Xoves 28 Marzo 2024

A tecnoloxía galega volve ao espazo

“Mission control ready for Gaia launch”. A mensaxe que podía lerse na páxina web da Axencia Espacial Europea (ESA) culmina 15 anos de preparativos, os que foron necesarios para poñer en órbita o satélite Gaia. Esa unha inmensa cámara de fotos que realizará un censo de máis de 1.000 millóns de estrelas saiu disparada cara ao espazo ás 10.12 (hora peninsular) deste xoves a bordo dun vehículo de lanzamento Soyuz-STB. Todo estaba listo para o lanzamento na Güiana francesa e na sede central da ESA, pero tamén na Universidade da Coruña, onde o Grupo Gaia Galicia, que colaborou no proxecto, montou o seu cuartel xeral. GCiencia retransmitiu en directo en streaming o lanzamento dende a súa páxina web.

O salón de graos da Facultade de Informática coruñesa viviu, non sen nervios, un dos momentos máis especiais que experimentou a investigación en Galicia, cando non se cumpriu un mes do lanzamento do HumSat da Universidade de Vigo. Alí reuníronse científicos como a astrofísica Minia Manteiga e expertos das universidades da Coruña e Vigo, entre eles o catedrático de Informática Bernardino Arcay, a doutora en astrofísica Ana Ulla ou os enxeñeiros e informáticos José Carlos Dafonte e Diego Fustes. Eles son so algúns dos que realizaron a achega galega na misión, na que tamén participa o Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga).

Publicidade

[wzslider autoplay=”true” lightbox=”true”]

O Grupo Galicia, e particularmente a Universidade da Coruña, participaron moi activamente no proxecto, tanto no desenvolvemento da misión coma na futura análise dos datos que se obterán durante os próximos cinco anos, prazo de duración da misión. O seu traballo foi sobre todo de computación, un labor especializado e sofisticado que demostra o alto nivel da informática e a astrofísica en Galicia. Para completar a súa colaboración, ou mellor dito para contribuír a divulgala, onte inaugurouse na Domus da Coruña a exposición Mil millóns de ollos para mil millóns de estrelas, que analizará os pormenores da investigación.

O Grupo Gaia Galicia seguiu o lanzamento en directo dende a Universidade da Coruña

Unha vez lanzado, o satélite da ESA dará unha volta completa á Terra, antes de dirixirse ao punto L2, un lugar estratéxico no que as forzas gravitacionais do Sol, a Terra e a Lúa están equilibradas. Será unha viaxe de 30 días, ao que haberá que sumar os dous meses que tardará en calibrar os seus complexos instrumentos de medición. A achega galega complétase coa desenvolvida con outros grupos españois, que centraron os seus esforzos na construción da grande antuca que se converteu no seu sinal de identidade e que permitirá ao satélite permanecer a -170 graos centígrados.

Luis Manuel Sarro Baro, investigador do departamento de Intelixencia Artificial da UNED e membro do proxecto, afirma: “Trátase dunha misión que vai observar mil millóns de estrelas implica un cambio de paradigma total na forma de facer astronomía”. Ademais do Grupo Gaia Galicia, a participación española intégrana a Universidade de Barcelona (ICCUB-IEEC), o Centro de Astrobiología (CSIC-INTA), CESCA e a Barcelona Supercomputing Center, ademais dunha longa lista de empresas aeronáuticas.

Gaia permitirá multiplicar por 10.000 os coñecementos actuais sobre a nosa galaxia, conseguirá medir as posicións, distancias e movementos de mil millóns de estrelas e estudará as súas propiedades físicas, como a idade e a composición química”, explica Jordi Torra, catedrático da Universidade de Barcelona e responsable do equipo do ICCUB-IEEC.

Durante os seus cinco anos de traballo, Gaia, equipado cunha inmensa cámara de fotos de mil millóns de pixeis, realizará un censo de máis de mil millóns de estrelas, aproximadamente o 1% de todas as da nosa galaxia. Cada unha delas será observada unha media de setenta veces, e en cada “repaso”, Gaia tomará nota do seu brillo, cor e posición, un traballo coñecido como “astrometría”, iniciado polo grego Hiparco hai máis de 2.000 anos.

Gaia permitirá multiplicar por 10.000 os coñecementos actuais sobre a nosa galaxia”

O satélite fará un mapa dinámico e tridimensional de 1.000 millóns de estrelas, pero ademais, a ESA espera que este satélite fotografe unha morea de obxectos celestes como asteroides, corpos xeados, ananas marrons, estrelas acabadas de nacer, planetas arredor doutras estrelas, explosións de estrelas moi afastadas, buratos negros devorando materia e buratos negros xigantes no centro doutras galaxias. Para iso, Gaia conta cun astrómetro que determinará as posicións das estrelas no ceo, un fotómetro que proporcionará información sobre a cor dos corpos celestes, e unespectómetro que medirá a velocidade das estrelas.

Gaia comunicará coa Terra durante unha media de oito horas diarias, e durante este tempo non só transmitirá os datos científicos que vaia recompilando, senón tamén datos propios de calquera satélite que permitirán aos operadores en terra seguir o estado da nave e mantela nas mellores condicións posibles.

Mentres, os máis de 400 astrónomos enxeñeiros do Consorcio para o Procesado de Análise dos Datos (DPAC), 45 deles españois, “traducirán” toda a información que Gaia enviará en cinco anos: un arquivo dun petabyte, é dicir, un millón de Gbytes ou o equivalente a 200.000 DVD. Os resultados serán públicos para todo o mundo a finais de 2020.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un mapa da NASA alerta da subida do mar en Galicia e revela as zonas máis afectadas

Unha ferramenta dixital baseada nos datos científicos do Sexto Informe do IPCC ofrece unha proxección sobre as subidas do nivel do mar en todo o mundo ata 2150

A gran eclipse solar de abril: cando e onde vela en Galicia?

Este fenómeno astronómico será visible de maneira parcial no oeste da comunidade, especialmente na franxa atlántica da Coruña e Pontevedra

O mapa dos ‘químicos eternos’ en Galicia: ata 70 zonas sospeitosas de grave contaminación

Unha investigación europea sinala a presenza no continente destas substancias nocivas para o medioambiente e a saúde

Identificado un novo campamento romano na fronteira entre Galicia e Portugal

Un equipo de arqueólogos detecta un posible recinto fortificado de tres hectáreas de extensión datado entre os séculos I a.C. e I d.C.