Historia da primeira portada: o deputado que escapou a Copenhage a investigar

Gciencia localizou en 2013 en Dinamarca a David Calviño, protagonista dun soado abandono da política. Agora investiga en Ourense: "As cousas melloraron bastante”

Hai dez anos, David Fernández Calviño (Toén, 1979) deixaba o seu escano no Parlamento de Galicia para iniciar un posdoutoramento no departamento de Ciencias Medioambientais da Universidade de Copenhague. Daba por rematada a súa fugaz carreira como deputado de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), cunha fuxida soada no ámbito da política que puxo de manifesto as escasas posibilidades de desenvolver unha carreira investigadora sen saír do país.

A precariedade no mundo da investigación, acentuada pola “desfeita” dos recortes no medio da crise económica, forzábao a emigrar, laiábase entón nunha entrevista con Gciencia dende Copenhague, na que trazaba unha visión moi pesimista da situación no seu eido en Galicia. Foi a primeira portada do portal da ciencia galega, que aquel 25 de novembro de 2013 iniciaba a súa andaina. Dez anos despois, localizamos a Calviño en Ourense, onde agora desenvolve a súas investigacións.

Publicidade

O desde hai uns meses director do novo Instituto en Agroecoloxía e Alimentación da Universidade de Vigo fala agora dunha mellora “a todos os niveis” na investigación galega, pero sen esquecer que segue a haber “eivas” en aspectos como o acceso a infraestruturas ou a carencia de técnicos de laboratorio.

–Que mudou nestes dez anos, se é que algo mudou…?

Publicidade

–As cousas melloraron bastante. Aquela época coincidiu coa crise, cun montón de recortes en investigación e outros ámbitos. Hoxe en día, a carreira científica está un pouco máis clara. Segue sendo moi longa, probablemente sexa das máis longas que hai en Europa, pero creo que mellorou. Nestes dous últimos anos houbo moitísimos fondos nos ámbitos da transición ecolóxica e dixital. A nivel de grupos, polo menos no meu ámbito e no caso da Universidade de Vigo, accedeuse a moito máis financiamento europeo que antes. Segue habendo moitos problemas, segue sen haber contratos predoutorais suficientes, o acceso posdoutoral tampouco é sinxelo. Segue a haber eivas, pero as cousas melloraron bastante, aínda que a situación non é ideal.

En Dinamarca había moitas empresas, incluso xente rica que gastaba parte do seu en apoiar a investigación, iso aquí aínda non existe

–Fálenos algo máis desas eivas.

–Seguimos sen ter programas sólidos de acceso a infraestruturas, seguimos tendo moitas eivas en técnicos de laboratorio, non hai programas específicos para captar e fixar técnicos de laboratorio nos nosos centros de investigación, unha eiva bastante importante. O financiamento da investigación… En Dinamarca había moitas empresas, incluso xente rica que gastaba parte do seu diñeiro en apoiar a investigación, iso é algo que aquí aínda non existe.

https://www.gciencia.com/medioambiental/a-extincion-sen-remedio-da-pita-do-monte-en-galicia/
Calviño, en 2013 no seu laboratorio da Universidade de Copenhague.

-E as axudas públicas?

–A axuda estatal e a da Xunta son mellorables. Melloraron nestes anos, todo hai que dicilo, pero segue habendo moita marxe de mellora. Os que temos a sorte de acceder ao financiamento europeo temos un nivel de financiamento moi elevado, pero os que aínda non foron capaces de acceder a esa… O financiamento segue sendo bastante baixa. Manter un pequeno equipo con dous predoutorais e un técnico de laboratorio e pouco máis é case inaccesible para a maioría dos grupos.

–Estamos máis pretos do resto de Europa, logo…

–Creo que si se acortou algo a distancia respecto a Europa. Nos últimos catro ou cinco anos, as cousas melloraron bastante. Probablemente foi por eses fondos Next Generation que viñeron tras a crise do covid. Houbo un boom de financiamento, non é unha cousa esaxerada, pero vindo do período anterior, mellorouse. A carreira científica dunha persoa que terminou a tese e quere dedicarse a isto está máis clara. Mellorou a todos os niveis, tamén do Estado e, menos, da Xunta.

Entre as posibles iniciativas a introducir, Fernández Calviño defende un programa para apoiar proxectos de investigación para xente na primeira etapa da súa carreira científica, lembrando se cadra tamén as dificultades que tivo que sufrir nos seus comezos. Ao seu regreso de Dinamarca, en 2015, pasou nove meses no paro e, ata conseguir ao sexto intento unha beca Ramón y Cajal do Estado en 2017, non empezou a estabilizar a súa carreira.

–Cando comezaba a súa andaina en Copenhague, falaba de que a súa idea era voltar a Galicia, pero quería sentirse valorado…

–Agora mesmo si me sinto valorado, pero custoume moitos anos. Conseguín a miña praza titular con 43, iso non é normal. Esas carreiras hai que acurtalas. Comentaba un compañeiro que estivo nun congreso en Estados Unidos que alí xente con moito menos currículo ca nós ten uns niveis de financiamento que nos superan de forma brutal, e as carreiras finalizan moito antes.

–Logo xa non pensa en novas experiencias no estranxeiro…

–Seguramente vou volver saír, porque me apetece, pero uns meses, ou podo pedir unha excedencia dun ano. O que había naquela época eran moi poucas posibilidades de volver con traballo. Eu tiven sorte. Moita xente da miña idade está por aí polo mundo investigando noutros lugares.

Anxo Lamela
Anxo Lamela
Xornalista en Copenhague

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Do formigón de Ourense aos parques de Santiago: un estudo contrasta os dous modelos de zonas verdes

A cidade do sur galego é unha das tres con peor cobertura, con 4,6 metros cadrados por habitante, moi por debaixo da media de 14,15

Identificados novos factores xenéticos da fatiga persistente tras a radioterapia por cancro de próstata

Un estudo publicado en 'Nature Communications' e con participación galega descobre unha variante no xene ACTR3 asociada a un risco tres veces maior de desenvolver a sintomatoloxía despois do tratamento

GCiencia lanza a décima edición dos premios Galicia Spin-Off

Os galardóns recoñerán un ano máis a empresas innovadoras xurdidas das universidades e a un grupo de investigación

A contaminación atmosférica podería estar detrás do aumento das crises de xaqueca

Un estudo internacional sinala que o número de visitas ao hospital de persoas con síntomas aumenta durante os días nos que hai maiores niveis de polución