O catedrático de Microbioloxía Julio Abalde tomou posesión como novo reitor da Universidade da Coruña, nun acto académico no que recolleu o testemuño de Xosé Luís Armesto. O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, presidiu o acto de investidura nun abarrotado Paraninfo da Reitoría.
O acto iniciouse coa intervención do reitor Xosé Luís Armesto, quen lle entregou o bastón de mando e a medalla ao novo reitor da UDC. Julio Abalde pronunciou o seu primeiro discurso como reitor, no que defendeu unha universidade ‘pública e de calidade’, e logo deu paso á toma de posesión do seu novo equipo.
O presidente Alberto Núñez Feijóo avogou na sua intervención por que as tres universidades e os sete campus galegos traballen en plena sintonía e buscando obxectivos comúns para consolidar o prestixio da universidade pública en Galicia. Sobre a Universidade da Coruña, destacou que o mandato que asume Julio Abalde supón unha nova etapa onde consolidar a madurez desta institución con 25 anos de historia. Un período para continuar co seu labor de promoción social na cidade da Coruña, proseguir coa especialización do Campus Industrial de Ferrol, impulsar a internacionalización da Universidade e para mellorar a transferencia de coñecemento cara ás empresas e institucións socioeconómicas da súa contorna.
O Goberno galego, dixo, “está e estará ao lado das universidades e ao lado da Universidade da Coruña, apoiando as decisións que este novo equipo reitoral tome no desempeño da súa autonomía”, e convencido de que o Sistema Universitario Galego “ten por diante un camiño colmado de éxitos”. “A Galicia non lle falta talento e á nosa Universidade non lle faltarán recursos”, concluíu.
O novo equipo de goberno da UDC é o seguinte:
Reitor. Julio Abalde Alonso.
Vicerreitoría de Política Científica, Investigación e Transferencia. Salvador Naya Fernández
Vicerreitoría de Profesorado e Planificación Docente. Alberto Valderruten Vidal
Vicerreitoría de Oferta Académica e Innovación Docente. Nancy Vázquez Veiga
Vicerreitoría de Economía, Infraestruturas e Sustentabilidade. Domingo Calvo Dopico
Vicerreitoría de Estudantes, Participación e Extensión Universitaria. Margarita Amor López
Vicerreitoría de Internacionalización e Cooperación. Pilar García de la Torre
Vicerreitoría do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social. Araceli Torres Miño
Secretaría Xeral. Carlos Aymerich Cano