Venres 29 Marzo 2024

1,7 millóns de galegos respiran aire contaminado

O 61% da poboación galega, 1,7 millóns de persoas, respiran un aire prexudicial para a saúde segundo os criterios que marca a OMS. Así o indica o informe sobre a calidade do aire en 2016 elaborado por Ecologistas en Acción, que sinala, do mesmo xeito, que un 32% do territorio galego está exposto a niveis de contaminación que danan a vexetación.

O responsable do informe en Galicia, o biólogo Xosé Veiras, compilou os datos de 51 estacións de control da contaminación, pertencentes á Xunta, concellos e industrias. As principais fontes de polución en Galicia son as grandes industrias, as centrais térmicas, o tráfico marítimo e o tráfico rodado nas cidades.

Publicidade

A estación da Torre de Hércules marcou os peores rexistros, en parte as partículas en suspensión do mar

Dentro dos compostos con maior incidencia destacan as partículas inferiores a 10 e 2,5 micras, que afectaron sobre todo aos principais núcleos de poboación: as áreas metropolitanas de A Coruña, Vigo e Santiago. Nestas tres zonas superáronse os valores medios anuais e diarios recomendados pola OMS nas PM 2,5. No caso das PM 10, tamén se rexistraron cifras superiores ás recomendadas pola OMS en Vigo e A Coruña.

Os peores rexistros marcáronse, un ano máis, na estación da Torre de Hércules da Coruña. Houbo 66 días con valores por riba do límite diario establecido na normativa europea no tocante as PM10, cando só se permiten 35 superacións. Con todo, non se ten en conta o aporte natural – as partículas en suspensión debido á proximidade do mar– polo que probablemente esta cifra verase reducida unha vez realizada a avaliación legal.

Nas estacións de Riazor, Castrillón, San Diego, Santa Margarita e Agrela (A Coruña), Centro Cívico e Sabón (Arteixo), e Santiago, Vigo, Ourense, Pontevedra, Xubia (Narón) debido a Megasa, e San Vicente de Vigo (Carral), debido á proximidade da central térmica de Meirama e á planta de tratamento de residuos de Sogama, tamén se superaron os valores medios anuais e diarios recomendados pola OMS para as partículas PM10 e PM2,5

SO2, O3 e NO2

Varias estacións, case todas próximas ás grandes industrias, rexistraron tamén valores de SO2 (dióxido de xofre) por riba da concentración media diaria que a OMS recomenda non superar nunca. Así, as estacións da Grela, na Coruña (SGL Carbón, Alcoa, central térmica de Sabón), Pastoriza (Arteixo), Oural (Sarria), debido a Cementos Cosmos e Xove, debido a Alcoa-San Cibrao amosaron o aporte de emisións das industrias próximas. Foi en Sarria onde se acadaron os peores datos, con 165 superacións do valor diario, case a metade dos días do ano.

Respecto ao ozono troposférico (O3), os maiores niveis acadáronse no sur de Galicia. As estacións de Noia, Vigo Oeste, A Alameda (Ourense) e Laza, así como a estación móvil instalada durante a primavera e o verán na Illa de Arousa, superaron o valor octorario recomendado pola OMS en máis de 25 días, que é a referencia establecida nos indicadores.

 Críticas á Xunta pola falta de información

O informe de Ecologistas en Acción tamén denuncia que a Xunta e o Ministerio de Agricultura, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (Magrama) non avisaron das superacións dos umbrais de información á poboación dalgúns episodios acontecidos o 18 de xullo e a mediados de agosto do ano pasado. “Na vintena de superacións da estación de Noia, a Xunta e o Magrama (titular da estación) incumpriron a súa obrigación legal de avisar á poboación especialmente sensible para que se protexera”.

O mesmo aconteceu, segundo a entidade, coa Xunta e o Concello de Ourense, que non informaron dun episodio de contaminación rexistrado nunha estación que é titularidade do Concello.

A Xunta “non aportou datos” dos metais pesados, a pesar de que é obrigatorio, di o informe

Alén disto, o informe subliña que para a elaboración deste informe “non se dispuxo información sobre os niveis de hidrocarburos aromáticos policíclicos (HAP) e metais pesados, como arsénico, cadmio, níquel e chumbo, a pesares de que a súa avaliación é obrigada, pero que non foi facilitada pola Xunta”.

Ecologistas en Acción tamén lamenta no documento que a web de Meteogalicia sobre calidade do aire non ofrece datos en tempo real das 32 estacións das redes industriais e das 4 municipais, aínda que si amosa as cifras das 10 estacións que controla a Xunta. Porén, no resto dos puntos de medición “só se permite a descarga de datos históricos para seguir a evolución da contaminación en períodos máximos dun mes”. Por este motivo, a organización conclúe que “resulta elemental que a Xunta se esforce por mellorar a información da calidade do aire na súa comunidade”.

Podes consultar o informe completo neste enlace: “La calidad del aire en el Estado español durante 2016”

lenda tabla cont 1 galicia tabla cont 2 galicia

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os ’pellets’ xa invaden zonas mariñas protexidas de Galicia

Unha simulación realizada pola organización internacional Oceana predí que os plásticos están presentes en todo o litoral da comunidade

Un equipo galego utiliza materiais que respiran CO2 para refrixerar e quentar fogares

O grupo da UDC busca substituír os actuais compoñentes de calefacción, daniños para o medioambiente, por outros máis sostibles e eficientes

Un equipo galego usará IA para detectar contaminantes nas augas termais

Investigadores da UVigo lideran o proxecto Aquapred que predicirá a posibilidade de aparición de bacterias como a lexionela e a E. coli

O petróleo e os seus residuos inducen a metamorfose en invertebrados mariños

Un estudo internacional apunta que estas substancias poden alterar o ciclo e os procesos naturais destes animais