María José Alonso ingresa na Academia Nacional de Medicina de Bélxica

A catedrática da USC afirmou que esta elección “é unha gran honra que quero agradecer á Academia e a todos aqueles que me apoiaron ao longo da miña carreira”

María José Alonso, catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da USC, ingresou esta fin de semana como membro internacional da Real Academia de Medicina de Bélxica (ARMB, polas súas siglas en francés) nunha cerimonia virtual coa que se deu entrada na institución a trece novos integrantes. A profesora Alonso afirmou que esta elección “é unha gran honra que quero agradecer á Academia e a todos aqueles que me apoiaron ao longo da miña carreira”.

O ingreso na Academia considérase unha das máis altas honras nos campos da saúde e a medicina en Bélxica. Entre os seus académicos, a institución integra membros procedentes tanto do país belga como do estranxeiro, acollidos como integrantes internacionais. No acto, a  ARMB deu a benvida a trece novos académicos: cinco belgas e oito estranxeiros, procedentes, ademais de España, de Francia, Estados Unidos e Canadá.

Publicidade

“A selección de académicos é extremadamente rigorosa –explica o profesor Jean-Michel Foidart, secretario permanente da Real Academia de Medicina de Bélxica– só se aceptan unha minoría de solicitudes. A admisión dun candidato ao  ARMB require a aprobación de dous terzos dos membros. Por tanto, estamos moi orgullosos de poder dar a benvida a estes científicos de talla mundial cos que a ARMB manterá colaboracións internacionais a nivel científico”.

As solicitudes de novos membros avalíanse sobre a base de varios criterios: excelencia científica, reputación internacional no campo científico ou clínico, excelencia do currículo e as publicacións, e a colaboración internacional con institucións de investigación e universidades belgas de fala francesa.

A cerimonia de ingreso desenvolveuse en liña.

A elección para a Academia belga supón un novo recoñecemento á destacada traxectoria da profesora Alonso por parte de institucións científicas internacionais, tras a súa elección como membro da Academia Nacional de Medicina dos Estados Unidos en 2016, do prestixioso  College  of  Fellows do  American  Institute  for  Medical  and  Biological  Engineering (AIMBE) en 2017, e do  College  of  Fellows da Controlled  Release  Society (CRS) en 2018.

Traxectoria

María José Alonso, investigadora no Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS), é catedrática de Biofarmacéutica e Tecnoloxía Farmacéutica na USC, onde entre os anos 2006 a 2010 foi Vicerreitora de Investigación e Innovación. Traballou como científica visitante na Universidade de Paris XI, (1986-87), na Universidade de  Angers, Francia (1989) e no  MIT, Estados Unidos, durante 1991-1992 e en 2012.

O seu laboratorio ten tres décadas de experiencia na formulación de  macromoléculas, é dicir, péptidos, proteínas, antíxenos, anticorpos monoclonais e polinucleótidos, utilizando sistemas de administración baseados en  polímeros, alén de ser pioneira en numerosos descubrimentos no campo da nanotecnoloxía farmacéutica e a  nanomedicina. María  J. Alonso coordinou varios consorcios de investigación financiados pola OMS, a Fundación  Gates e a Comisión Europea. É a autora máis citada en España na área de Farmacia e Farmacoloxía e estivo entre os  TOP TEN en Farmacoloxía (clasificación internacional Times Higher  Education, 2010) (Índice  H 96). Recentemente, pasou a formar parte da Power  List dos investigadores máis influentes no campo da  Biofarmacia (The  Medicine  Maker, 2020).

A profesora Alonso é, asemade, inventora de 22 familias de patentes, a maioría delas con licenza para a industria e é parte de dúas start- up. Traballou na  Controlled  Release  Society (CRS), a sociedade científica líder a nivel mundial na área da liberación controlada de fármacos e a nanomedicina, durante quince anos; e foi presidenta da  da mesma entre 2017 e 2019. Tamén é editora en xefe de  Drug  Delivery and  Translational  Research, unha revista oficial da CRS, alén de formar parte do consello editorial de doce revistas científicas.

Recibiu 36 premios, entre eles a Medalla á Excelencia en Investigación e Educación outorgada polo Goberno de España, o Premio Jaime I, a Medalla Castelao que concede a Xunta de Galicia, e outros premios outorgados por organismos e fundacións científicas. É membro do  College  of  Fellows do American  Institute  for  Medical  and  Biological  Engineering (AIMBE) e  Fellow da Controlled  Release Society, membro de dúas academias en Galicia, a Real Academia de Farmacia de España (RANF), membro da Real Academia de Medicina de Bélxica e tamén membro da Academia Nacional de Medicina de EE. UU. (NAM).

A Real Academia de Medicina de Bélxica é unha institución pública creada baixo o reinado de Leopoldo I en 1841. A  ARMB é un centro de traballo, un centro de reflexión, de intercambio de ideas e un órgano asesor de institucións gobernamentais. As competencias da Academia abarcan todos os campos da medicina humana e animal, a farmacia e campos relacionados.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O Dr. Jekyll e Mr. Hyde das proteínas: “Inhibilas pode axudar contra a resistencia á quimioterapia”

Ángel Nebreda, referente mundial no campo da oncoloxía molecular, foi o relator principal dun evento celebrado no CiMUS sobre avances en cancro

Científicos galegos abren a porta ao deseño de novos fármacos contra a colite e o Crohn

Un equipo do CiMUS e do IDIS emprega tecnoloxías de imaxe molecular para analizar o funcionamento e a eficacia do medicamento adalimumab

Cal é o mellor fármaco para o TOC? O algoritmo galego que personaliza o tratamento

Un equipo da USC proba un sistema de recomendación de medicamentos segundo as características de cada paciente

Un equipo de Santiago acha un mecanismo para loitar contra as doenzas autoinmunes

Investigadores do CiMUS participan nun estudo liderado dende Australia que descobre tres novas proteínas que regulan a resposta inmunitaria