Gciencia conta cunha felicitación moi especial. Pedro Duque, o primeiro astronauta que viaxou ao espazo representando a España, súmase ás celebracións do décimo aniversario do portal da ciencia de Galicia cun vídeo no que agradece o seu labor divulgativo. O do exministro de Ciencia é o primeiro saúdo das decenas de personalidades da ciencia, da cultura, da arte e da comunicación que quixeron enviar as súas congratulacións, que Gciencia irá compartindo cos lectores nos próximos dez días a través das súas redes sociais.
“Felicito a todos os que facedes posible Gciencia, aos creadores de contidos e tamén ao seus lectores”, sinala Duque no saúdo, no que fai referencia aos máis de 130.000 seguidores do portal. O astronauta, que levou a cabo a misión Cervantes a bordo da Estación Espacial Internacional e foi enxeñeiro de voo na Soyuz-TMA, engade: “Publicacións como Gciencia, rigorosas, axúdannos a que a poboación en xeral entenda cal é a importancia de incidir na creación de coñecemento cientifico e na creción de innovación e novos proxectos”.
Para Duque, “canta mellor ciencia teñamos mellor viviremos todos”. “Este tipo de publicacións axúdannos non só a inspirar ás novas xeracións a que continúen creando ciencia, senón tamén a que se manteña o apoio á ciencia, á innovación e á creación de novos produtos innovadores na parte alta das prioridades políticas, que é tamén moi importante”. “Parabéns a Gciencia e que fagades moitos anos máis”, finaliza Pedro Duque.