Un equipo da UVigo descarta o efecto protector da obesidade en idades avanzadas

Investigadores de España, Sidney, Dinamarca e Noruega reuniron datos de case 370.000 persoas do Biobanco de Reino Unido

“A obesidade debe previrse ao longo da vida, mesmo en individuos de máis de 80 anos de idade”. Esta é unha das principais conclusións do traballo publicado no International Journal of Obesity por un grupo de investigadores e investigadoras das universidades de Vigo, Sidney, Sur de Dinamarca e Aarhus, así como da Escola Norueguesa de Ciencias do Deporte, entre os que se atopa o investigador do grupo WellMove da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS) Adriano Sánchez.

A investigación parte da análise dos datos reunidos de preto de 370.000 persoas no Biobanco do Reino Unido e os seus resultados poñen en cuestión a idea recollida en estudos previos de que uns “niveis moderados de masa graxa” poderían ter un efecto protector en persoas de idade avanzada, ao proporcionarlles “maiores reservas metabólicas”. Pola contra, os resultados deste traballo mostran que as persoas de entre 55 e 75 anos con maiores niveis de masa magra presentan “un risco de mortalidade entre un 20% e un 30% maior”.

Publicidade

Investigador posdoutoral cun contrato Margarita Salas, Sánchez Lastra desenvolveu este estudo no marco da súa estadía na Escola Norueguesa de Ciencias do Deporte. Xunto ao investigador do grupo WellMove e do IIS Galicia Sur, o artigo está asinado por Ulf Ekelund e Knut Eirik Dalene, da Norwegian School of Sport Sciences; Ding Ding, da Universidade de Sidney, Borja del Pozo, da University of Souththern Denmark, e Jacob Tarp, da Universidade de Aarhus.

Nivel de graxa, idade e risco de morte

Como explica este estudo, nos últimos anos determinados estudos que relacionan a obesidade coas causas de morte falaron do posible beneficio de certa cantidade de graxa corporal a determinadas idades avanzadas, xa que, aínda podendo ser considerada como obesidade, podería funcionar como unha reserva metabólica que contribuíse a aumentar a defensa inmunolóxica e a dotar dunha maior resistencia á persoa anciá. Outros estudos, con todo, indicaron que estes resultados poderían deberse a problemas metodolóxicos e estatísticos e non a un efecto de protección real. Por isto, esta investigación tiña como obxectivo tratar de confirmar se a asociación entre a adiposidade e o risco de morte cambia coa idade e, desta forma, establecer cal sería o nivel óptimo de adiposidade para reducir a mortalidade en idades máis avanzadas para, finalmente, determinar os riscos de mortalidade específicos por idade asociados con diferentes medidas de adiposidade. Para iso, os autores deste estudo empregaron un novo método, explican, que permite analizar a asociación entre a composición corporal e a mortalidade directamente como unha función da idade.

Nese senso, os resultados obtidos contradín estudos previos que informaron dese posible efecto protector do sobrepeso e dunha atenuación do risco de mortalidade asociado á obesidade en persoas maiores, rexistrando resultados similares tanto ao usar o índice de masa corporal (IMIC) como nas avalacións dos niveis de graxa corporal. “Observamos asociacións atenuadas cunha maior idade en individuos coa obesidade máis alta, especialmente cando se uso como indicador de adiposidade a masa graxa avaliada mediante bioimpedancia, en liña con estudos previos que utilizaron estas medicións. Con todo, as taxas de mortalidade seguiron sendo máis altas que nos participantes da mesma idade con niveis baixos de masa graxa”, sinalan os autores deste estudo.

“Os nosos resultados, por tanto, cuestionan a idea de que os niveis moderados de masa graxa poderían ser protectores, o que se baseou na hipótese de que unha maior graxa corporal podería proporcionar maiores reservas metabólicas para atenuar a fraxilidade e as enfermidades en poboacións maiores”, conclúen.

Un risco de morte entre un 20% e un 30% superior

Para os autores e autoras deste estudo, a hipótese de que, en idades avanzadas, certos niveis de graxa poderían ser beneficiosos podería deberse a que “aqueles que chegan á vellez son un subgrupo seleccionado e posiblemente máis san que os que faleceron previamente”. Non en van, engaden, “o proceso de envellecemento en si aumenta o risco de cancro, enfermidades cardiovasculares e fraxilidade, o que fai que a composición corporal sexa un factor de risco relativamente menos importante para a supervivencia a curto prazo cando se chegou a idades avanzadas”. Ao seu xuízo, os sobreviventes obesos non chegaron a esa idade grazas á cantidade de graxa, senón a que non padeceron outra serie de patoloxías. “Unha maior masa magra non mostrou efectos protectores en idades máis avanzadas”, subliñan nun estudo no que o grupo de persoas de entre 55 e 75 anos que presentaban uns niveis de masa magra máis altos mostraron un risco de mortalidade entre un 20% e un 30% superior. 

De aí que a principal conclusión deste artigo sexa que “o sobrepeso non parece ter efectos protectores adicionais para reducir a mortalidade fronte a ter un peso normal”, polo que, engaden, “a obesidade debe a previrse a calquera idade”. Non en van, aínda que observáronse “asociacións atenuadas” entre obesidade e risco de mortalidade “só entre os individuos con maior obesidade” de idade avanzada, “o risco seguiu sendo maior en comparación cos participantes de peso normal”, de tal xeito que, conclúen, “unha maior masa magra non reduciu o risco de mortalidade a ningunha idade”. 

Unha mostra de 370.000 persoas

Este artigo parte da análise dos datos recollidos no Biobanco do Reino Unido, que realizou un seguimento a 369.752 persoas entre 2006 e 2002. Estes datos clasificáronse, explican, en función de cinco métricas diferentes de adiposidade e composición corporal. “Exploramos as asociacións que varían segundo a idade entre os índices de composición corporal e a mortalidade por todas as causad entre os 45 e os 85 anos”, engaden, utilizando “razóns de risco (HR) de modelos de supervivencia paramétricos variables con axuste multivariable e a idade como escala de tempo”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Na busca do talón de Aquiles do cancro, do envellecemento e da infección a través da IA

O proxecto AQilles do CiQUS emprega a simulación computacional para explotar as vulnerabilidades das células afectadas

Últimas noticias sobre a busca científica da eterna xuventude

Existe un enorme interese na ciencia por entender o proceso de envellecemento co fin de retardalo ou, mesmo, evitalo

O estudo da USC sobre o impacto terapéutico da música esténdese ao norte de Portugal

O proxecto analizará o efecto que as composicións melódicas poden ter nas enfermidades neuropisicomotoras e no envellecemento

500 minutos semanais de exercicio moderado reducen o risco de doenzas cardiovasculares 

O investigador da Universidade de Vigo Adriano Sánchez pon o foco na realización de actividade física en períodos curtos