O I Premio Universitario “la Caixa” de Comunicación Científica entra na súa fase final cunha alta participación e destacando pola calidade das propostas presentadas. O certame, que organiza GCiencia, a web da ciencia galega, co patrocinio da Fundación La Caixa, permitirá achegar a investigación en Galicia desde a perspectiva dos alumnos das facultades de comunicación das universidades galegas.
O xurado elixiu sete propostas xornalísticas que pasan á fase final do certame. Estes traballos serán publicados por GCiencia e un deles será o gañador desta primeira edición do premio.
Sara Pérez Seijo elaborará a reportaxe “Innopharma, una huella gallega en la industria farmacéutica”, sobre esta plataforma de investigación da Universidade de Santiago, con especial atención ó desenvolvemento de fármacos aplicados á psiquiatría.
Marta González e David Leiro presentarán unha entrevista radiofónica alternativa, en Neurobeat Radio. Humor e música acompañarán un cuestionario dinámico a membros do Grupo de Acuicultura do Departamento de Microbioloxía e Parasitoloxía da USC.
Carlos Rey Estévez escribirá sobre o soño e os seus aspectos controvertidos: “Que pasa cando desconectamos e o cerebro actúa por libre?”, pregúntase.
Andrea Espiñeira, en “Bajo el paraguas de Ángel Carracedo”, presentará o traballo do prestixioso Laboratorio de Medicina Xenómica da USC.
Andrea Oca trata un tema polémico: Medicar por costume. Refírese a psiquiatría, os intereses dos laboratorios e o novo manual de referencia psiquiátrico internacional.
Lidia Dosil analizará a colaboración entre empresa e universidade a través do exemplo do Talaso Atlántico e o estudo das microalgas pola Universidade de Vigo.
Sabela González presentará un traballo sobre a fotografía, un arte e, tamén, unha ciencia, a do revelado. O xogo da luz e da escuridade. E a ciencia que vai parella.
Divulgación e xornalismo científico
Divulgar a investigación que se fai nas universidades galegas, promover o xornalismo científico e animar ós estudantes universitarios a coñecer a ciencia nos seus campus é o obxectivo do I Premio Universitario “A Caixa” de Comunicación Científica que convocan a Fundación La Caixa e GCiencia, a web da Ciencia en Galicia.
O premio conta coa participación das tres universidades galegas -ACoruña, Santiago de Compostela e Vigo- e está dirixido a estudantes das facultades de Periodismo e Comunicación.
Nesta fase final, os participantes seleccionados poderán entregar os seus traballos ata o vindeiro 12 de maio. GCiencia publicará logo estas reportaxes e un xurado elixirá o gañador no mes de xuño. O xurado estará formado por representantes de La Caixa, as tres universidades, o Colexio Oficial de Xornalistas de Galicia, o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e GCiencia.