Perfil da costa galega desde a estratosfera nas imaxes captadas pola Marumasat 3. Imaxes: NOSA.

Perfil da costa galega desde a estratosfera nas imaxes captadas pola Marumasat 3. Imaxes: NOSA.

Así retratou Galicia desde a estratosfera a sonda da NOSA

A Marumasat 3, recuperada o pasado sábado, captou estas espectaculares imaxes desde máis de 30 quilómetros de altura

Perfil da costa galega desde a estratosfera nas imaxes captadas pola Marumasat 3. Imaxes: NOSA.

Perfil da costa galega desde a estratosfera nas imaxes captadas pola Marumasat 3. Imaxes: NOSA.

A espera e a incerteza pagou a pena. A recuperación da Marumasat 3, a sonda da Axencia Espacial Escolar Galega, a NOSA, que foi atopada o sábado en Negreira, permitiu acceder aos datos recabados pola cápsula na estratosfera. Desde este luns, o equipo da NOSA, do que forman parte estudantes e profesores de catro institutos galegos, está a analizar os datos recollidos. Pero xa é posible ver algunhas das espectaculares imaxes que a sonda captou desde a estratosfera 30 quilómetros de altura.

Estas instantáneas amosan o perfil da costa de Galicia e o norte de Portugal. É sinxelo albiscar desde A Guarda ata Camariñas, as penínsulas do Morrazo, o Salnés e o Barbanza, e as rías de Vigo, Pontevedra, Arousa e Muros e Noia, así como as linguas de area de praias como a de Carnota ou a do Vilar, coas dunas de Corrubedo ao seu carón.

Ademais destas imaxes, desde a conta de Twitter da NOSA compartiron tamén un fragmento do vídeo do voo:

Naceron tres dos ovos de abella

Pero alén destas espectaculares imaxes, a Marumasat tamén recolleu datos moi relevantes para a investigación científica da NOSA. “Nas próximas datas traballaremos sobre os niveis de ozono e radiación ultravioleta presentes na estratosfera”, e tirarán conclusións “sobre as condicións de habitabilidade da cápsula, en termos de temperatura e humidade”, explica o equipo docente da NOSA.

Neste senso, xa se puido constatar que naceron na estratosfera tres exemplares de abella obreira dos ovos que ían dentro da cápsula. E por outra banda, tamén se estudarán unhas fabas que ían a bordo, e que se someteron á radiación ultravioleta. Compararanse con outras fabas de control, da mesma procedencia, para estudar a incidencia da radiación no seu crecemento.

En canto aos experimentos físicos, estudaranse as magnitudes atmosféricas básicas  (presión, temperatura, humidade, altitude, dirección e intensidade do vento) e compararase a traxectoria real de voo coa que estaba prevista segundo os modelos CUSF Landing e Astra Balloon Flight Planner. A Marumasat 3 tamén levaba a bordo unha placa solar en probas, que do mesmo xeito será estudada.

 

2 respostas a “Así retratou Galicia desde a estratosfera a sonda da NOSA”

  1. Elniñodelbotijo

    Parabéns ós rapaces e mestres participantes no proxecto, ogallá houbese máis mestres que ensinasen as ciencias así, que sorte teñen estes rapaces.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.