As previsións do cambio climático cúmprense (por desgraza)

Dende os primeiros estudos hai un cuarto de século sobre o cambio climático, a comunidade científica non fixo máis que confirmar as súas predicións e modelos. O planeta dálles a razón ós pesimistas e constata que, a pesar de que os instrumentos e sistemas que empregaron hai 25 anos eran moito menos potentes, os resultados cumpríronse. Isto redunda na fiabilidade dos informes actuais, que con mellores e máis desenvolvidos sistemas serán aínda máis fiables. Esta é unha das principais conclusións que enumera Juan Antonio Añel (University of Oxford e Universidade de Vigo), membro do Panel Intergubernamental de Cambio Climático( IPCC).

Añel foi un dos revisores do informe do Grupo I de traballo do IPCC, A base da ciencia física, o quinto en 25 anos, que trata sobre a base científica do cambio climático. Trátase dun informe consensuado e aprobado por unanimidade que consta de 2.500 páxinas nas que se recollen 19 conclusións principais. Segundo explicou Añel nun ciclo de relatorios promovido polo Máster en Xestión do Desenvolvemento Sostible (MXDS) e as Facultades de Bioloxía, Ciencias do Mar e Química da Universidade de Vigo, o cambio climático non é un perigo inminente, é unha realidade, un fenómeno que xa estamos sufrindo e as súas consecuencias serán evidentes de xeito cada vez máis extremo nos vindeiros anos.

Publicidade

O nivel do mar aumentou entre 1901 e 2010 unha media de 19 centímetros

A confirmación dos modelos sobre o cambio climático redunda na fiabilidade dos informes actuais, que con mellores e máis desenvolvidos sistemas serán aínda máis fiables, explicóu Juan Antonio Añel. Neste quinto informe, os científicos sosteñen que é sumamente probable que a influencia humana sexa a causa dominante do quentamento global dende a metade do século XX. As principais conclusións son dúas: que os humanos somos os verdadeiros responsables do quecemento do planeta e que o cambio climático é xa unha realidade, segundo publicou o Diario da Universidade de Vigo (Duvi).

O incremento da temperatura da Terra dende 1950 ata a actualidade non ten precedentes e destaca tamén que existe un quentamento da atmosfera e do océano, unha diminución do xeo e da neve e un aumento do nivel do mar e das concentracións dos gases de efecto invernadoiro. A isto engádese o aumento de efectos meteorolóxicos extremos, a diminución de días e noites fríos e o aumento dos calorosos. Por exemplo, o inverno de 2011/2012 foi o segundo máis seco na península Ibérica nos últimos 60 anos. Os expertos do Grupo I falan dun aumento da temperatura a finais do século XXI de entre 1,5 e 2 grados, dependendo dos posibles escenarios futuros no tocante ás emisións. Consideran tamén moi probable que continúe a diminuír a cuberta de xeo ártico, e tamén a facerse máis delgada ao longo de todas as estacións do ano.

Publicidade

Un metro máis elevado

Respecto ao nivel do mar, o informe recolle que este aumentou nos últimos 150 a un ritmo maior que a media dos últimos dous milenios (entre 1901 e 2010 unha media de 19 centímetros) e as previsións din que pode chegar a un metro a finais do século XXI. Tamén seguirá aumentado, segundo o informe do IPCC, a temperatura do océanos e, segundo explican, non só na capa superficial, senón que consideran que alcanzará as capas máis profundas dos océanos e “que se producirán cambios na circulacións oceánicas”, explica Añel. A cantidade de dióxido de carbono, metano e óxido nitroso na atmosfera é a maior dos últimos 800.000 anos e, moi probablemente, nos últimos 100 anos aumentou moito máis rápido que nos 22.000 anteriores. De feito, a cantidade de metano na atmosfera é un 150% maior ca rexistrada antes de Revolución Industrial.

En todos estes procesos a influencia do ser humano é a clave, o causante dunha que xa é unha realidade. Neste informe os científicos apuntan que para conter o cambio climático é necesario reducir de xeito substancial e sostible a emisión de gases de efecto invernadoiro, un tema que corresponde ao grupo II do IPPC, aínda que por demostrado e relevante, consideraron preciso incluílo neste informe. As emisións acumuladas de CO2 determinarán o quentamento medio global, pero “aínda que paremos neste mesmo instante as emisións, os efectos perdurarán durante séculos”, como engade Añel. De feito, os autores consideran que nos movemos en marxes que poden supoñer que nun só século poderíamos dobrar as emisións, é dicir, chegar a finais do século XXI co dobre das xeradas ata agora en todo o sistema climático.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia rexistra 18 mortes en maio asociadas á calor extrema

A provincia da Coruña foi a máis golpeada ao sumar 15 dos falecementos totais do mes, mentres que Ourense non rexistrou ningún

Regresa El Niño, o fenómeno que incrementa (aínda máis) as temperaturas a nivel global

O evento meteorolóxico causa episodios atmosféricos extremos e podería deixar un outono máis chuvioso en Galicia

Congro, ostra e vieira: máis de 60 especies están afectadas polo cambio climático nas Rías Baixas

Unha investigación do Centro de Investigación Mariña analiza o impacto presente e futuro dos episodios meteorolóxicos extremos sobre a fauna mariña galega

A crise da sardiña en Galicia: cae un 90% en 30 anos

O "stock" do Atlántico sufriu un pronunciado descenso na cantidade da súa biomasa debido ao cambio climático e o consecuente quentamento das augas, entre outros factores