Por Alba Aguión / Ecoloxía Azul
O descubrimento do arquipélago das Illas Svalbard aconteceu no ano 1596, máis de 100 anos despois de que os europeos chegasen a América e tan só uns 10 anos antes de que o fixesen a Australia. A primeira expedición en arribar ás Svalbard estivo liderada polo navegante holandés Willem Barentsz. Dita expedición aspiraba a descubrir unha ruta marítima que alcanzase as Indias Orientais rodeando a costa rusa (Pasaxe do Nordeste), evitando a ruta sur daquela dominada pola coroa española.
https://www.google.com/maps/place/Svalbard,+Svalbard+y+Jan+Mayen/@41.169419,-35.885835,11z/data=!4m2!3m1!1s0x45a1cfdc4fa3c049:0x2bf373e71b35e875?hl=es-ES
O barco de Barentsz quedou atrapado entre os xeos tras o descubrimento do arquipélago, e a tripulación tivo que pasar o inverno polar literalmente sobre o xeo nas proximidades da illa Nova Zembla, onde finalmente morrería Barentsz. Aínda que o obxectivo da expedición non se cumpriu, esta fazaña representa a primeira ocasión na que o home chegou á latitude 80°, ademais de ser a primeira vez na que un grupo de exploradores consegue sobrevivir a un inverno polar (sobreviviron 12 dos 16 expedicionarios).
Cinco anos despois da misión errada de Barentsz partiu unha nova expedición con fins baleeiros en augas de Svalbard. Aínda que o número de capturas non foi o esperado, resultou ser a primeira de moitas e tras do coñecemento da zona e a mellora das técnicas de caza, se rexistrou unha extinción local de morsas na zona sur de Svalbard tan só unha década máis tarde de que o home chegase ás illas. Así, as expedicións baleeiras e a caza de morsas foron o motor que impulsou ao home para penetrar paulatinamente cara ao norte das illas. Svalbard recibiría dende aquela as expedicións de Noruega, Francia, Países Baixos, Inglaterra e España.
A finais de século XVII apareceron as primeiras estacións baleeiras nas illas, contando por primeira vez con habitantes permanentes ao longo do ano. Chegou a haber estacións baleeiras con 150-200 traballadores. Da man das devanditas estacións, xurdiron as primeiras exploracións do arquipélago; foi nese momento que se descubriu que as illas non estaban conectadas con Groenlandia como se pensara durante case 200 anos. Das devanditas expedicións e dos relatos dos baleeiros chegou a Europa a noticia do abundante carbón presente nas illas. Así foi cando a industria baleeira entrou en decadencia e a actividade principal en Svalbard pasou a ser a industria mineira. Desde 1800 ata 1950 a caza de raposos árticos, osos polares e renos foron tamén actividades comúns nas illas, aínda que nunca maioritarias.
Na década de 1910, a minaría considerábase xa a única actividade rendible nas illas, pechando nesas datas as últimas estacións baleeiras. Ademais das baixas capturas, o avance da tecnoloxía permitira construír barcos de gran envergadura nos que a extracción da graxa da balea realizábase abordo; deixando obsoleto o uso das estacións.
A industria mineira en Svalbard comezou con pequenas instalacións, pero rapidamente medraron ata formar os 4 núcleos de poboación das illas: Longyearbyen (1906), Pyramiden (actualmente abandonada, 1910), Ny-Å-lesund (1917) e Barentsburg (1920). Os depósitos de carbón foron (e aínda son) os protagonistas das actividades mineiras en Svalbard, aínda que tamén se realizaron extraccións de ouro, mármore e cobre no pasado. Dado que ata 1925 Svalbard era unha terra sen dono, a construción das minas así como a reivindicación da pertenza das terras por diferentes países (Noruega, Países Baixos, Rusia, Suecia) foi caótica. Ademais, nos anos anteriores á Primeira Guerra Mundial a actividade mineira estivo sumida nunha burbulla de optimismo, malia que as dificultades de transporte e os curtos e erráticos períodos de traballo efectivo dificultaban a actividade mineira. De feito algúns dos proxectos mineiros fracasaron sen apenas chegar a estrear as súas instalacións. Así, galerías, raís e instalacións de carga ou material de perforación son testemuñas silenciosas dos soños depositados en Svalbard durante a Revolución Industrial.
Dos asentamentos mineiros mencionados en Svalbard, Pyramiden é quizá o que agoche unha das historias máis interesantes. Ao norte da principal illa de Svalbard (Sptisbergen) e a menos de 1000 km do Polo Norte atópase Pyramiden, un antigo asentamento soviético actualmente abandonado. O seu nome débese a que a gran montaña que o rodea ten forma de pirámide.
Pyramiden chegou a acoller a máis de 1000 habitantes e foi descrita como a cidade ideal do comunismo por moitos; unha utopía soñada por Marx, planeada por Lenin e administrada por Stalin. Fundada orixinalmente polos suecos en 1910, foi comprada pola URSS en 1927. O asentamento pasou a ser un lugar moi popular entre os traballadores soviéticos; os contratos de dous anos con salarios elevados permitían vivir nun lugar con moito tempo libre e instalacións como ximnasios, piscina e sala de concertos gratuítos (incluso a comida era gratuíta a partir dos anos 50).
Coa caída do réxime comunista e a perda de apoio económico ruso, a actividade mineira en Pyramiden rematou por esmorecer a principios de 1998. Barcos e helicópteros desaloxaron aos últimos poboadores da que era a cidade máis ao norte do planeta nun breve espazo de tempo. Na actualidade as rúas baleiras de Pyramiden (onde a cotío aparecen osos polares e renos) poden traerche de volta a unha localidade conxelada no tempo xa que a maioría dos edificios permanecen tal e como os deixaron os seus últimos habitantes.