo os recentes datos aportados por w3techs.com.
Se se compara a porcentaxe do uso do galego cos datos das outras linguas cooficiais do Estado, obsérvase que a publicación en catalán é 8,6 veces maior, mentres que respecto ao vasco, a presenza do galego é 1,6 veces maior. Destes tres idiomas, só a lingua catalana experimentou un leve ascenso no último ano á vez que o peso dos idiomas propios de Galicia e do País Vasco en Internet caeu de xeito considerable.
Wikipedia
Tamén cabe salientar que na produción das enciclopedias en liña libres, políglotas e editadas colaborativamente, as chamadas Wikipedias, o galego, que conta coa súa Galipedia, sitúase no posto 47 na clasificación de artigos publicados por idioma, con 112.887 textos editados, é dicir, o 0,358% do total de publicacións nas Wikipedias de todo o mundo, segundo os datos actuais de Wikimedia.
Na produción de artigos na Wikipedia, o galego colócase inmediatamente despois do noruegués (113.77 artigos) e por diante do inglés simple (112.587), idioma este último controlado e artificial baseado na simplificación do vocabulario e gramática da lingua natural.
A publicación en galego mantense moi lonxe da produción en catalán (427.980 artigos) e está tamén por debaixo do vasco (180.390).
A rede social Twitter é o novo paradigma da información practicamente en tempo real e inmediata en Internet. Recentemente, a compañía GNIP, de Colorado (Estados Unidos), elaborou un mapa interactivo con datos extraídos de Twitter para xeorreferenciar chíos publicados por usuarios de todo o mundo nas distintas linguas utilizadas nesta rede.
Durante 18 meses, recolleron unha mostra de datos de Twitter con etiquetas xeográficas para visualizar nun mapa a densidade dos distintos idiomas identificados, entre eles, o galego. De novo, o inglés é a lingua dominante. A súa densidade no mundo é practicamente a mesma que a de todos os demais idiomas xuntos.
En Galicia, obsérvase que o uso do galego entre os usuarios de Twitter é significativamente inferior ao do castelán, como se pode ver nos seguintes mapas e na visualización interactiva.
Não encontrei a metodologia utilizada por http://w3techs.com/ para a identificação das webs em galego. A descida parece-me bastante brusca (0.004 em dous meses), pelo que talvez se deva a variações metodológicas: ou antes de Setembro se computava mais galego do que existia, ou depois não se conta tudo. Ou talvez os dados sejam fiáveis, claro.