O cometa Catalina.

O cometa Catalina.

O martes ás 5.48 horas chega o inverno do cometa Catalina

O espectáculo deste viaxeiro cósmico será o evento astronómico máis salientable da nova estación

O inverno comezará o martes 22 ás 5.48 horas e prolongarase ata ás 5.31 horas do 20 de marzo. Remata así un outono que en Compostela foi “atípico meteoroloxicamente falando, cun mes de novembro excepcionalmente seco, só se recolleron 52,7 litros/m2” segundo explica o director do Observatorio Astronómico da USC, José Ángel Docobo. Igualmente destacables foron as temperaturas máximas da estación que remata, superiores aos 20 graos en 13 xornadas de outubro (cunha máxima de 24,5º o día 17) e sete xornadas de novembro (cunha máxima de 22,3º o día 7). Xa en decembro, o pasado mércores 16 a temperatura máxima en Santiago ascendeu a 20,4º, situación que non sucedía na segunda quincena de decembro dende 1987 (concretamente 20,1º o 19 de decembro daquel ano), engade José Ángel Docobo.

A nova estación prolongarase ata o 20 de marzo, cando comezará a primavera

A posibilidade de observar o cometa Catalina nos vindeiros días a simple vista, ou en todo caso con prismáticos ou cun pequeno telescopio, será o evento astronómico máis salientable deste inverno, apunta Docobo, aínda que tamén destaca a conxunción dos planetas Venus e Saturno no amencer do 9 de xaneiro.

O cometa Catalina foi descuberto o 31 de outubro de 2013 polo Catalina Sky Survey. Describindo unha órbita hiperbólica arredor do Sol, pasou polo perihelio o pasado 15 de novembro. Como explica o director do Observatorio Astronómico, a distancia mínima coa Terra rexistrase o próximo 17 de xaneiro. Actualmente está saíndo da constelación de Virgo cara a de Bootes e aproximarase á estrela Arcturus o día de aninovo. Xa a mediados de xaneiro estará na Osa Maior xunto á estrela Mizar.

O profesor Docobo tamén indicou que haberá oportunidade de tentar observar Mercurio a simple vista, tanto cara o 29 de decembro logo do solpor, como arredor do 7 de febreiro, ao amencer. Tamén son salientables as dúas conxuncións da Lúa e Xúpitar os días 28 de xaneiro e 23 de febreiro.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.