As súas causas son descoñecidas e a súa incidencia algo máis elevada na área de Vigo, que noutras cidades galegas. A esclerose múltiple é unha enfermidade do sistema nervioso central que provoca que as neuronas perdan o seu recubrimento de mielina, encargada de permitir a transmisión rápida de impulsos ou sinais, e, polo tanto, facer posible a comunicación entre elas. A que se ten identificado como a doenza crónica máis frecuente en adultos novos en Europa, carece a día de hoxe dun tratamento que impida que pasados entre 25 e 30 anos do inicio da enfermidade, o 75-80% de pacientes acaden graos de discapacidade o suficientemente graves como para impedirlles desenvolver unha vida normal.
Estas evidencias poñen de manifesto a importancia de calquera avance que permita arroxar algo de luz sobre a orixe e o tratamento da esclerose múltiple, sobre todo se se trata de formulacións novas. Este é o caso de Biomarcadores con valor diagnóstico e pronóstico na Esclerose Múltiple: Receptores LRPs e neurotrofinas, o proxecto co que un grupo de investigadores integrados en Biocaps, liderado por Carlos Spuch, vén de recibir un premio internacional no certame convocado pola empresa estadounidense Raybiotech coa finalidade de identificar e apoiar as investigacións máis innovadoras no ámbito biomédico.
“O noso traballo”, explica Carlos Spuch , “foi destacado entre os dez mellores dun total de 130. É unha alegría conseguilo e un impulso que te di que por aí vas ben. 5000 euros, que é a contía do premio, non dan para moito, pero é un recoñecemento que fai que non te sintas só”. Xunto a Supch, investigador do Grupo de Enfermidades Neurodexenerativas e Trastornos Psiquiátricos do Instituto Biomédico de Vigo, IBIV, completan o equipo que elaborou o traballo os investigadores da Xerencia de Xestión Integrada de Vigo do Servizo Galego de Saúde: Delicias Muñoz, neuróloga e xefa da Unidade de Esclerose Múltiple; Luciana Midaglia, neuróloga e Jesús Romero, xefe do Servizo de Neuroloxía.
Por que morren as neuronas?
A liña de traballo liderada por Spuch, que recentemente recibiu o recoñecemento da farmacéutica suíza Norvartis pola seu carácter innovador, afástase da hipótese maioritaria de traballo que parte da idea de que a esclerose é unha enfermidade autoinmune na que “por algunha razón o noso sistema inmune ataca os axóns, a parte que comunica o corpo da neurona co fina das terminacións nerviosas”, explica Spuch.
A liña de traballo de Spuch afástase da idea de que é unha enfermidade autoinmune
Fronte a esta liña de traballo maioritaria, o investigador do IBIV, intenta ver que ocorre na neurona para que empece a morrer e por que as células do sistema inmune entran no sistema nervioso para matalas, algo que en condicións normais non ocorre por que o impide a barreira hematoencefálica, que separa os vasos sanguíneos do sistema nervioso central, impedindo a entrada de substancias tóxicas e permitindo a de oxíxeno e nutrientes. “Non sabemos por que na esclerose múltiple o linfocito atravesa a barreira hematoencefálica. A miña hipótese é que a barreira ten algo que permite a entrada do sistema inmune e vai cara á neurona e empeza a destruíla”. O proxecto premiado trata de desenvoler novos biomarcadores para dous tipos de familias de proteínas: as neurotrofinas, moleculas vitais para o desenvolvemento e funcionamento do sistema nervioso e receptores LRP, moléculas vitais para o funcionamento da barreira hematoencefálica.
Coa aplicación dos biomarcadores ás neurotrofinas os investigadores pretenden que avalíen e busquen novas vías de detección da neurodexeneración, mentres que coa análise de novas formas dos receptores LRPs, búscase avaliar o estado da barreira hematoencefálica e descubrir por que nesta enfermidade se produce a entrada de células do sistema inmune que danan as neuronas.
Diagnose e incidencia na área de Vigo
Máis alá descubrir a orixe da esclerose múltiple, “que me pode levar a miña vida, a do meu fillo e a do meu neto”, explica Spuch, “ a parte máis importante do proxecto é poder diagnosticar e pronosticar a enfermidade”. Neste sentido o investigador sinala, que aínda que os neurólogos diagnostican con bastante precisión, logo teñen protocolos de tratamento moi caros e que requiren tempo como inxeccións de anticorpos monoclonais de ata 3000 euros que non sempre funcionan. “Trátase de saber, que tratamento vai funcionar e poderíase saber en poucos anos o que permitiría dicirlle a un neurólogo que tal tratamento non vai funcionar cunha proba bioquímica. Esta é a aplicación que aspiro a darlle en poucos anos”.
En relación coa incidencia que a enfermidade acada na área de Vigo, “un pouco máis alta que no resto de cidades”, Spuch mira cara aos países do norte de Europa, onde a incidencia é máis elevada “vai pola teoría da luz, tamén causas xenéticas, mutacións …. aínda que isto non está moi claro”, explica, para lembrar, que a esclerose si está moi afectada polo medio, “onde vives e que fas”, tal como ocorre coas enfermidades cardíacas.