O maio máis cálido e o abril máis seco desde 1951

Nin maio marceou, aínda que marzo si maieou, nin en abril houbo augas mil. Todo o contrario. Ante o cada vez máis evidente cambio climático, o refraneiro non abonda para explicar a excepcional primavera en termos meteorolóxicos que viviu o país. A entrada do verán, nesta pasada madrugada, despediu unha estación na que algunhas zonas de Galicia rexistraron os valores máis secos e cálidos desde que existen rexistros.

As maiores anomalías, tanto no calor como na ausencia de precipitacións, foron na zona sureste de Lugo e noreste de Ourense. En gran parte das comarcas de Sarria, Ancares, Lemos, Quiroga, Caldelas, Trives e Valdeorras, os termómetros estiveron máis de 2,5ºC por riba da media da primavera. Só se libraron da tendencia as zonas costeiras da Coruña e Lugo e o norte desta última provincia. En canto as precipitacións, non se chegou ao 70 por cento das chuvias normais na Ribeira Sacra, A Limia, Ancares ou Viana. Só na Terra Chá e na montaña ourensá as chuvias se achegaron aos niveis normais.

Publicidade

Os datos aparecen reflectidos no informe da delegación territorial da Aemet en Galicia. Nel tamén se sinala que a temperatura media foi de 13ºC, dous por riba do período de referencia (1981-2010). Tal e como se amosa no gráfico, a serie desde 1971 amosa cada vez uns valores máis elevados.

Variacións de temperatura respecto ao rexistro de referencia 1981-2010, de 11ºC. Fonte: Aemet.
Variacións de temperatura respecto ao rexistro de referencia 1981-2010, de 11ºC. Fonte: Aemet.

Na análise por meses realizada pola Aemet amósase que marzo foi cálido – chegouse xa aos 30 graos en zonas de Ourense – e con precipitacións por riba da media en gran parte de Galicia. En abril, a pesar de que chegou a nevar nos últimos días do mes, foi un mes moi cálido, con anomalías de 2ºC por riba dos valores normais. O máis salientable, con todo, é que foi o mes máis seco da serie histórica de datos no conxunto de Galicia.

Pola súa banda, maio destacou polas elevadas temperaturas.  Especialmente, entre os días 21 e 24, no que se superaron de forma consecutiva os 30 graos en amplas zonas da provincia ourensá.  En canto aos observatorios principais, segundo sinala a Aemet, o 2017 foi o maio máis cálido na Coruña e Lugo desde que hai rexistros, e o segundo máis cálido nas estacións de Santiago-Aeroporto e Ourense. Non en tanto, as chuvias estiveron en valores normais, debido ás intensas precipitacións tormentosas.

Un panorama de conxunto de toda España amosa tamén datos que chaman á atención. A primavera foi a máis cálida desde 1965 e unha das máis secas neste mesmo período.

Balance hídrico en España desde outubro de 2016. Fonte: Aemet.
Balance hídrico en España desde outubro de 2016. Fonte: Aemet.

Respecto ao balance hídrico, obsérvase que o noroeste da Península experimentou un gran descenso, rexistrando só entre o 50 e o 75%, das precipitacións normais. Ao mesmo tempo, no Levante, as precipitacións aumentaron ata un 300% en zonas como a Sierra de Cazorla, o litoral de Valencia e Alicante e o sur de Mallorca.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Cambio climático e incendios: as principais ameazas das bolboretas en Galicia

As especies comúns están a salvo a curto prazo, mais os factores antrópicos supoñen un perigo para a preservación destes artrópodos

A UVigo deseña un modelo para predicir os efectos do cambio climático na biodiversidade

Un equipo da Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra desenvolve un sistema capaz de propoñer melloras que reduzan o risco de incendios e inundacións

Abril de 2024 foi o máis caloroso dende que existen rexistros globais

A temperatura foi 1,49 graos superior á media do período comprendido entre 1991 e 2020

Unha dorsal anticiclónica disparará os termómetros por riba dos 30 graos

O mércores e o xoves serán os días máis calorosos da semana, con valores térmicos que superan a media de maio