USC participa na construción dun telescopio de neutrinos xigante en Xapón

O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías é un dos nove centros da contorna estatal involucrados no proxecto Hyper-Kamiokande

A Universidade de Santiago de Compostela será unha das institucións participantes no proxecto internacional cara á construción do detector Hyper-Kamiokande. Así se recolle nun memorando de entendimento subscrito no mes de agosto polo Ministerio de Ciencia e Innovación do Goberno de España, a Organización de Investigación de Aceleradores de Alta Enerxía (KEK) de Xapón e a Universidade de Tokio (UTokyo) co obxectivo de promover o desenvolvemento deste telescopio internacional de neutrinos.

Canda Xapón, líder do proxecto, son 19 os países involucrados nesta iniciativa que comezará a operar no país nipón en 2027 e cuxo obxectivo é demostrar a teoría asociada a unha propiedade esencial dos neutrinos que explicaría o desequilibrio entre a produción de materia e antimateria no inicio do Universo. Este proxecto liderará, durante as próximas dúas décadas a exploración dos procesos termonucleares que dan lugar á enerxía do Sol e a dos procesos previos ao colapso de estrelas que xeran as supernovas.

Publicidade

Túnel de acceso ao espazo experimental

O detector Hyper-Kamiokande terá previsiblemente unha masa oito veces maior que o seu predecesor, o Super-Kamiokande, e estará equipado con fotosensores de alta sensibilidade recentemente desenvolvidos. O orzamento da construción foi aprobado no Parlamento de Xapón en febreiro de 2020, e esta iniciouse en maio de 2021 coa escavación do túnel de acceso ao espazo experimental.

Segundo o acordo, outras oito institucións conforman canda a USC o Consorcio Hyper-Kamiokande español: o Centro de Astropartículas e Física de Altas Enerxías (CAPA) da Universidade de Zaragoza, o Centro Internacional de Física de Donostia (DIPC), o Instituto de Física de Altas Enerxías (IFAE) o Laboratorio Subterráneo de Canfranc (LSC), a Universidade Autónoma de Madrid (UAM), a Universidade de Xirona (UdG), Universidade de Oviedo (UO) e a Universidade Politécnica de Valencia (UPV).

Publicidade

Está previsto que estas institucións contribúan a través do desenvolvemento, produción e instalación das cubertas de protección do foto-sensor, o sistema de ventilación, o sistema de compensación xeomagnética, módulos de circuítos electrónicos, fontes de radiación para calibración e diferentes elementos do detector próximo.

Unha parte da contribución española ao proxecto HKK será financiada con fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), como unha das actuacións da liña de fortalecemento das capacidades, infraestruturas e equipamentos dos axentes do Sistema Español de Ciencia, Tecnoloxía e Innovación a través da promoción de novas actuacións en grandes infraestruturas de investigación europeas e internacionais.

O presidente de UTokyo, Teruo Fujii (esquerda), a Secretaria Xeral de Investigación de MCIN, Raquel Yotti (centro), e o director xeral de KEK, Masanori Yamauchi (dereita), asinan o acordo de etendemento (MoU). Fonte: Ministerio de CIencia e Innovación
O presidente de UTokyo, Teruo Fujii (esquerda), a Secretaria Xeral de Investigación de MCIN, Raquel Yotti (centro), e o director xeral de KEK, Masanori Yamauchi (dereita), asinan o acordo de etendemento (MoU). Fonte: Ministerio de Ciencia e Innovación

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Atopados os restos óseos dun individuo durante a escavación da foxa de Beira, en Carral

Un equipo da USC busca espazos de violencia franquista na parroquia coruñesa, onde foron enterradas entre agosto e setembro de 1936 un mínimo de 18 vítimas na contorna da igrexa

O virus da encefalite transmitida por carrachas chega a Galicia: un estudo detecta anticorpos en animais

Un equipo da USC confirma a circulación do patóxeno, considerado unha ameaza de saúde pública pola gravidade dos síntomas neurolóxicos que pode causar

Un estudo da USC revela que a poboación española avalaría un endurecemento das medidas antitabaco

O artigo sinala que as propostas con menor apoio son a prohibición de fumar en terrazas e o aumento da idade mínima de venda ata os 21 anos

Unha investigación galega afonda nunha enfermidade con só 19 casos no mundo a través do peixe cebra

Un estudo da USC desenvolve un modelo animal co obxectivo de reproducir os síntomas da patoloxía multisistémica RFT1-CDG