O aumento da temperatura do mar fai que prolifere a bacteria.

O aumento da temperatura do mar fai que prolifere a bacteria.

A alta temperatura do mar en Galicia provoca máis intoxicacións co marisco

Galicia é a zona de Europa con máis casos de intoxicacións pola bacteria Vibrio parahaemolyticus

A infección por Vibrio parahaemolyticus é a principal causa bacteriolóxica de enfermidades asociadas co consumo de mariscos en todo o mundo. Xeralmente rara e esporádica en toda Europa; non é así en Galicia, territorio considerado unha anomalía dentro do contexto epidemiolóxico desta bacteria en Europa.

Un equipo de investigadores galegos, ingleses e estadounidenses, entre os que figura o profesor da ETSE da USC Joaquín Triñanes, estudou a dinámica epidémica da enfermidade que provoca esta bacteria en Galicia, cuxas infección xurdiron abruptamente a finais do século pasado e que agora asocian co aumento da temperatura da superficie do mar nas zonas costeiras de Galicia.

Gráfico do aumento da temperatura do mar en Galicia incluido na investigación.

Gráfico do aumento da temperatura do mar en Galicia incluido na investigación.

“Isto pode representar un factor fundamental que contribúe á aparición de enfermidades relacionadas con estas cepas patóxenas”, explica Jaime Martínez-Urtaza, do Centro de Ciencias do Medio Ambiente, Pesca e Acuicultura en Weymouth (Reino Unido) e primeiro asinante do artigo.

Neste traballo, que acaba de publicar a prestixiosa revista Emerging Infectious Diseasesanalízase a serie temporal de temperaturas da superficie mariña co obxectivo de estudar un posible quecemento nas rías.

A suba da temperatura nas rías galegas é moi evidente no estudo

Segundo os datos, que abarcan desde 1982 a 2016, obsérvase un claro quecemento nas rías galegas con temperaturas na auga de mar por riba de 18 graos a razón dun aumento de 1 día por ano, o que supón para todo o período -35 anos- un incremento total de 35 días. O valor de 18ºC representa un umbral que foi asociado a un aumento de casos clínicos.

“Ao final da serie atopámonos cuns 35 días máis con temperaturas por riba de 18 graos que en 1982, algo realmente preocupante neste tipo de infeccións,” asegura o profesor Triñanes.

Pero ese quecemento nas rías non foi progresivo senón que se aprecian dous cambios na tendencia, en 1994 (quecemento de 0.4°C) e en 2014 (0.7°C), que se corresponden con dous brotes importantes en infeccións por Vibrio parahaemolyticus.

Eses cambios actuaron como unha especie de propulsor das poboacións de certos patóxenos nas rías, que aumentan a temperaturas por riba de 18 graos, “o que orixinou en 1994 a aparición de enfermidades causadas por esa bacteria asociados ao consumo de produtos mariños, un fenómeno que aumentou recentemente, sobre todo a partir de 2014, cando se observou o segundo quecemento”, matiza Triñanes.

Secuenciación do xenoma completo
O estudo utiliza por primeira vez a secuenciación xenómica dunha poboación mundial deVibrio parahaemolyticus que permitiu establecer a orixe máis probable desas cepas presentes en Galicia, e estimar a data na que foron introducidas nas rías. “Aplicamos a secuenciación do xenoma completo para unha visión integral e de alta resolución das poboacións patoxénicas identificadas nas fontes clínicas asociadas cos principais episodios da enfermidade en Galicia durante os últimos 20 anos”, explica.

O traballo é un claro exemplo da importancia da colaboración entre as distintas institucións para avanzar no coñecemento das causas das enfermidades infecciosas e a súa relación co medio ambiente. Neste caso, contou coa participación da Universidade de Santiago, do Centro de Ciencias do Medio Ambiente, Pesca e Acuicultura en Weymouth (Reino Unido), hospitais galegos, a Consellaría de Sanidade e o sector produtor.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.