Premio Woman CEO para a inmunóloga África González, da UVigo

A catedrática galega recibiu este mesmo mes tamén o Premio Executivas 2020

Decembro foi un bo mes para a catedrática de Inmunoloxía da Universidade de Vigo África González. Despois de obter o pasado día 11 o Premio Executivas 2020, a docente recolleu  esta semana de xeito virtual  un novo galardón, neste caso o Women CEO, na categoría de muller e ciencia, un recoñecemento que busca pór en valor o traballo das mulleres nun terreo no que non adoita estar recoñecido, a ciencia, polo que para González “é un orgullo visibilizar a dedicación das mulleres na investigación científica”.

A organización Women CEO, fundada en 2011, acolle a empresarias e profesionais de ámbitos moi diversos co obxectivo de crear unha rede de colaboracións e poñer en valor ás mulleres en postos de dirección ou que son referentes no seu eido, como é o caso da inmunóloga do Departamento de Bioquímica, Xenética e Inmunoloxía da Universidade de Vigo.

Publicidade

Por investigar, emprender e divulgar

Na carreira profesional de González sobresaen numerosos fitos. Ademais dos seus vínculos coa Sociedade Española de Inmunoloxía e o Centro de Investigacións Biomédicas da Universidade de Vigo, Cinbio, espazo no que lidera un grupo que desenvolve múltiples proxectos sobre inmunoloxía, desde o ano 2019 é académica correspondente da Real Academia de Farmacia de Galicia. Así mesmo, a catedrática e creadora da empresa NanoInmunoTech foi galardoada en 2018 nos Premios Mujer Científica e foi finalista nos Women Innovator 2017 da Comisión Europea.

Sobre os motivos do premio Women CEO, África González cre que, ademais das súas facetas como investigadora, docente e co-promotora dunha empresa, o xurado valorou “a paixón que pon en todo o que fai, sobre todo no momento da pandemia, na que tentou explicar de xeito divulgativo á sociedade o importante que é a inmunoloxía”. Debido á pandemia da covid-19, moitos medios de comunicación e plataformas diversas centraron os seus esforzos en ofrecer explicacións, predicións e reflexións obxectivas sobre esta nova enfermidade, polo que o ano 2020 redescubriu a necesidade da divulgación científica, un eido no que esta catedrática leva anos ‘exercendo’. Como ela mesma explica, goza ensinando na Universidade e realizando actividades divulgativas en colexios e institutos e, durante a súa etapa como directora do Cinbio, puxo moito empeño en organizar múltiples obradoiros pensados especificamente para o público infantil e xuvenil.

Publicidade

Coa pandemia, afirma González, “a sociedade está moi interesada e precisa entender o que está ocorrendo, polo que é unha obriga intentar resolver dúbidas sobre moitos conceptos relacionados coa Inmunoloxía: como nos defendemos, inmunoterapias, test diagnósticos e vacinas”. Nesta liña insiste en, “nunca houbera esta necesidade de coñecer esta disciplina apaixonante” e, neste sentido, a súa experiencia “está a ser moi gratificante”.

Necesidade de referencias femininas para as mozas

A catedrática valora positivamente a realización de iniciativas que resaltan a presenza feminina nas ciencias, non só polas premiadas, senón pola súa influencia nas nenas e mozas, que poden atopar estimulante o traballo científico. Na súa actividade como directora do Cinbio, ata outubro de 2019, procurou levar a cabo proxectos que demostrasen que mulleres e homes teñen as mesmas capacidades para emprender unha carreira científica e, neste senso, a consecución de recoñecementos axuda a que as mozas conten con referentes femininos.

González asegura que “en España hai mulleres con enorme talento que desenvolven o seu labor, pero en moitas ocasións fano de forma calada”. Para a inmunóloga, as mulleres novas precisan referentes e “estes premios axudan a poñer cara ás mulleres científicas, outorgándolles visibilidade, proximidade e realidade”. Desde a súa experiencia, a docente anima ás mozas a seguir o seu camiño e recorda que “a investigación científica require moito esforzo e dedicación, pero pode ser apaixonante”.

Aquí podes ler a nova no DUVI

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:06:28

Un microscopio feito a medida para estudar nanopartículas individuais

Investigadores do CINBIO incorporan un equipo hiperespectral de campo escuro sen equivalente comercial, capaz de medir moléculas que ata agora só se podían analizar en conxunto

CellCOM, Centum e TraffikGene gañan os X Premios GCiencia Galicia Spin-Off

Os galardóns, creados en 2015 para recoñecer a investigación universitaria e a transferencia, serán entregados o 4 de decembro no Pazo de San Roque de Santiago

Cóntame que leva a túa perovskita, e direiche como contamina: alternativas para materiais emerxentes

O grupo de Inmunoloxía do CINBIO leva anos estudando a toxicidade na escala 'nano' co obxectivo de establecer un emprego seguro

Dende Doniños ata Francia: así viviron as grandes científicas e científicos galegos a eclipse total de Sol

O fenómeno do 12 de agosto reuniu a referentes da ciencia en distintos puntos do mapa, que o viron en praias e xardíns