A Universidade de Santiago de Compostela (USC) sitúase, por terceiro ano consecutivo, entre as 500 mellores universidades do mundo. A clasificación elaborada polo Academic Ranking of World Universities (ARWU) sitúaa no intervalo 401-500 das mellores universidades a nivel mundial. A USC, subliña o seu gabinete de comunicación, consolida así unha posición que mantén dende 2020 e colócase no chanzo 9-11 das institucións destacadas pola listaxe na contorna estatal.
A edición 2022 do popularmente coñecido como Ránking de Shanghai avalía máis de 2.500 universidades e publica os resultados das mil que encabezan a clasificación. Os criterios de avaliación inclúen diferentes indicadores de rendemento académico e de investigación, tales como o recoñecemento acadado polo persoal investigador e alumnado egresado nos Premios Nobel ou as Medallas Field ou as publicacións recollidas en revistas como Nature ou Science.
Tamén considera o persoal investigador altamente citado na base de datos de Clarivate, os artigos indexados no Science Citation Index-Expanded e Social Science Citation Index, e o rendemento per cápita das universidades en función da dimensión do seu persoal académico.
Clasificación por materias
No mes de xullo, o Global Ranking of Academic Subjects (GRAS), elaborado polo mesmo organismo, destacaba a posición da USC en quince ámbitos científicos. En Odontoloxía e ciencias orais a Universidade ocupa en 2022 o chanzo 101-150 a nivel mundial, situándose na segunda posición da contorna estatal. A segunda área máis destacada da institución é a de Ciencias veterinarias, no mesmo intervalo internacional e na oitava posición entre as universidades españolas incluídas na clasificación.
Outros eidos que acadan posicións sobranceiras son Farmacia e ciencias farmacéuticas que ocupa o intervalo 151-200 (posición 4-5 de España), mentres que Ciencias políticas se sitúa no posto 201-300 (4-5 de España), igual que Física (chanzo 8-11 de España), Hostalaría e xestión do turismo (intervalo 16-20 de España) e Ciencias da Alimentación e Tecnoloxía (19-27). Séguenlles no intervalo 301-400, Ciencias ambientais e enxeñaría, así como Biotecnoloxía, as dúas no banzo 5-10 da clasificación española do ránking.
No intervalo 301-400 destacan Química (que acada o posto 11 na clasificación estatal), Ciencias agrícolas (11-19 da mesma escala) e Matemáticas (no banzo 12-15). No 401-500 o ránking salienta Ciencias biolóxicas (12-18 na contorna estatal), Educación (14-22) e Ecoloxía (19-24).