Os apicultores responsabilizan á velutina das perdas da produción de mel.

Os apicultores responsabilizan á velutina das perdas da produción de mel.

A avespa velutina provoca perdas aos apicultores do 30% da produción

O sector reclama axudas centralizadas e máis prevención para loitar contra a vespa asiática

logo-vector-diputacion-la-coruna

Contido patrocinado

A aparición da praga da vespa velutina en Galicia está a provocar cuantiosas perdas económicas a un sector apícola que nos últimos anos tivo que enfrontarse a diversas ameazas, entre as que se atopan os efectos do cambio climático. Segundo cálculos da Asociación Galega de Apicultura (AGA) a aparición da velutina nas distintas comarcas galegas provocou unha perda que oscila entre o 30 e o 40 por cento da produción de mel nas zonas afectadas. Se 155.000 colmeas existentes en Galicia producían 2,5 millóns de quilos de mel antes do inicio da praga en 2012, agora a cantidade podería ter diminuído ata os 1,6 millóns.

Raíña de velutina formando o seu niño.

Raíña de velutina formando o seu niño.

Xesús Asorey, portavoz de AGA, explica que a praga da velutina está a afectar xa a case toda Galicia e, por exemplo, este ano están a notar cada vez máis os efectos na provincia de Ourense que, polo de agora é a menos afectada pola vespa asiática. As tarefas de prevención levadas a cabo polos apicultores na primavera, especialmente a colocación de trampas artesanais, impediu que se instalasen uns 25.000 novos niños de vespa asiática.

Asorey sinala que os apicultores botan en falta unha maior centralización das axudas existentes para loitar contra a praga, xa que nestes momentos se reparten entre tres departamentos da Xunta que tamén coordinan as accións para enfrontarse ao novo inimigo do ecosistema galego. “Os próximos meses van a ser moi complicados”, explica Asorey, “a loita por métodos artesanais non é dabondo e necesítase unha maior coordinación cara á próxima campaña de primavera e ser máis efectivos para impedir a proliferación de niños”.

O cambio climático tamén afecta a evolución da praga xa que o adiantamento do verán fai que a vespa asiática xa estea atacando moito ás colmeas de abellas. A prevención é unha política máis efectiva que a eliminación de niños xa que “están moi agochados e é moi difícil atopalos”. Asorey apunta que é necesario colocar moitas máis trampas xa que as que se colocan so resultan efectivas nun radio de medio quilómetro. Os xardíns públicos e as hortas das casas son algún dos lugares onde deben situar as trampas xa que a velutina adaptase perfectamente aos espazos peri-urbáns.

De tódolos xeitos, o portavoz de AGA coincide nas estimacións que sinalan que nos atopamos nunha fase de expansión da praga que deberá concluír nalgún momento. Pouco a pouco as abellas serán máis efectivas á hora de evitar os ataques das velutinas e tamén poden aparecer parasitos e depredadores que fagan diminuír os exemplares desta especie invasora. “O que non sabemos é cando vai a ocorrer isto e mentres tanto hai que buscar solucións”, engade Asorey. Tamén resulta necesario emprender campañas de divulgación e perfeccionar as trampas existentes contra a velutina.

As conclusións do informe da USC serán moi útiles para a vindeira batalla

Nesta liña, a Deputación de A Coruña ten en marcha un convenio coa Universidade de Santiago que vai a actuar en catro liñas de investigación contra esta praga. Segundo explica Rogelio Conde-Pumpido, director de Xestión de Investigación da USC, se está a traballar no análise de biocidas que se empregan en distintas partes do mundo, no estudo dos parasitos naturais que existen en Galicia e que poderían afectar á velutina, na elaboración dun mapa con información exhaustiva sobre a praga e os medios para enfrontala e, finalmente, na análise do impacto económico e social que está a ter a aparición da velutina no campo galego. Estas liñas de investigación darán como resultado un informe que terá que estar presentado antes de finais do próximo mes de outubro. As conclusión poderían ser moi útiles para afrontar en mellores condicións a vindeira batalla contra a velutina que deberá facerse na seguinte primavera.

Polo de agora a vespa asiática xa está presente en case a totalidade das provincias de A Coruña e Pontevedra, no norte da de Lugo e en vinte concellos de Ourense. As previsión apuntan que se estende uns 50 quilómetros por ano e que acabará por estar presente en toda a xeografía galega, con excepción das zonas máis altas de Lugo e Ourense. A extensión a toda Galicia semella inevitable; o que resulta urxente é coñecer máis a fondo o inimigo para poder enfrontalo con maiores posibilidades de éxito.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.