O Claustro de Vigo aproba crear a titulación de Enxeñería Aeroespacial

O Claustro da Universidade de Vigo deu o seu visto e prace á creación da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e á adscrición á mesma do Grao de Enxeñaría Aeroespacial. Co informe favorable deste órgano, a próxima cita no camiño para a implantación destes estudos será a mediados de xullo, cando se someta á aprobación do Consello de Goberno.
Ana Graña, vicerreitora de Organización Académica e Profesorado, foi a encargada de expor a creación da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e explicar como o título de grao require da súa adscrición a un centro para continuar coa súa tramitación. Tal e como se explica na memoria da escola, ao tratarse dunha titulación de enxeñaría moi específica, que non ten analoxía coas outras titulacións do campus de Ourense, faise preciso contar cun centro específico. A este respecto, tanto na intervención de Graña como na dos membros do claustro, se fixo fincapé na necesidade de que a xunta de titulación deste grao avance na valoración económica dos custes da implantación destes estudos. “As contas iniciais xa están feitas, agora faltan as definitivas”, recalcou o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato.
Pola súa banda, José Antonio Vilán, como comisionado do Vigo Tecnolóxico da Universidade de Vigo e como presidente da xunta de titulación do Grao de Enxeñaría Aeroespacial, presentou un informe aos e ás asistentes sobre a proposta da nova titulación, cuxa memoria final se aprobou o pasado 29 de xuño. Na súa intervención, Vilán afondou nas oportunidades asociadas a este grao, asegurando que “o mercado español está experimentando un forte crecemento neste ámbito, que o CDTI estimou para o período 2008-2016 nun 300% anual, porcentaxe que se está vendo incluso superada”. O aumento do emprego no sector; o amplo abano de posibilidades de empregabilidade, nos eidos estatal e internacional, público e privado, e o crecemento tanto do investimento en I+D+i como do mercado europeo, no que España representa unha facturación reducida, foron outras das ventás de oportunidade recalcadas polo presidente da xunta de titulación.
Tal e como recolle a memoria do grao, o título ten un carácter habilitante, é dicir, permite o exercicio da profesión regulada de enxeñeiro técnico aeronáutico e contempla dous itinerarios curriculares, como son Aeronaves e Equipos e Materiais Aeroespaciais. Por atoparse entre os títulos máis demandados polo alumnado en España, a planificación inclúe unha oferta inicialmente de ata 50 estudantes, nun 80 ou 90% procedentes de Galicia. Entre outras características da titulación, José Antonio Vilán salientou o feito de que implica a cinco centros da Universidade de Vigo e a practicamente a todos os grupos de investigación do eido científico e tecnolóxico. Tamén recalcou como a proposta deste grao xorde nun contexto no que a Universidade de Vigo ten un Plan Estratéxico Aeroespacial desde 2007, no marco do cal se crearon e lanzaron con éxito tres satélites, e no que está en trámite de creación un Centro de Innovación Aeropespacial, ademais da aposta autonómica por este eido.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha masa de aire africano trae temperaturas por enriba dos 30 graos en Galicia a partir do xoves

O fenómeno elevará as máximas ata 37ºC en Ourense e deixará valores próximos aos 30ºC en boa parte do territorio, con aviso amarelo no interior

A eclipse total de Sol xa está aquí: a guía definitiva sobre a cita astronómica do ano en Galicia

O territorio será protagonista máis dun século despois do último fenómeno, coa Coruña e Lugo na totalidade e as nubes como principal incógnita para a observación

A volta das lapas

As consecuencias dos incendios do verán de 2025 e o primeiro gran lume de 2026. Por Andrea Veiga

A falta de retención dos solos tras os incendios de 2025 agravou as riadas de Ourense

O edafólogo Agustín Merino vincula as escorreduras do 17 de xuño coa escasa revexetación durante o inverno e a ausencia de actuacións de restauración