Xoves 28 Marzo 2024

As análises detectan Aspergillus no novo hospital de Vigo

As análises microbiolóxicas realizadas no recén inaugurado hospital de Vigo revelan a existencia de numerosas colonias de distintos tipos de Aspergillus, segundo confirmaron a GCiencia fontes hospitalarias. A falta de que se elabore o informe definitivo, os resultados preliminares xa confirmaron a presenza desta clase de fungos en distintas zonas do centro, no que o pasado venres quedaron suspendidos os ingresos de pacientes e se pecharon as zonas cirúrxicas, a UCI e determinadas unidades especialmente sensibles.
Fontes sanitarias descartan que exista risco de contaxio para os pacientes ingresados, xa que todas as zonas contaminadas permanecen clausuradas e son obxecto de traballos de desinfección. Iso non significa que o positivo das análises non supoña un serio contratempo para o plan de apertura do Álvaro Cunqueiro, xa que a súa orixe se atribúe a unhas obras que aínda están lonxe de finalizar totalmente. A diferenza das bacterias, que resultan admisibles ata un determinado número de colonias por metro cúbico, o Aspergillus nun centro hospitalario debe ser cero, dacordo coas recomendacións da Sociedad Española de Enfermedades Infecciosas y Microbiología Clínica.

Os estudos microbiolóxicos acharon colonias de distintos tipos do fungo

“Comezar os traslados antes de que concluísen as obras era innecesario, pero realizar as análises no último momento foi unha temeridade“, denuncia un facultativo que reclama permanecer no anonimato. Entre os médicos que xa coñecen os resultados dos cultivos predomina a idea de que as autoridades sanitarias deberían reverter traslados xa realizados dende o Hospital Xeral, xa que polo menos durante dúas semanas non se poderán utilizar os quirófanos en caso de que se necesite unha cirurxía urxente. Ademais, a continuidade das obras pode provocar que este prazo se supere amplamente.

HAC
Fachada do novo hospital de Vigo Álvaro Cunqueiro.

A presenza de Aspergillus é unha sorpresa só relativa para os facultativos que xa traballan no Álvaro Cunqueiro, que denuncian que en ocasións atenderon a pacientes especialmente sensibles “en medio dunha nube de po” provocada polas obras. Enfermos, familiares e traballadores veñen denunciando dende hai semanas moitas outras deficiencias no hospital -no que o sistema de aire acondicionado provocou xa goteiras e o desprendemento de parte do falso teito sobre unha paciente- e mesmo a presenza de ratos en corredores e cuartos. O hospital é o proxecto estrela do Goberno de Alberto Núñez Feijóo, que confiou a súa construción e financiamento a unha concesionaria mediante un modelo público-privado.

Publicidade

Médicos do centro descartan risco pero avogan por devolver pacientes ao Xeral

Aínda que a maioría das persoas frecuentemente están expostas ao Aspergillus, as infeccións causadas polo fungo rara vez acontecen en persoas cun sistema inmunitario normal. As principais formas de infección son a asperxilose pulmonar de tipo broncopulmonar alérxica, o aspergiloma ou bóla fúnxica e a asperxilose pulmonar de tipo invasor, unha infección grave con pneumonía que se pode diseminar a outras partes do corpo. Das súas máis de 600 variedades, o aspergillus fumigatus é o que maior número de infeccións causa, seguido do flavus. A súa presenza é un indicador indirecto dun mal funcionamento ou mantemento do sistema de ventilación, da limpeza ou da circulación de aparatos e persoas no quirófano.
Con tratamento, as persoas con asperxilose alérxica melloran xeralmente co tempo, aínda que é común que a enfermidade reapareza e sexa necesario repetir o tratamento. Pero ao proliferar nun hospital, a súa incidencia en pacientes inmunodeprimidos convérteo nun inimigo temible. Hai tres anos, a súa detección obrigou a pechar unha planta no Hospital Meixoeiro de Vigo, pero foi en 1998 cando o seu nome se fixo tristemente famoso non só na cidade, senón en toda España. Ese ano, a asperxilose provocou a morte de seis persoas nese mesmo centro hospitalario.

En 1998 infectou un quirófano e deixou seis mortos
O Aspergillus é, por desgraza, un patóxeno ben coñecido en Galicia. En 1998, no hospital do Meixoeiro, en Vigo, provocou a morte de seis pacientes e unha grande alarma social. A infección polo fungo produciuse no quirófano 11 da Unidade de Cirurxía Cardíaca, que estaba xestionada polo Instituto Galego de Medicina Técnica (Medtec).

Hospital do Meixoeiro, en Vigo.
Hospital do Meixoeiro, en Vigo.

O brote foi moi agresivo. A vía de contaxio máis habitual é a respiratoria, na que, en infeccións hospitalarias, o 37 por cento dos pacientes responden positivamente ao tratamento. Pero en tres dos casos de 1998, o fungo colonizou as válvulas cardíacas implantadas nos enfermos. E, neste caso, no contacto directo co sangue, a mortalidade en personas inmunodeprimidas alcanza o 80%.
A crise do Aspergillus en Vigo en 1998 relacionouse cunhas obras realizadas xunto ao quirófano de cirurxía cardíaca. Finalmente, a súa orixe mantense como descoñecida, despois de que un xulgado, que procesou a sete cargos directivos, sentenciase en 2005 que non podía probarse a relación.
En 2012, o Sergas pechou toda unha planta do Meixoeiro, despois de que de novo fose detectado Aspergillus, aínda que nesta ocasión non houbo que contar vítimas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O Simposio Nacional de Oncoloxía de Precisión insta ao impulso da terapia en Galicia

O evento acolle en Vigo a máis de 40 expertos os días 22 e 23 de febreiro

A UVigo bate récords na captación de fondos nacionais coa consecución de 5,5 millóns de euros para 40 proxectos

A metade dos traballos están vinculados os investigadores dos centros CIM, CINBIO, atlanTTic, Cintecx e Ecobas

A UVigo participa nun proxecto europeo para combater as infeccións máis perigosas do mundo

Dous equipos do CINBIO traballarán na formulación e administración dos medicamentos ao tracto gastrointestinal a través da nanotecnoloxía

Primeiro caso de gripe porcina en humanos en Reino Unido: isto é o que sabemos

A infección pertence a unha subvariante distinta que os casos detectados anteriormente, pero os expertos agardan que non presente grandes diferenzas