Módulo experimental de construción con cuncha de mexillón realizado no campus de Elviña da UDC. Fonte: Proxecto Biovalvo.

Módulo experimental de construción con cuncha de mexillón realizado no campus de Elviña da UDC. Fonte: Proxecto Biovalvo.

A construción, unha segunda vida para o mexillón

Enxeñeiros da Universidade da Coruña idearon un módulo experimental no que empregan a cuncha do bivalvo como material de construcción

Onde van as cunchas do mexillón cando lle comemos a carne? Galicia é o maior produtor europeo deste bivalvo e o terceiro do mundo, só por detrás de China e Tailandia, segundo os datos da FAO do ano 2013. Toneladas de residuos que moitas veces van ao lixo. Hai algunha idea para aproveitalas, por exemplo, como alimento para aves, pero non é moi rendible debido ás arestas que dificultan a súa dixestión. Pero a segunda vida dos mexillóns podería estar na construción.

A idea xurdiu hai varios anos no seo do Grupo de Construción da Universidade da Coruña, “por inquedanzas dunha estudante, Carolina Martínez, que comezou a investigar isto”, explica Belén González Fonteboa, profesora da Escola de Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos da universidade, e directora do que acabaría sendo o proxecto Biovalvo.

O proxecto buscaba dar unha saída sustentable ás toneladas de residuos de mexillóns que se xeran cada ano

“Nós xa eramos moi activos no aproveitamento de residuos no sector da construción, porque se move un volume moi grande de materiais, moitas veces difíciles de xestionar e tratar”, conta González. Mediante o contacto con empresas do sector, tamén preocupabadas pola sustentabilidade e o aforro enerxético, o proxecto botou a andar.

En primeiro lugar, estudáronse no laboratorio as propiedades da cuncha á hora de tomar parte de diversos elementos costrutivos. “Por unha banda, analizouse o encapsulamento da cuncha para ver o seu funcionamento cun ligante en morteiros e formigóns; e por outro lado mesturando a cuncha con betúns para empregalo como pavimento de estradas”, introduce Belén. Esta segunda parte, a das estradas, abandonouse porque esixía moer moi fino as cunchas.

Procesos e materiais para obter os subprodutos: cuncha enteira (CE), gravilla de mexillón (GM), area grosa (AMG), e area fina (AMF). Fonte: Proxecto Biovalvo.

Procesos e materiais para obter os subprodutos: cuncha enteira (CE), gravilla de mexillón (GM), area grosa (AMG), e area fina (AMF). Fonte: Proxecto Biovalvo.

Non foron os únicos camiños que exploraron para a cuncha: pensaron tamén nela como árido para construción e para solos, como material illante térmico e acústico nos edificios e tamén como base para estradas. As probas que se fixeron achegaron resultados esperanzadores, e os traballos no laboratorio, foron tenteando os límites e proporcións da cuncha para manter unhas boas propiedades nas diferentes aplicacións que se lles quería dar.

E acabou saíndo así adiante o módulo Biovalvo: unha vivenda piloto na que se empregou a cuncha de mexillón en todos os elementos construtivos. O estudo de arquitectura Casa Adobe foi o encargado do deseño, inspirado nunha cuncha de mexillón aberta, e empregando os criterios do modelo Passivhaus (casa pasiva), que avoga por reducir o consumo enerxético ao mínimo grazas a un sistema de captación e conservación do calor. O proxecto, liderado pola empresa Extraco e no que tamén participaron Galaicontrol e Serumano, fíxose realidade nunha parcela do Campus de Elviña, construída pola empresa Obrabío.

“Está funcionando bastante ben“, afirma Belén González. De feito, o proxecto estendeuse á praza do barrio dos Mariñeiros, na cidade da Coruña, onde existe tamén unha superficie feita con formigón con cunchas do bivalvo.

Ao tempo, as pescudas continúan. Carolina Martínez, a estudante que comezou a indagar no tema, está rematando a súa tese de doutoramento, avanza na súa liña de investigación para estudar as posibilidades de empregar outros materiais sustentables como ligantes (cal ou arxila), xunto coas cunchas como árido. “Estanse analizando tamén propiedades máis específicas dos morteiros con cunchas, como a retracción e porosidade”, engade Belén González.

Mobiliario con cuncha

Mais a construción non é a única esperanza para darlle unha segunda vida ás cunchas de mexillón. “Temos outro proxecto onde queremos probar as posibilidades de facer mobiliario doméstico: mesas, encimeiras da cociña, lavabos, etc…”, adianta a directora do proxecto.

Con todo, os impulsores do proxecto subliñan que na cuncha do mexillón “non hai que mirar só as propiedades técnicas”. Non intentan xogar na liña dos mellores materiais, senón que buscan unir as vertentes medioambiental, económica e técnica. Este tamén é un proxecto de sustentabilidade. “E aquí, o mexillón sae ben parado; cando menos, dentro dos estándares normativos, funciona”, conclúe Belén González.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.