Blog Amtega

Xente Dixital, o blog da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

O galego perde peso en Internet

A porcentaxe da lingua galega do total de idiomas utilizados na Rede reduciuse á metade no último ano

O galego en Internet

Uso do galego en Internet

O Día Mundial de Internet coincide co das Letras Galegas cada 17 de maio. Co gallo destas celebracións, cabe preguntarse cal é a situación actual do galego na Rede. A realidade é que está a perder peso. No último ano, a porcentaxe do uso do galego reduciuse á metade, segundo datos estimativos de w3techs.com, pasando de case un 0,015% do total de contidos web no mundo a apenas un 0,0075%. A caída foi especialmente dramática durante os meses de maio, setembro e outubro de 2013.

Os datos actuais sitúan o galego moi lonxe dos idiomas que superan o 0,1% dos contidos en liña e que marca a fronteira entre as linguas consideradas relevantes na Rede e as minoritarias.

A lingua galega sitúase actualmente no posto 48 na clasificación mundial, con porcentaxes semellantes ao saami setentrional (idioma que se fala en rexións do norte de NoruegaFinlandia e Suecia) e colócase inmediatamente despois do albanés e do mongol, segundo os datos estimativos de w3techs.com, que analiza a diario cerca de 10 millóns de páxinas web de todo o mundo.

Os sitios web máis populares nos que se usa o galego son:

Clasificación Lingua Porcentaxe
1 Inglés 55.9%
2 Alemán 6.0%
3 Ruso 5.9%
4 Xaponés 5.0%
5 Español 4.6%
6 Francés 4.0%
7 Chinés 3.1%
8 Portugués 2.3%
9 Italiano 1.8%
10 Polaco 1.7%

A lingua dominante segue sendo, con gran diferenza, o inglés, utilizada en máis da metade dos stios web, seguida xa moi de lonxe polo alemán,  ruso e xaponés. O español, malia que segue crecendo en Internet, ocupa o sexto posto cun discreto 4,6%, e o portugués, co 2,3%, é o oitavo idioma máis utilizado, segundo os recentes datos aportados por w3techs.com.

Se se compara a porcentaxe do uso do galego cos datos das outras linguas cooficiais do Estado, obsérvase que a publicación en catalán é 8,6 veces maior, mentres que respecto ao vasco, a presenza do galego é 1,6 veces maior. Destes tres idiomas, só a lingua catalana experimentou un leve ascenso no último ano á vez que o peso dos idiomas propios de Galicia e do País Vasco en Internet caeu de xeito considerable.

Uso do catalán en Internet

Uso do catalán en Internet

Uso do vasco en Internet

Uso do vasco en Internet

Wikipedia

Galego na Wikipedia

Evolución da publicación en galego na Wikipedia

Tamén cabe salientar que na produción das enciclopedias en liña libres, políglotas e editadas colaborativamente, as chamadas Wikipedias, o galego, que conta coa súa Galipedia, sitúase no posto 47 na clasificación de artigos publicados por idioma, con 112.887 textos editados, é dicir, o 0,358% do total de publicacións nas Wikipedias de todo o mundo, segundo os datos actuais de Wikimedia.

Na produción de artigos na Wikipedia, o galego colócase inmediatamente despois do noruegués (113.77 artigos) e por diante do inglés simple (112.587), idioma este último controlado e artificial baseado na simplificación do vocabulario e gramática da lingua natural.

A publicación en galego mantense moi lonxe da produción en catalán (427.980 artigos) e está tamén por debaixo do vasco (180.390).

Twitter

A rede social Twitter é o novo paradigma da información practicamente en tempo real e inmediata en Internet. Recentemente, a compañía GNIP, de Colorado (Estados Unidos), elaborou un mapa interactivo con datos extraídos de Twitter para xeorreferenciar chíos publicados por usuarios de todo o mundo nas distintas linguas utilizadas nesta rede.

Durante 18 meses, recolleron unha mostra de datos de Twitter con etiquetas xeográficas para visualizar nun mapa a densidade dos distintos idiomas identificados, entre eles, o galego. De novo, o inglés é a lingua dominante. A súa densidade no mundo é practicamente a mesma que a de todos os demais idiomas xuntos.

En Galicia, obsérvase que o uso do galego entre os usuarios de Twitter é significativamente inferior ao do castelán, como se pode ver nos seguintes mapas e na visualización interactiva.

Linguas usuarios galegos de Twitter

Unha resposta a “O galego perde peso en Internet”

  1. Marcos

    Não encontrei a metodologia utilizada por http://w3techs.com/ para a identificação das webs em galego. A descida parece-me bastante brusca (0.004 em dous meses), pelo que talvez se deva a variações metodológicas: ou antes de Setembro se computava mais galego do que existia, ou depois não se conta tudo. Ou talvez os dados sejam fiáveis, claro.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.