Os expertos sinalan que é máis importante a imaxinación que os deseños rechamantes.
Os expertos sinalan que é máis importante a imaxinación que os deseños rechamantes.

Xoguetes que fan pensar aos nenos como científicos

Chámanlles xoguetes STEM – siglas en inglés de Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas, disciplinas das que beben- e cada día teñen máis éxito comercial, malia que non existen moitos estudos que demostren o efecto que teñen no espertar do interese científico entre os nenos.

O profesor Jeffrey Trawick-Smith, experto no xogo infantil do Centro de Educación Infantil da Universidade Estatal de Connecticut (EE UU), é dos poucos que se fixou no asunto. Sorprendido ante a escaseza de investigacións sobre este tema, observou, xunto ao seu equipo, a alumnos de preescolar no seu uso de xoguetes específicos e mediu a súa capacidade para resolver problemas, a súa expresión creativa e a interacción social.

Tras cinco anos de probas, o xoguete de maior puntuación, tanto para nenos como para nenas, foi un conxunto básico de bloques de madeira. Un xogo que, segundo comentou o profesor a The New Yorker, fomenta a capacidade de resolver problemas e o pensamento matemático.

Nun dos experimentos, un neno xogaba cunha sinxela serie de pezas planas magnéticas e necesitaba un fragmento cadrado para terminar a casa para tigres que estaba a construír. Como non puido atopar ningunha peza con estas características, combinou dous triangulares para crear unha cadrada, demostrando que os xoguetes de construcións están conectados con conceptos matemáticos.

Segundo o científico, o que fai que os xoguetes promovan de forma efectiva as habilidades científicas non é a determinación do xénero ou os deseños complicados, senón a simplicidade e o feito de non ter un só uso predefinido. Isto é o que permite a nenos e nenas experimentar e explorar.

Segundo psicólogos e educadores, hai que fuxir de deseños complicados e de xoguetes cun uso predefinido

A pesar da ausencia de estudos científicos, as empresas de xoguetes si que levaron a cabo as súas propias investigacións para dirixirse mellor aos seus clientes, nenos e pais. Á conclusión á que moitas delas chegan é que un dispositivo con excesivo deseño ou demasiado complicado non é necesariamente o máis indicado para suscitar o interese pola enxeñería mediante o xogo.

Os xoguetes STEM, que tratan de fomentar a creatividade, a lóxica e as habilidades dos nenos para resolver problemas, están de moda, pero reciben unha crítica común: deixan pouco espazo para a creatividade. “Calquera xogo pode potenciar as destrezas científicas: un neno pode aprender matemáticas cun xogo especialmente deseñado para isto ou coas pezas Lego. Con todo, é verdade que hai xogos que a determinadas idades son máis específicos e permiten desenvolver áreas concretas, como poderían ser os xoguetes científicos ou os pequenos experimentos, por exemplo, de bioloxía ou de astronomía”, expón Maite Francés, responsable do departamento de Publicidade, Estudos e Tendencias da Asociación Española de Fabricantes de Xoguetes (AEFJ).

Segundo un traballo realizado en 1997 pola AEFJ, en colaboración con Jeffrey Goldstein, doutor en Psicoloxía na Universidade de Utrecht (Holanda) e o pediatra francés Julien Cohen-Solal, é recomendable que dende moi pequenos os nenos utilicen xogos de construcións e quebracabezas, e que dos 6 aos 11 anos se divirtan con caixas de experimentos, microscopios e construcións complexas. “En función das súas características e as habilidades, hai nenos aos que lles veñen moi ben xoguetes máis específicos para aprender, pero se cadra outro neno cun xoguete de construción pode empezar dende os dous ou tres anos a ensamblar pezas e desenvolver nocións de enxeñería, algo que se cadra non aprendería ata os dez anos, xa cun xoguete específico”, engade a experta.

Este tipo de xoguetes permiten aos cativos aplicar o coñecemento científico ao mundo real

O abano é moi amplo: experimentos que axudan aos nenos para entender en que consisten as enerxías renovables, robots que só funcionan con luz solar ou muíños de vento que a través da enerxía eólica conseguen cargar pilas do tipo AA forman parte da ampla variedade de xoguetes relacionados coa ciencia, a tecnoloxía, a enxeñería e as matemáticas. Todos eles axudan ao cativo a aplicar cada unha destas disciplinas ao mundo real.

O interese crecente polo lecer STEM disparou a oferta destes produtos pero, “todo pode converterse en xoguete científico e catalógase en función da xogabilidade”, sinala Francés, que asegura que as manualidades ou a construción tamén poden fomentar nos nenos o interese pola ciencia.

Expertos como Kathy Hirsh-Pasek, profesora de Psicoloxía na Universidade de Amorne (EE UU) aconsellan tamén prudencia coas afirmacións dalgúns fabricantes sobre os beneficios do seu produto, xa que non sempre están avalados por probas científicas. Na mesma liña, unha investigación publicada recentemente na revista JAMA Pediatrics afirmaba que, aínda sendo máis rechamantes, os xoguetes electrónicos con luces e sons non potencian a comunicación oral entre os máis pequenos e as súas familias tanto como os clásicos. Cando comparten o tempo cun quebracabezas pais e fillos falan máis e cunha linguaxe máis rica, o que fomenta o desenvolvemento cognitivo do bebé.

Os xoguetes clásicos, que axudan á comunicación oral, son máis recomendables que os electrónicos, segundo un estudo

Para coñecer os gustos dos seus clientes potenciais, a Asociación Española de Fabricantes de Xoguetes pediu á Universidade de Valencia un estudo sobre os valores, perfís e preferencias dos nenos españois de entre 8 e 12 anos de idade. Os enquisados manifestaron ter moito interese (63,3%) nos xogos científicos ou de experimentos. As nenas de entre 8 e 10 anos e de clase alta eran o perfil preferente destes xogos.  O elevado interese que alcanzan nesta análise os xoguetes STEM sitúaos en quinta posición como os preferidos polos nenos, detrás dos xogos de mesa (70,1%), xogos e xoguetes deportivos (69,3%), videoxogos electrónicos e audiovisuais (67,5%) e xogos de misterio (67%).

Un estudo da Universidade de Valencia sinalou que son as nenas de entre 8 e 12 anos e de clase alta ás que máis lles gustan estes xoguetes

Segundo os datos manexados por Amazon, as ventas deste tipo de xogos creceron un 204% na súa páxina web respecto ao ano pasado. Tamén indican que o interese por xoguetes científicos empeza a penetrar con forza en España despois de consolidarse nos países anglosaxóns. A pesar desta oferta, nos fogares españois seguen triunfando as opcións clásicas. Os xoguetes científicos son algo orixinal e curioso, pero non común. En Estados Unidos, por exemplo, as vendas destes produtos aumentaron un 35% en 2013, un 51% en 2014 e un 63% en 2015. A web puxo en marcha unha tenda especial de xoguetes STEM que conta con máis de 230 artigos.

Para Maite Francés, é preferible non forzar aos nenos a que utilicen xoguetes STEM se non queren, nin que os pais se obsesionen con regalarlles o que eles consideran que son instrumentos educativos, “xa que as súas boas intencións poderían resultar contraproducentes”, recalca.

“Se os pais queren elixir un xogo, deben observar o perfil do seu fillo e comprender que pode ir máis coa súa personalidade. Hai moitos estilos de xoguete, non todos teñen por que ser probetas”, conclúe a experta. Ao final o obxectivo do xoguete, científico ou non, é que os nenos se divirtan imaxinando.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.