Venres 29 Marzo 2024

“Ou mudamos as cousas ou emigraremos durante moitos anos”

Sorpréndese cando quedamos con el na capital de Dinamarca, ben lonxe do balbordo que provocou a súa demisión como deputado do Parlamento Galego. David Fernández Calviño leva menos dun mes cun posdoctorado no departamento de Ciencias Medioambientais da Universidade de Copenhague. A precaria situación da investigación levouno a emigrar, como a moitos científicos sen saída pola “desfeita” provocada polos recortes.

“Cando fixen a entrevista, preguntáronme como co meu currículo, non tiña xa unha praza”, láiase David Fernández Calviño (Toén, 1979) no seu despacho en Copenhague, onde fai o seu segundo postdoctorado. O primeiro foi en Lund (Suecia), cunha bolsa de estudos. Eliminadas as axudas, o paro e colaboracións co seu equipo investigador da Universidade de Vigo, atopou un novo destino no estranxeiro. “O meu non é un caso único”, di o aínda deputado de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), que deixará o escano a finais de mes.

Publicidade

Fálenos do seu traballo.

-Tratamos de buscar novos métodos para ver a partir de que niveis certos pesticidas orgánicos causan danos nos microorganismos do solo, como lles afectan os distintos contaminantes.

-¿Que aplicacións prácticas pode ter esa investigación?

-Estudamos cando hai riscos de perdas de fertilidade do solo e danos sobre os microorganismos que o alteren. Establecemos niveis de contaminación admisibles nos solos agrarios.

-¿Atopa moitas diferencias respecto á investigación en Galicia?

-A máis importante é o financiamento. Alá as restriccións son cada vez maiores. Aquí hai máis diñeiro ca nunca. A diferencia está na aposta destes gobernos pola investigación e a desfeita que están a facer en Galicia e no Estado español. O meu grupo de traballo alá non ten nada que envexar en currículo. Pero están practicamente parados, traballando co mínimo.

“O que vivín co escano pareceume un pouco de Salsa Rosa. Absurdo… É o que hai”

-Nós imos nun Seiscentos e eles, nun Mercedes…

-Hai grupos de investigación punteiros. O noso sistema de investigación é moi potente en moitos eidos, pero non temos a gasolina para alimentar ese motor. Un sueco dicíame que cunha reducción do 10% terían que parar. No Estado español estamos no 50% acumulado. Cando fixen a entrevista, preguntáronme como co meu currículo, non tiña xa unha praza. Persoas que deberiamos estar noutras fases da carreira científica quedamos estancados. E coma min hai moitos, o meu non é un caso único.

-¿E o traballo cotiá?

-En laboratorios, equipos ou persoal estamos a anos luz. Alá pelexas coas administracións por un mínimo. Na Universidade de Vigo non hai parcela de prácticas para ensaios, aquí teñen duascentas hectáreas. A diferencia é abismal, vén dada polo financiamento. E non é de agora.

-O panorama da ciencia en Galicia non é moi alentador…

-Se non cambian as políticas vai ser moi difícil que a xente faga a sua carreira científica. Quen queira investigar vaise ir onde lle dean a posibilidade. Un país que non inviste en ciencia está abocado a ser atrasado. Ou cambiamos a forma de facer as cousas ou imos estar condenados á emigración moitos anos. A miña idea é voltar, pero senón seguirei onde me valoren e contraten.

-¿E, desde aquí, en Copenhague, como ve agora a polémica co seu escano no Parlamento?

-Parecíame un programa de prensa rosa. Os problemas do país dependían de que eu estivera unha semana ou dúas. Absurdo. Pero é o que hai…

Anxo Lamela
Anxo Lamela
Xornalista en Copenhague

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Desigualdade de xénero na ciencia: “En Galicia somos pioneiras pero nunca o puxemos en valor”

As investigadoras Montserrat Díaz-Raviña e Cristina Caruncho denuncian a falta de diversidade, sobre todo no eido da edafoloxía

Tarsy  Carballas, experta na súa terra

A científica lucense converteuse nunha autoridade na edafoloxía e na previsión dos lumes forestais

María Jesús Iglesias asina en “Science” un chamamento para protexer os solos

A catedrática da UVigo forma parte do grupo de científicos que insisten na urxencia de preservar a biodiversidade e os ecosistemas que dependen deles

Por que a miñoca é un dos animais máis importantes do planeta

Estes organismos son un gran sustento para outros animais e xogan un papel clave na riqueza dos solos de moitas rexións da Terra