A Xunta apoia cun vídeo a candidatura de Ángel Carracedo ao Premio Princesa de Asturias

A vindeira semana terá lugar a xuntanza do xurado do prestixioso galardón que podería distinguir o traballo do científico galego

Mostrar as razón do apoio á candidatura do doutor Ángel Carracedo (Santa Comba, 1955) aos Premios Princesa de Asturias de Investigación Científica e Técnica é o obxectivo dun video que publica a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (Acis), no que se explica o proceso que levou ao investigador galego a converterse nunha destacada figura da Medicina Forense no ámbito mundial. Ademais, apúntanse cales son as razón que levaron a Xunta a impulsar a súa candidatura a estes premios, conxuntamente co xenetista molecular sir Alec Jeffreys, que en 1984 descubriu a “pegada do ADN” que permitiu a Carracedo desenvolver os seus coñecementos neste terreo ao longo das seguintes décadas.

Carracedo é un dos científicos de maior impacto no mundo no campo da medicina forense e a xenética clínica e converteu o seu grupo de investigación na Universidade de Santiago nun lugar de excelencia onde se forman científicos de todo o mundo. Foi protagonista de moitos dos avances máis importantes no campo da xenética forense e contribuíu á estandarización e implantación da proba do ADN forense en todo o mundo, o que permitiu axudar a xustiza en casos relevantes en moitos países do mundo.

Publicidade

Nos últimos quince anos, Carracedo estendeu o seu labor ao campo da xenética clínica e a medicina xenómica, con contribucións relevantes ao coñecemento da causa xenética das enfermidades. Creou e dirixe a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, o Centro Nacional de Genotipado, a infraestrutura IMPaCT Genómica para o desenvolvemento da medicina personalizada en España e a infraestrutura Innopharma e a Fundación Kaertor para o desenvolvemento de fármacos en fase preclínica. Ademais, Carracedo preside actualmente a Academia Internacional de Medicina Legal.

“Ángel Carracedo é un dos bos e xenerosos. Un profesional e unha persoa da que Galicia debe sentirse enormemente honrada de que traballase aquí e teña contribuído dende aquí, a que a atención das persoas sexa cada día un pouco mellor”, sinala o xerente de Acis, Antonio Fernández-Campa.

Publicidade

Ángel Carracedo. Foto: Anxo Iglesias.
Ángel Carracedo. Foto: Anxo Iglesias.

Na súa opinión, a candidatura de Carracedo e Jeffreys para os Premios Princesa de Asturias está máis que xustificada polos importantes descubrimentos que fixeron e que contribuíron “de forma decisiva á estandarización e a aplicación das probas do ADN na práctica forense. O descubrimento da pegada do ADN por parte do doutor Alec Jeffreys abriu un inmenso campo de posibilidades ás Ciencias Forenses e os desenvolvementos liderados polo doutor Angel Carracedo permitiron, finalmente, poder levalos á práctica”.

Alec Jeffreys

O doutor sir Alec Jeffreys (Oxford, 1950) centrou as súas investigación en explorar a diversidade do ADN humano e os procesos de mutación que crean esta diversidade. Sen dúbida, a súa gran achega científico-técnica foi o descubrimento da pegada do ADN que mostra como se pode utilizar para resolver problemas de identidade e parentesco, abrindo o campo do ADN forense.

O descubrimento dos polimorfismos ou pegada do ADN por parte de Jeffreys en 1984 abriu un inmenso campo de posibilidades para a súa aplicación ás Ciencias Forenses. Sobre a base do descubrimento do doutor Jeffreys, Carracedo describiu os primeiros STRs, foi pioneiro no uso do ADN mitocondrial na práctica forense (crime de Alcasser), no uso de multiplexes de cromosoma Y e no análise de SNP para recoñecemento de grandes catástrofes naturais (tsunami de Asia en 2004). Máis recentemente desenvolveu o fenotipado forense por ADN que facilita a determinación da ancestralidade, da idade ou da pigmentación e contribuíu á resolución de casos policiais complexos (Operación Mindstead-Reino Unido 2009, asasinato de Eva Blanco e probas do atentado do 11-M).

En resumo, Jeffreys debe considerarse o descubridor do ADN fingerprint que revolucionou a Medicina forense, a investigación policial e a xustiza e o profesor Carracedo é o máximo innovador neste terreo con descubrimentos importantes que permitiron a súa aplicación e a estandarización para aplicar as probas de ADN na práctica forense. Ámbolos dous investigadores recibiron xa a Medalla Adelaida, considerada o “Nobel” da Medicina Forense.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O futuro dos medios galegos, a debate: máis de 300 estudantes participan en encontros con profesionais

GCiencia toma parte no acto organizado pola AMEGA, que se celebrou na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Vigo

Galicia ampliará de xeito progresivo o cribado de cancro de mama a mulleres de entre 45 e 74 anos

Ao longo do ano 2027 serán invitadas por primeira vez a participar no programa as persoas usuarias nadas nos anos 1982 e 1977

A calor dispara a contaminación por ozono en Galicia ao seu nivel máis alto dende 2019

Un informe anual de Ecoloxistas en Acción alerta de episodios que superaron o limiar de información en Vigo e As Pontes

Unha intervención arqueolóxica na Illa de Ons revela novos restos castrexos

O descubrimento produciuse fóra da muralla do castro do Castelo dos Mouros, onde ata agora só se atoparan elementos romanos