Maker-Movement-Manifesto

Argalleiros que melloran o mundo

Esquecede aos 'makers' e saudade aos 'argalleiros', que vos son moi galegos

Hai uns poucos días anunciouse que se abría o prazo de matrícula para a Galicia Maker Faire 2017. A noticia fixo que nos fixásemos no anglicismo maker, unha palabra que identifica ás persoas interesadas en aprender a facer as cousas por si mesmas, sobre todo nos ámbitos da tecnoloxía, a artesanía, o deseño, a gastronomía ou a arte, e en compartir e transmitir esas aprendizaxes a través de comunidades.

Por iso, é lóxico que aplicasen os seus principios fundamentais ao seu propio colectivo e fixesen por si mesmos o nome co que se autoidentifican en galego: argalleiros.

E o certo é que nos parece unha elección fantástica porque:

  • Darlle un novo significado a unha palabra xa existente no canto de crear unha nova ou incorporar o anglicismo resulta o máis lóxico xa que non estamos diante dun novo concepto, senón dunha actitude persoal ante a realidade cotiá que viña existindo desde sempre, e que agora se ve potenciada e facilitada coa aparición e a popularización de novas tecnoloxías e ferramentas.
    Esa mesma vía foi a que seguiu o inglés, ao engadirlle un novo sentido a unha palabra como maker, que significaba en principio ‘persoa que fai ou fabrica algo’.
  • Argalleiro é un candidato moi apropiado para ser esa palabra á que actualizarlle o significado, xa que a súa definición “clásica” en galego (“Que manipula algo por diversión”) recolle as características esenciais dos membros desa comunidade (a aprendizaxe pola práctica, o espírito lúdico…), e que se manteñen con independencia da tecnoloxía coa que se traballe.
  • Ten a capacidade de funcionar como adxectivo (“a cultura argalleira”, “o movemento argalleiro”…) pero tamén como substantivo (“os argalleiros galegos teñen unha cita”).

Así que xa sabedes, podemos arrombar o maker na caixa das ferramentas que non precisamos, porque temos unha nova (argalleiro) que se adapta moito mellor ás nosas necesidades cando falemos ou escribamos en galego.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.