Un grupo da UDC desenvolve un bioplástico para envases máis sostibles

O avance abre novas posibilidades para fabricar materiais industriais biodegradables e máis fáciles de reciclar

Un grupo de investigación da Universidade da Coruña (UDC) desenvolve un novo bioplástico con mellores propiedades estruturais e de barreira sen precisar aditivos externos para crear envases máis sostibles. O traballo, enmarcado dentro dun proxecto europeo, forma parte da tese da científica Anja Schmidt e conta coa colaboración do Instituto Leibniz, en Alemaña. O estudo acaba de ser publicado na revista ACS Omega.

O estudo céntrase no desenvolvemento dun biocomposto autorreforzado a partir do biopolímero PHBV, un material de orixe natural completamente biodegradable. A innovación reside en integrar micropartículas do propio PHBV na súa matriz para mellorar o comportamento mecánico e as propiedades de barreira fronte ao osíxeno e ao vapor de auga, aspectos fundamentais para prolongar a conservación dos alimentos envasados.

Publicidade

Este enfoque científico permite reforzar o material sen engadir plásticos convencionais nin outros aditivos, o que facilita tanto reciclalo como compostalo. A diferenza dos envases multicapa tradicionais, que resultan difíciles de reciclar pola combinación de materiais distintos, o novo biocomposto mantén unha composición homoxénea que simplifica xestionalo ao final da súa vida útil.

Produción industrial eficiente a grande escala

Outro aspecto salientable é que a produción destes bioplásticos non require disolventes tóxicos nin procesos custosos. Utilízase tecnoloxías de transformación amplamente implantadas na industria, como a extrusión e o moldeado por inxección, o que facilita fabricalos a grande escala.

Publicidade

Segundo o equipo investigador: “Conseguimos, por primeira vez no ámbito industrial, incorporar partículas de PHBV nunha matriz do mesmo material mediante un proceso eficiente e compatible coa produción a grande escala”.

Ciencia galega nun proxecto europeo

Este traballo enmárcase no proxecto europeo Waste2BioComp, que reúne 13 organizacións de seis países co obxectivo de transformar residuos orgánicos e subprodutos en novos biomateriais sostibles. A UDC lidera un paquete de traballo que se centra no desenvolvemento de partículas de PHBV para aplicacións no sector da embalaxe.

Como parte das actividades finais, a investigadora responsable do proxecto na UDC, Belén Montero, participou os días 29 e 30 de abril en Bruxelas no evento de peche organizado polo clúster europeo BioMatters. Alí presentou, xunto co director de I+D de Propagroup SpA, Salvatore Davide Crapanzano, os principais resultados relacionados coa cadea de valor dos plásticos sostibles. Durante a súa intervención, Montero abordou o potencial das solucións baseadas en biopolímeros para substituír materiais fósiles en plásticos tanto ríxidos como flexibles. O mércores 30 de abril celebrouse o encontro interno do consorcio, en que se analizaron os avances e as futuras liñas de traballo.

Con este avance, o Grupo de Polímeros do CITENI reafirma o seu compromiso coa investigación de materiais máis sostibles e co desenvolvemento de solucións innovadoras que achegan a industria do envasado aos principios da economía circular.


Referencia: Self-Reinforced Biocomposites Made from Poly(3-hydroxybutyrate-co-3-hydroxyvalerate) (PHBV): An Innovative Approach to Sustainable Packaging Production through Melt Processing (Publicado en ACS Omega)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Existe un mapa das cóxegas? Un estudo analiza esta sensación tan familiar

Unha investigación con 448 participantes revela que esta percepción fisiolóxica transcende culturas e podería ter unha razón evolutiva

Do ‘vermicompost’ ao uso de ozono: un estudo da USC avalía o impacto ambiental de alternativas agrícolas

A tese de Sara Lago evidencia que determinadas prácticas sostibles non sempre presentan un mellor desempeño cando son analizadas de maneira integral

O que sabemos sobre o impacto dos protectores solares nos corais

A evidencia científica apunta a un risco real, pero localizado e moi inferior ás grandes ameazas que enfrontan os arrecifes. Por Antonio Figueras

Un programa pioneiro permitirá coñecer as avelaíñas do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia

A primeira mostraxe da Xunta en Cortegada rexistrou 127 exemplares de máis de 40 taxóns nunha soa noite