Divulgando Ciencia Singular: unha oportunidade para coñecer o potencial da UVigo

As xornadas de portas abertas celebradas na fin de semana conseguen mergullar a 150 persoas na investigación mariña do CIM

A ciencia mariña de vangarda que desenvolven os grupos do Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo traspasou esta fin de semana as portas dos laboratorios. O seu obxectivo era proxectarse á sociedade e dar a coñecer os diferentes eidos nos que traballan. Así é que 150 persoas participaron nas actividades deseñadas dentro do programa Divulgando Ciencia Singular, unha proposta na que participan os cinco centros de investigación do Campus de Vigo entre os meses de outubro e novembro. O CIM foi o máis madrugador e deseñou unha serie de actividades tanto no campus, como na Ecimat e na propia ría de Vigo.

Visitas guiadas

Así, o venres 22 celebráronse unha serie de visitas guiadas no campus, en concreto ás instalacións dos grupos de investigación do CIM no edificio de Ciencias Experimentais e no edificio Olimpia Valencia. O sábado 23 as actividades trasladáronse á Estación de Ciencias Mariñas de Toralla e á propia ría, xa que as persoas inscritas saíron do peirao de A Laxe nun barco que os deixou na Ecimat, a principal infraestrutura de investigación do CIM. Durante tres horas puideron gozar da combinación de diferentes experiencias, dende o traxecto no barco-aula no que aprenderon cuestións interesantes sobre a ría de Vigo e descubriron o funcionamento dun robot subacuático ata a visita aos laboratorios, salas de cultivos, etc.

Publicidade

Dende a organización valoran moi positivamente a resposta da cidadanía a este convite para coñecer a investigación mariña que se desenvolve na UVigo e, de feito, as prazas ofertadas, “enchéronse en apenas dous días, o que dá unha idea do interese da xente por este tipo de propostas divulgativas”. Agora queda por diante unha nova cita, o venres 29, pero desta volta no Campus de Ourense, para coñecer o grupo de investigación EPhysLab, pertencente ao CIM. A visita terá lugar entre as 12.00 e as 12.40 horas e a inscrición está aberta.

Novas citas en novembro

Mais o programa Divulgando Ciencia Singular non remata. Continúará este xoves 28 coa xornada de portas abertas do Cintecx, que recibirá a partir das 16.00 horas ao alumnado do Bacharelato STEM do colexio Compañía de María de Vigo, para o que deseñaron un programa de actividades que comprende tres obradoiros sobre combustión, intelixencia artificial e desenvolvemento sostible e biotecnoloxía.

Publicidade

Nas próximas semanas uniranse a estas xornadas divulgativas o resto dos centros de I+D do Campus de Vigo. Así, o Centro de Investigación Biomédica deseñou o ciclo Ciencia con C de Cinbio, que consistirá na realización de diferentes actividades que se artellan arredor de tres bloques temáticos: Cinbio na escola (2 de novembro), Cinbio na rúa (4 e 9 en Ourense e Vigo, respectivamente) e Coñece o Cinbio (11, 13 e 19 de novembro).

Pola súa banda, o Centro de Investigación e Tecnoloxías de Telecomunicación, atlanTTic, abrirá as súas portas ao publico xeral a finais do mes de novembro con visitas guiadas ás súas instalacións, obradoiros e demostracións prácticas. Finalmente, o centro interuniversitario de investigación Economics and Business Administration for Society (Ecobas) tamén desenvolveu varias actividades de proxección, que se completaron onte coa presentación dos resultados do proxecto SAVES.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A UVigo valida no Álvaro Cunqueiro unha tecnoloxía pioneira para medir a calidade do aire en tempo real

A solución, aplicada nunha sala de espera do hospital vigués, combina sensores de baixo custo e algoritmos avanzados

Congro, ostra e vieira: máis de 60 especies están afectadas polo cambio climático nas Rías Baixas

Unha investigación do Centro de Investigación Mariña analiza o impacto presente e futuro dos episodios meteorolóxicos extremos sobre a fauna mariña galega

Unha aplicación da UVigo permite detectar contaminantes na auga a través do móbil

O proxecto Aquasense emprega dispositivos portátiles de baixo custo para facilitar a vixilancia ambiental en contornas con poucos recursos

Pint of Science: “É fantástico pasar do contexto pechado da investigación á contorna afable dos bares”

O investigador de atlanTTic Diego Cajaraville dará o 19 de maio ás 19:30 horas unha charla no bar De Catro a Catro de Vigo