A UVigo incorpora ao prestixioso científico Gianluca Marino

Publicacións en revistas de altísimo nivel como Nature; unha traxectoria cun alto grao de internacionalización e un enfoque multidisciplinar na súa liña de investigación, avalan a incorporación do científico italiano Gianluca Marino (Nápoles, 1976) á Universidade de Vigo. A través do programa propio de captación de persoal investigador de excelencia, o científico napolitano, que na actualidade centra o seu labor nos ámbitos da paleoceanografía e a paleoclimatoloxía, chegará o vindeiro mes de abril á institución académica viguesa, cun contrato de investigador distinguido de cinco anos de duración e aínda que nun principio se incorporará ao Departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio, a súa intención e dispor a curto-medio prazo dun grupo de investigación propio.

“Vivín en España, entre os anos 2008 e 2013, antes de vir a Australia, onde traballo na actualidade, e sempre quixen regresar. Vigo é un dos centros de España con mellores posibilidades para traballar en ciencias mariñas. Ademais o programa de captación de talento investigador de excelencia da Universidade de Vigo paréceme moi interesante para desenvolverme como investigador independente e seguir a miña traxectoria”, explica Marino, desde a Research School of Earth Sciences of the Australian National University, á que se incorporou hai cinco anos.

Publicidade

“Vigo é un dos centros de España con mellores posibilidades para traballar en ciencias mariñas”, sinala Gianluca Marino

A paleoceoanografía e a paleoclimatoloxía son os ámbitos nos que se centra o traballo deste titulado en Ciencias da Terra, dedicado a entender a evolución dos océanos e o clima da Terra en escalas de tempo xeolóxico, “para iso analizo testemuñas de sedimentos mariños con métodos xeoquímicos que me permiten reconstruír os cambios de temperatura, salinidade e composición química dos principais océanos da Terra ao longo dos últimos millóns de anos”, explica Marino, que lembra que o océano cubre aproximadamente o 70% da superficie terrestre, de aí a súa importancia para regular o clima e tamén a das reconstrucións paleoceanográficas, que axudan a entender a evolución do clima da Terra, máis aló da cobertura dos rexistros instrumentais.

Ademais dun currículo “excelente, que tamén recibiu unha valoración excelente na avaliación externa realizada”, a vicerreitora de Investigación e Transferencia da Universidade de Vigo, Asunción Longo, destaca de Gianluca Marino que “é un investigador novo, cun historial moi interesante, con publicacións de altísimo nivel, unha carreira desenvolvida en centros punteiros de Estados Unidos, Holanda, España e Italia e unha gran rede de contactos e colaboracións. Ademais, presenta unha liña de traballo que encaixa moi ben coas liñas estratéxicas da Universidade, concretamente dentro do ámbito de Campus do Mar”.

Publicidade

Longo tamén destaca o enfoque multidisciplinar do traballo que desenvolve Gianluca Marino, centrado no desenvolvemento e aplicación de técnicas micropaleontolóxicas, xeoquímicas e estatísticas de última xeración para a investigación do cambio climático e do océano. “Cremos que é un investigador cun historial excelente e con moito potencial e parece moi ilusionado coa súa incorporación á Universidade de Vigo, interesándose especialmente polo proxecto de especialización de Campus do Mar”, explica a responsable de Investigación e Transferencia.

Gianluca Marino e a vicerreitora de Investigación, Asunción Longo. Foto: Duvi.
Gianluca Marino e a vicerreitora de Investigación, Asunción Longo. Foto: Duvi.

Na actualidade, en Camberra, Marino está a traballar na obtención dos primeiros rexistros xeoquímicos para reconstruír os cambios climáticos na zona do Océano Indico ecuatorial. Unha vez chegue a Vigo, asegura que “a miña idea é integrar o meu interese nos cambios climáticos a escala global con temas máis relevantes para o clima de España e Galicia, por exemplo, centrándome na variabilidade climática do Atlántico Norte e do Mediterráneo Occidental”.

Sobre o que considera que pode achegar á Universidade de Vigo, Marino sinala que algúns dos temas de investigación nos que está a traballar e algúns dos métodos xeoquímicos que utiliza aínda non están implementados nesta institución académica. “Por exemplo, gran parte do meu traballo céntrase na sensibilidade climática, que estuda o cambio de temperatura superficial na Terra en resposta a un cambio na concentración dos gases invernadoiro e outros axentes que afectan ao clima. Este tema é moi importante para predicir os cambios de temperatura futuros”, explica.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A virxe ao servizo da física (ou como reconstruír a historia do clima con procesións)

As rogativas católicas para pedir a intervención divina na meteoroloxía complementan as ferramentas científicas das que dispón a paleoclimatoloxía

Cambio climático: o pasado conta

https://theconversation.com/javascripts/lib/content_tracker_hook.js O cambio climático actual é antropoxénico (de orixe humana). O consenso...

Un investigador da UVigo axuda a resolver un dos enigmas dos ciclos das idades de xeo

O achado, que emprega unha técnica analítica que permite datar rexistros paleoclimáticos ata hai 600.000 anos, axudará a prognosticar con maior precisión o clima futuro

A USC consolida a súa posición entre as 500 mellores universidades do mundo

A edición 2022 do Academic Ranking of World Universities (ARWU), coñecido como Ránking de Shanghai, inclúe a institución compostelá no tramo 401-500 da clasificación mundial