Abstracts, papers, reviews, deadlines… e outros anglicismos superfluos da publicación científica

A difusión dos avances técnicos e científicos realízase fundamentalmente a través de publicacións ou de encontros de investigadores nos que se poñen en común distintas experiencias. Nos foros internacionais o inglés é a lingua franca de facto, tanto para a relación entre a organización e os equipos de investigación como para a presentación dos resultados do labor científico.

Como froito desta preeminencia —ou tamén porque o inglés parece darlle un verniz de prestixio a calquera cousa que toca— úsanse cada vez máis palabras inglesas ou calcadas do inglés para nomear conceptos relacionados coa participación en reunións científicas, o envío ou presentacións de orixinais, etc.

Publicidade

Vexamos algúns dos máis habituais:

call for papers ou call for abstracts é unha das primeiras accións deste tipo de eventos. Trátase dunha circular que se difunde entre os investigadores convidándoos a participar activamente no encontro científico, indicando as condicións que se deben cumprir, e solicitando o envío de orixinais; e á que en galego deberiamos referirnos como convocatoria á participación. Esta participación realízase habitualmente a través de papers (sería mellor usar artigos ou comunicacións), dos que é preciso remitir previamente un abstract (que non é outra cousa máis ca un resumo) para que o comité organizador decida se acepta ou non esa comunicación.

Publicidade

A convocatoria á participación adoita fixar unha data límite ou data de remate (máis coñecida polo seu nome en inglés: deadline), a partir da cal deixarán de recollerse as solicitudes de participación.

Ademais dos dous tipos de documentos que xa citamos máis arriba, neste tipo de eventos adoitan presentarse tamén conferencias (lectures) e murais ou pósters (posters). Igualmente é frecuente que se celebren sesións de traballo, sobre un aspecto concreto e enfocadas desde unha vertente moi práctica, que normalmente se designan co seu nome inglés (workshops), pero que veñen sendo basicamente o mesmo que en galego coñecemos como obradoiros, talleres ou, máis xenericamente, sesións prácticas.

Outro anglicismo moi espallado entre nós é o de peer review. Con el faise referencia ao proceso polo cal un artigo ou unha comunicación son revisados por dous ou máis expertos de prestixio nese campo de estudo, que deciden se o traballo que se presenta ten calidade abonda para ser publicado ou aceptado. Xa que logo, unha denominación como avaliación por expertos é moito máis clara.

Con frecuencia preséntanse traballos que ofrecen un estudio documental exhaustivo das investigacións existentes sobre un tema determinado, ás veces como unha primeira etapa dunha investigación orixinal nesa mesma área. Este tipo de traballos coñécense en inglés como state of the art, e entre nós é frecuente que atrapallemos o inglés para facer algo como “estado da arte” (ou “estado del arte”, en español). Como “arte” non ten nada que ver co que aí se intenta nomear, é ben mellor apañar expresións propias como estado de cousas ou estado da cuestión.

 Unha versión previa deste artigo publicouse na sección “Un idioma preciso” do SNL da USC no ano 2003.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Premiados sete investigadores e investigadoras mozos pola súa contribución ao avance científico galego

Verónica Bolón, Laura Castro, María Barreiro, Manuel Souto, Ismael González, Lucía Díaz e Rubén Lado reciben os galardóns organizados pola RAGC-UIE

Máis inflamación e bacterias: un estudo da USC revela que o cigarro electrónico deixa sinais na saúde oral

A análise da mucosa da boca revelou diferenzas xenéticas e cambios nos tecidos da poboación vapeadora respecto da non exposta

A física Yolanda Prezado, premio Wonenburger 2026 polos seus estudos en radioterapia

A Unidade de Muller e Ciencia da Xunta concede por unanimidade o galardón á investigadora galega, considerada unha referencia europea en protonterapia

Radiografía do piropo galego: da sedución á complicidade a través do humor

A investigadora Estela Fidalgo realizou un estudo con 100 persoas para coñecer como mudan as estratexias comunicativas nas relacións afectivo-sexuais