100% limpadoras; 14% catedráticas; 0% reitoras

Maioría na base, minoría na elite. A muller segue afastada dos postos de responsabilidade da universidade en Galicia. Aínda que elas son o 54% do alumnado universitario e o 63% dos que acadan a titulación, os cargos seguen a ser copados por homes. Vigo, Santiago e A Coruña non difiren do panorama xeral da universidade en España. Que vai mellorando, pero hai datos abraiantes nas nóminas: En Santiago, por exemplo, só hai un 12,4% de catedráticas, unha por cada 9 homes. Pero todo o persoal do servizo de Limpeza son mulleres: 42 de 42. Mesmo o emprego, na súa relación de postos de traballo, está descrito como “limpadora”, con “a”. E hai que recordar que, en galego, o xenérico coincide co masculino, non co feminino.

O dato pode parecer menor, pero amosa que existe unha pirámide laboral, na que a muller ocupa os postos menos cualificados e peor remunerados. De feito, un estudo presentado polo sindicato UXT afirma que a muller percibe en España, como media, un 24% menos de salario. En parte, porque non acceden aos empregos máis apetecibles.

Publicidade

En Galicia, só hai un 14 por cento de catedráticas. Vigo, co 18,5%, é a universidade con maior acceso á cátedra, seguida de Santiago (12,4%) e A Coruña (11,1%). Vigo, que nin chega ao 20%, equivalente a unha de cada cinco cátedras, está nunha situación de privilexio, pois a media en España é do 13,11%.

En canto a profesores titulares, Santiago está na cabeza, cun 43,6% de mulleres, seguida de Vigo (38%) e A Coruña (37,3%). As tres institucións galegas superan a media estatal, que é do 35 por cento.

Publicidade

Vigo ten o 50% de decanas; Santiago, o 31,58%; A Coruña, o 10%

Se non chegan na docencia, tampouco na política universitaria. Nunca houbo unha reitora en Galicia. En España, hai 10 fronte a 64 homes. Son o 13,51 por cento. Aínda que a situación mellora: en 2001, eran o 5%.

A situación equilíbrase nos vicerreitorados. En España só hai un 39% de vicerreitoras. Pero na Coruña, hai un 44 por cento. E, tanto Vigo coma Santiago, practican a paridade: 50%.

Nos decanatos, a única universidade que alcanza a paridade é Vigo. Santiago ten un 31,58% de decanas e A Coruña, un exiguo 10%.

O sábado 8 de marzo celébrase o Día da Muller Traballadora. Un bo momento para reflexionar e actuar. E para facerse preguntas incómodas: Por que a Real Academia Galega de Ciencias pasou 36 anos sen admitir mulleres? Cando menos, hai un consolo positivo: dende 2014, xa as hai.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

GCiencia lanza sete pezas audiovisuais para divulgar sobre ciencia e igualdade

O proxecto, en colaboración co Concello de Pontevedra, difundirase a través de Instagram e Tiktok para poñer en valor mulleres científicas que loitaron contra os nesgos de xénero e raza

Deixar atrás o tabú

O desabastecemento de fármacos contra a menopausa afecta a 400.000 mulleres en España. Por Andrea Veiga

Par ou impar: unha soa molécula dunha cadea cuántica determina a interacción cun supercondutor

A investigación publicouse na prestixiosa revista 'Nature' e xorde dunha colaboración entre o CiQUS da USC e CIC nanoGUNE

Un estudo arqueolóxico revela o papel esencial das mulleres na construción histórica do rural galego

A investigación pon de manifesto a importancia do traballo produtivo, doméstico e de coidados, así como o papel na transmisión de saberes