Santiago rexistrou máis de 2.300 horas de Sol en 2023, a segunda marca máis alta do século

A chuvia recollida ao longo do ano superou os 2.000 litros por metro cadrado, mentres que a temperatura máxima foron os máis de 36 graos do pasado 8 de agosto

As horas de Sol medidas en Compostela pasaron das 2.300 ao longo de 2023, o que supón a marca máis alta deste século só superada polo rexistro de 2017 (2.351, 3 horas). Así o constata o ‘Resumo meteorolóxico do ano 2023 da cidade de Santiago de Compostela’, elaborado cos datos obtidos na estación do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, centro colaborador da Axencia Estatal de Meteoroloxía. O informe tamén destaca que a chuvia recollida ao longo do ano superou os 2.000 litros por metro cadrado, logo de oito anos sen facelo, mentres que a temperatura máxima foron os 36º2 alcanzados o 8 de agosto, mes no que tamén se superou a barreira dos 30 noutras catro ocasións. En xullo a temperatura máxima ficou nos 28º2.

Chuvia

No capítulo relativo ás precipitacións, o resumo salienta que en 2023 sucedeu algo semellante ao acontecido no ano anterior: nos tres últimos meses caeron máis de 1.000 litros/m2, superando a media das últimas décadas. Aínda que fose a última hora, o ano que acaba de rematar deixounos 2.009, 2  litros/m2, dos que 1.000,5 corresponden aos tres últimos meses: outubro con 424,3 l/m2, novembro con 318,7  l/m2, e decembro con 257,5 l/m2. Tal e como subliña José Angel Docobo, director do Observatorio da USC, “choveu a mesma cantidade nos nove primeiros meses que nos tres últimos”. Neste senso, o profesor destaca que en meses tradicionalmente chuviosos en Santiago como abril e maio, “a precipitación recollida foi modesta”, sen chegar a 100 litros/m2 en cada un deles. O día máis chuvioso do ano resultou ser o 18 de outubro con 71.1  l/m2. Nesa xornada “aconteceu un fenómeno inusual”, relata o profesor Docobo, cando sobre as 19.00 horas se recolleron uns 30 litros/m2 en media hora. “En total foron 22 as xornadas nas que se mediron máis de 30 litros/m2”, sinala.

Publicidade

En canto ao número de días con precipitación, estes chegaron aos 192 (52,6 %), se ben en 26 deles foi inferior a  0,1 l/m2, “o que en meteoroloxía se considera unha cantidade inapreciable”, indica Docobo. Sen contar estes últimos, os 166 restantes corresponden ao 45,4% dos días nos que nalgún momento houbo precipitación, o cal entra na normalidade dos rexistros de Compostela, que ronda sempre o 50%.

Temperaturas

Durante as trece xornadas nas que a cidade de Santiago pasou dos 30º, sorprenden as cinco ocasións nas que isto aconteceu en outubro, que concretamente o día 7 marcou a quinta máxima do ano con 32º3. Pola contra, só se baixou dos cero graos en tres días, resultando a mínima absoluta do ano os  -0º2  compartidos entre o 2 de marzo e o 17 de decembro. Xunto cos  -0º1  do 18 de decembro, estas tres foron as únicas xornadas con temperatura negativa en todo o ano 2023.

Publicidade

O día coa temperatura máxima máis baixa resultou ser o 17 de xaneiro con só 8º5, mentres que a noite máis calida correspondeu ao 10 de agosto cando os termómetros non baixaron dos 18º5. Agosto con 20º9 de temperatura media foi o mes máis quente, seguido de xuño (19º8), xullo (19º4) e setembro (19º3).

Insolación

No eido relativo á insolación, foron importantes as contribucións dos meses de maio  (291 horas e 40 minutos) xunto cos meses estivais. En abril e setembro a insolación foi a mesma: 220 horas. Só houbo 38 días nos que o Sol non saíu en Compostela, pero entre abril e setembro só houbo dúas xornadas sen Sol, unha en abril e outra en xullo. Destacan os 18 días con máis de nove horas de insolación en maio e os 22 días de febreiro nos que o Sol se deixou ver entre 6 e 9 horas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A física Yolanda Prezado, premio Wonenburger 2026 polos seus estudos en radioterapia

A Unidade de Muller e Ciencia da Xunta concede por unanimidade o galardón á investigadora galega, considerada unha referencia europea en protonterapia

Radiografía do piropo galego: da sedución á complicidade a través do humor

A investigadora Estela Fidalgo realizou un estudo con 100 persoas para coñecer como mudan as estratexias comunicativas nas relacións afectivo-sexuais

O alzhéimer canino existe: a galega que analiza cerebros de cans para anticipar o diagnóstico

A investigadora Belén Larrán estuda unha doenza que causa desorientación e ansiedade, e afecta máis da metade dos individuos maiores de 15 anos

Un minuto e moitas incógnitas: a nubosidade media nas últimas tres décadas foi do 30% para o 12 de agosto

O meteorólogo Benito Fuentes indica que as formacións baixas e unha cobertura do 35% son as principais ameazas para a observación