Os deseños de Xulia Vicente inspiran esta nova canción infantil.

Estrean a canción infantil “Os meses do ano” para educar en galego

A Mesa pola Normalización Lingüística lanza este novo audiovisual, como complemento ao libro sobre o tempo cronolóxico deseñado por Xulia Vicente

Na véspera do comezo de curso, A Mesa pola Normalización Lingüística estrea “Os meses do ano“, o videclip da canción creada e interpretada por Magín Blanco a partir de O tempo cronolóxico, o fermoso libro ilustrado por Xulia Vicente que axuda a cativada galega a coñecer o nome das principais unidades de medida temporal na nosa lingua.

Esta canción complementa o tema “Na segunda feira“, de Mamá Cabra, difundida dentro da campaña de Nós feiramos de 2ª a 6ª pola recuperación dos nomes tradicionais da semana que A Mesa desenvolveu, xunto con Agal, hai un par de anos.

O tempo cronolóxico forma parte -xunto con O abecedario, As aves, Os peixes e outra fauna mariña O tempo meteorolóxico- do proxecto didáctico que A Mesa adica á educación infantil, proporcionando materiais en galego para nenas e nenos de 0 a 6 anos co obxectivo de potenciar o uso de vocabulario na nosa lingua nesta etapa.

O videoclip está dispoñíbel en youtube (ligazón) e o libro O tempo cronolóxico pódese mercar nas librarías do país e mais na web da Mesa por 7,20 € para persoas socias e 8’55 € para público xeral. Hai un anaco dispoñíbel para consulta aquí.

O autor da canción é Magín Blanco (A Rúa, 1960), un dos máis coñecidos creadores de propostas musicais e escénicas para público familiar no panorama actual galego. Creador do universo que habitan A nena e o grilo e máis de Camiños, así como dalgunhas das composicións que forman parte de libro discos de referencia para a cativada do país como María FumaçaRosalía Pequeniña ou Canta o Cuco, Magín Blanco ponlle música e voz ás cancións que acompañan todos os títulos da colección que A Mesa adica á educación infantil, coas cancións O abecedarioVoa paxariñoPeixiños do marO tempo meteorolóxico e con este Os meses do ano que se estrea hoxe.

A ilustradora do volume é Xulia Vicente (Cariño, 1993) estudou Belas Artes en Valencia, onde reside dende entón. Dende 2016 publica varios traballos de banda deseñada, como Anna Dédalus: El misterio de la mansión quemada (Andana Editorial), con Miguel Ángel Giner Bou e Núria Tamarit; Duerme Pueblo (Ediciones La Cúpula), de novo xunto a Núria Tamarit; e as dúas primeiras partes da triloxía Sello de Dragón (Sallybooks) con guión de Manuel Gutiérrez.

Os espectaculares deseños de Xulia Vicente.

Colabora, ademáis, en revistas e fanzines tanto nacionais coma internacionais, como 2000AD, Xiulit, Nimio ou Sacoponcho. Actualmente adícase á ilustración mentres continúa a traballar na última entrega da mencionada triloxía de fantasía xuvenil.

A Mesa quere contribuír con esta liña de publicacións a suplir a escaseza de materiais didácticos en galego para a etapa de 3 a 6 anos, fronte á grande cantidade de recursos existentes en castelán e en inglés, sobre a que alertou no Estudo sobre a educación infantil de Galiza de 3 a 6 anos. Curso 16/17, que se pode descargar no portal web da Mesa.

A Mesa salienta que os poucos materiais didácticos que existen para esta etapa débense ao compromiso das e dos educadores e mais á iniciativa social ou privada e dalgúns concellos, “sen que haxa respaldo e promoción por parte da Xunta, que se desentende de poñelos a disposición das escolas. Isto supón un agravio comparativo, posto que o profesorado que queira traballar na nosa lingua coa cativada ten que elaborar os seus propios materiais”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.