O investigador Álvaro Ordoñez gaña o premio á mellor tese de teledetección

O científico da USC abordouo desenvolvemento de algoritmos eficientes para aliñar automaticamente imaxes multi e hiperespectrais

Álvaro Ordóñez, investigador colaborador do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS) recibe este venres o premio á mellor tese de teledetección de 2021. Na sexta edición destes galardóns que concede o capítulo español do IEEE-GRSS (Sociedade de Xeociencia e Teledetección) do IEEE (Institute of Electrical and Electronics Engineers, asociación mundial de enxeñeiros dedicada á normalización e o desenvolvemento en áreas técnicas), o xurado quixo remarcar a calidade dos traballos presentados, destacando que “supuxeron interesantes achegas ao campo científico da computación, así como ao do sensado remoto”.

“Sempre é gratificante que recoñezan o teu labor, e especialmente cando se trata dun premio á túa tese, xa que se trata dun traballo de investigación de varios anos”, conta Álvaro Ordóñez. O investigador reflexiona tamén sobre o valor do traballo en equipo. “Vexo o premio como un recoñecemento non só a nivel persoal, senón grupal, xa que nunha tese os directores teñen tamén un papel importante, e ao final o premio é un indicador de que estamos no bo camiño”, explica.

Publicidade

Aproveitar a riqueza dos datos

A tese de Álvaro Ordóñez, titulada Efficient Registration of Multi and Hyperspectral Remote Sensing Images on GPU e dirixida polos profesores da USC Dora Blanco, investigadora vinculada do CiTIUS, e Francisco Argüello, abordou durante os últimos anos o desenvolvemento de algoritmos eficientes para aliñar automaticamente imaxes multi e hiperespectrais de teledetección.

A idea orixinal xurdiu da necesidade de dispoñer de algoritmos que permitisen aproveitar a gran cantidade de información contida neste tipo de imaxes: tratábase de desenvolver ferramentas capaces de procesar a enorme cantidade de datos que se captura diariamente sobre o planeta, tanto dende satélites como dende UAVs (drons) ou avións. “Para sacar partido de toda esa información, temos que aliñar imaxes tomadas en distintas datas e desde distintas plataformas, en multitude de aplicacións… por exemplo, para realizar agricultura de precisión, ou para observar a evolución de catástrofes naturais”, explica Álvaro.

Publicidade

A investigación realizada durante esta tese quedou plasmada na publicación de diversos algoritmos que son quen de aproveitar a información espectral e espacial para obter aliñamentos mellores e, ademais, facelo nun tempo de computación moi reducido, grazas ás implementacións paralelas realizadas en GPUs NVIDIA e clústers de computación de altas prestacións.

O acto de entrega dos premios terá lugar este venres, 3 de marzo, ás 17.00 horas, ao longo dun evento en liña, no que os premiados realizan unha breve retrospectiva das súas carreiras académicas e liñas de investigación.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O outono comeza este mércores ás 2.05 horas despois dun verán de temperaturas récord

A terceira estación do ano vaise estender ata o 21 de decembro ás 21.50 horas

Un estudo da USC constata efectos respiratorios persistentes cinco anos despois da erupción da Palma

A investigación incluíu máis de 600 participantes e comparou a evolución de poboación exposta e non exposta dentro da illa

Un novo tratamento deseñado na USC axuda a deixar de fumar en oito semanas e sen saír da casa

A Unidade de Tabaquismo e Trastornos Aditivos desenvolve unha aplicación móbil para realizar o seguimento dos pacientes a través de videochamadas

Como de sostibles son os bioplásticos?

Trátase dunha nova alternativa aos plásticos convencionais, fabricados con menos enerxía e biodegradables mediante compostaxe