Martes 16 Abril 2024

Desenvolven en Lugo unha App para controlar as plantacións de eucalipto

Os modelos de crecemento e a produción de plantacións de Eucalyptus globulus Labill, unha especie que ocupa máis de 400.000 das 600.000 hectáreas de plantación de eucalipto existentes en España, están xa accesibles para todas as persoas interesadas a través da aplicación de software EucaTool. Nesta ferramenta de software de acceso gratuíto, a través da web http://app.eucatool.com, o investigador da USC Juan Daniel García Villabrille presenta todos os parámetros avaliados e os resultados recollidos na tese de doutoramento ‘Modelización do crecemento e a produción de plantacións de Eucalyptus globulus Labill. No Noroeste de España’, que vén de presentar na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo.

Juan Daniel García Villabrille, autor da tese doutoral.
Juan Daniel García Villabrille, autor da tese doutoral.

Dirixida polos profesores da USC Alberto Rojo Alboreca e Ulises Diéguez Aranda, así como polo tamén investigador na EPS Felipe Crecente Campo, a tese de doutoramento desenvolvida por este enxeñeiro de Montes asturiano presenta un modelo de crecemento e produción para rodais da especie destinados principalmente á produción de celulosa.
Os datos utilizados na investigación realizada por García Villabrille proveñen dunha rede de parcelas, instalada e deseñada ex professo e coa que se que trata de cubrir a variedade de materiais de reprodución, idades, densidades e calidades existentes para a especie na rexión. O modelo de crecemento accesible na app EucaTool inclúe funcións de transición para predicir o crecemento en altura dominante e área basimétrica das plantacións de eucalipto, así como a evolución do número de pés. Tamén se inclúen tarifas de cubicación con e sen cortiza de árbore individual e de rodal, así como ecuacións de biomasa de árbore individual e de rodal. O último compoñente do modelo é unha función de desagregación para a predición de diámetros e o número de pés en cada clase diamétrica.
Durante o desenvolvemento dos módulos avaliouse a necesidade de elaborar modelos específicos segundo os materiais de reprodución (brinzais, clons F0 e clons F1), e/ou solos (esquistos e granitos) e a inclusión de variables climáticas, resultando modelos únicos en tódolos casos. Os modelos desenvolvidos aportan información de precisión, así como novas ferramentas non dispoñibles para a especie ata a data, como o modelo dinámico de crecemento, a tarifa de cubicación sen cortiza (a única materia prima para a celulosa), e as ecuacións de biomasa de rodal. As proxeccións do modelo indican que as producións de calidades medias sitúanse preto dos 150 m 3/ha cunha quenda de 13 anos.

EucaTool permite facer proxeccións sobre o crecemento da masa de eucaliptos

García Villabrille destaca como novidade da súa investigación o feito de que tamén inclúe modelos de crecemento de produción tanto de variedades clonais como de plantas de eucalipto procedentes de sementeiro. Este investigador salienta asemade que os estudos realizados no marco da súa tese de doutoramento analizan modelos de crecemento e produción de plantacións de primeira quenda, que son as predominantes.
Respecto da utilidade e dos beneficios que pode reportar a aplicación web EucaTool, unha app xa rexistrada, García Villabrille sinala que esta nova ferramenta de software que e caracteriza polo seu fácil manexo ademais de polo acceso libre, permite a calquera produtor/usuario coñecer datos de interese en aras a acadar unha maior produtividade da súa plantación, ao tempo que lle brinda a posibilidade de escoller entre distintas opcións á hora de xestionar unha plantación de eucaliptos.
EucaTool é unha aplicación moi sinxela, destaca este enxeñeiro de Montes asturiano formado na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo, para quen o desenvolvemento desta app é unha fórmula acaída para garantir a transferencia de tecnoloxía á sociedade. Neste senso, García Villabrille sinala que basta con que o usuario de EucaTool introduza datos básicos como o son a data de plantación, número de pés e a altura máxima das plantas da parcela para coñecer qué  accións debe realizar e cándo debe facelas para obter a máxima renda.
A catedrática do Departamento de Enxeñaría Forestal do Instituto Superior de Agronomía da Universidade Técnica de Lisboa Margarida Tomé foi a encargada de presidir o tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento presentada por García Villabrille na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo da USC.
Paula Soares, tamén da Universidade Técnica de Lisboa; Sonia Concés, da Universidade Politécnica de Madrid; Juan Gabriel Álvarez, da USC, e Fernando Castedo, da Universidade de León, completan a formación do tribunal avaliador, que acordou conceder a máxima cualificación de sobresaínte cum laude para esta tese de doutoramento.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Canto custa o teu terreo? Esta aplicación dáche a resposta

A Dirección Xeral do Catrastro lanza unha ferramenta que permite consultar información de todos os teus inmobles urbanos e rústicos

Cambiar de modelo forestal e outras medidas para frear a expansión do eucalipto en Galicia

O Consello da Cultura Galega publica un informe que analiza o impacto sobre o patrimonio cultural e natural das especies forestais de rápido crecemento

Un proxecto da UVigo estuda como obter bioetanol a partir de eucalipto e mimosa

O obxectivo é investigar novas rutas de aproveitamento de biomasa forestal, concretamente de especies moi abundantes e invasoras en Galicia
00:05:41

O eucalipto, unha árbore maldita?

Chegou hai séculos a Galicia como unha especie exótica e hoxe é centro de todas as polémicas, e de moitas crenzas. Canto sabemos del?