Un simulador a pequena escala. Pero un simulador a fin de contas. Esa é a esencia de Eólice, un xerador que imita o comportamento das ondas do mar. Este aparello, cunhas dimensións aproximadas de dous metros por 20 centímetros e con capacidade para 60 litros de auga, xa forma parte do grupo Ephyslab da Universidade de Vigo (Uvigo). Este novo equipo atópase actualmente no edificio do Campus Auga, en Ourense, e o seu principal obxectivo é o de contribuír á divulgación e aprendizaxe nos eidos da oceanografía e da enxeñaría costeira e a dinámica de fluídos.
No tanque do que está dotado Eólice “xeramos trens periódicos de ondas, nos que nós podemos fixar a altura e o período das ondas e así estudar as súas diferentes propiedades e comportamentos”, comenta Moncho Gómez Gesteira, catedrático de Física da Terra da UVigo e membro do grupo. Un equipo de investigación, o Ephyslab, que desenvolve desde hai máis dunha década unha dilatada traxectoria investigadora e cuxos estudos se centran fundamentalmente na simulación computacional e numérica.
Colaboración coa UPC
No que respecta ao propio xerador Eólice —nomeado así pola deidade grega das ondas que xeran as tormentas—, foi construído polo grupo da UVigo e a Universitat Politècnica de Catalunya (UPC). Segundo explican dende Ephyslab, esta institución académica conta cun Canal de Investigación y Experimentación Marítima (ICTS-CIEM), unha infraestrutura de investigación que permite a realización de ensaios hidráulicos controlados en enxeñaría de portos, costas e oceanográfica, así como noutros campos como a obtención de enerxía dos recursos mariños. Dada a colaboración entre os dous equipos, Gesteira indica que xurdiu o interese común de facer un canal demostrativo, a escala reducida, que permitirse facer experimentos sinxelos e desenvolver unha parte didáctica e educativa.
Eólice permite facer experimentos sinxelos e desenvolver a parte didáctica e educativa
Os grandes canais como o de CIEM, sinalan desde Ephyslab, teñen uns custes moi elevados e non son accesibles para uso común. Por outra banda, as ferramentas de traballo de Ephyslab neste eido son fundamentalmente computacionais, como o seu software DualSPHysics, referente na simulación de dispositivos captadores de enerxía de ondas, especialmente cando se trata de avaliar o seu funcionamento ante condicións extremas, como temporais. Entre un punto e outro, o xerador Eólice permite “explicar dun xeito visual a persoal non especializado as propiedades das ondas” e realizar pequenas demostracións e calibrados de modelos, ademais de proxectos divulgativos e educativos.
Diferentes usos
Os usos que poida ter Eólice son variados, segundo explican dende Ephyslab. Un deles será o docente, permitindo ao alumnado universitario empregalo para completar desde un punto de vista práctico a docencia nas aulas, os seus traballos fin de estudos e outros proxectos que poidan desenvolver. Os sensores deste aparello permitiranlle aos estudantes medir diferentes aspectos de interese. Por exemplo, comprobar in situ as relacións teóricas entre as velocidades, lonxitudes, períodos e alturas de onda. “Sempre estamos explicando as propiedades das ondas e agora que dispoñemos deste xerador o alumnado pode vir e medilas”, apunta Gómez Gesteira.
O segundo uso que se baralla para Eólice é de carácter divulgativo. É dicir, de demostración para públicos non especializados, especialmente os estudantes preuniversitarios e que participan en iniciativas como os bacharelatos STEM. Dende Ephyslab indican que o dispositivo permitirá explicar a estes colectivos como se forman as ondas, que é o mar de fondo ou que é o fenómeno de refracción, que fai que as ondas cheguen paralelas á praia. Así, con Eólice, colocando unhas pequenas boias na súa auga e activando o tren de ondas, as persoas poderán percatarse de que “as ondas non propagan materia, propagan enerxía”. Por último, engaden desde Ephyslab, o xerador empregarase en investigación “para cousas moi sinxelas, como calibrar modelos”.
Xornada de portas abertas
Unha vez instalado o dispositivo, desde o grupo de investigación sinalan que “queremos sacarlle o maior partido posible, tanto no eido divulgativo como docente”. Deste xeito, a primeira oportunidade para coñecer o xerador é esta semana, nunhas xornadas de portas abertas para coñecer Ephyslab no Campus de Ourense e organizadas dentro da programación da iniciativa Divulgando Ciencia Singular. Entre as primeiras persoas en coñecer o funcionamento de Eólice estiveron Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense, e Roberto Ignacio Fernández, director do Campus Auga.
“Este é un exemplo máis do bo facer deste grupo do noso campus”, salientou Esther de Blas na visita, na que subliñou que esta iniciativa “vainos axudar a darlle visibilidade ao Campus Auga” e “vai a ser moi atractiva e interesante para estudantes de colexios e institutos e tamén para calquera persoa interesada na ciencia”.
Podes ler a noticia do DUVI nesta ligazón.