Do lixo aos recursos: a UVigo activa o programa Resto Cero

Unha iniciativa achega a investigación á aula con podcasts e talleres para fomentar hábitos sostibles

A Universidade de Vigo promoverá durante todo o mes de abril a iniciativa Resto Cero, un programa de divulgación científica que busca sensibilizar a sociedade, especialmente a mocidade, sobre o impacto dos residuos e a necesidade de avanzar cara a modelos de consumo e produción máis sostibles.

Co obxectivo de fomentar esta reflexión e promover a acción colectiva, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas declarou en 2022 o 30 de marzo como o Día Internacional de Lixo Cero. Neste contexto, a Unidade de Cultura Científica e da Innovación da Universidade de Vigo únese a conmemoración desta efeméride cun programa de actividades integrado no seu plan anual Ciencia de ida e volta, que conta co financiamento da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

Publicidade

Tres accións con vocación “resto cero”

O programa Resto Cero xira arredor de diferentes accións de divulgación e participación cidadá, cuxo eixo fundamental será unha serie de vídeo-podcast realizado nas radios escolares de catro centros educativos das contornas dos tres campus. Nestes espazos, o alumnado de Primaria e Secundaria terá a oportunidade de entrevistar o persoal investigador da Universidade de Vigo que traballa en ámbitos como a enxeñaría química ambiental, o dereito, a enxeñaría aeronáutica, a arte ou a economía circular aplicada ao tecido empresarial galego. O resultado destas conversas publicarase nas canles de SpotifyYoutube e Spreaker da UCC+i. 

O primeiro encontro será o 10 de abril no CEIP de Laredo, en Redondela, onde o investigador Óscar Martínez Rico, do grupo EQ1 FEQxLab, especializado en solucións sostibles para o sector téxtil, e o artista Alejandro Fuertes, que investiga o uso dos refugallos urbanos como material artístico, conversarán co alumnado de Primaria. A continuación, o 20 de abril será a quenda do CEIP Plurilingüe San Roque de Darbo, en Cangas, onde o investigador Miguel Rodríguez Méndez, do centro de investigación interuniversitario Ecobas, atenderá as preguntas sobre economía circular do estudantado de 6º de Primaria. 

Publicidade

A investigadora Aida Díez Sarabia, do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (Cintecx) estará no CEIP Toural de Vilaboa o 21 de abril, onde falará co alumnado de 3º, 5º e 6º de Primaria sobre como transformar as sobras alimentarias en recursos útiles. Finalmente, o 22 de abril, no CEIP Vilar de Barrio, en Ourense, os investigadores Eva Fernández González, do grupo de investigación Medea Iuris Crea; e Carlos Ulloa Sande, do GTA Grupo de Tecnoloxías Aeroespaciais, abordarán o problema do lixo espacial desde a perspectiva xurídica e da enxeñaría aeronáutica.

Momento de reflexión

A maiores, desenvolverase tamén unha enquisa de autopercepción dirixida a alumnado destes centros co obxectivo de coñecer a súa visión sobre os seus propios hábitos de xeración de residuos, de reciclaxe e as súas achegas en canto a posibles solucións. Con esta acción de ciencia cidadá preténdese “propiciar unha reflexión entre a rapazada e incorporar a súa voz na xeración de coñecemento científico con potencial impacto en políticas públicas e decisións ambientais”, sinalan dende a UCC+i.

O programa complétase cun taller de identificación de residuos que terá lugar no marco da expo-feira científica A ciencia que vén ten nome de muller, no que as persoas participantes deberán recoñecer a orixe dos refugallos e clasificalos correctamente para a súa reciclaxe.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Volven as G-Night: máis de 150 actividades científicas nas rúas das sete cidades galegas

Máis de 500 investigadores achegar experimentos, obradoiros e demostracións a públicos de todas as idades o 25 de setembro

Tres científicos e dúas científicas de USC e UVigo reciben as Medallas de Investigación

Os premios da Real Academia Galega de Ciencias recoñecen a Mabel Loza, Sebastian Villasante, Leandro Alejano, Rosa Crujeiras e Francisco Rivadulla

Cóntame que leva a túa perovskita, e direiche como contamina: alternativas para materiais emerxentes

O grupo de Inmunoloxía do CINBIO leva anos estudando a toxicidade na escala 'nano' co obxectivo de establecer un emprego seguro

A UVigo participa no descubrimento dunha gran fusión que marcou a infancia da Vía Láctea

A investigación na que colabora o catedrático Fernando Aguado identifica os restos dunha galaxia anana absorbida hai uns 12.000 millóns de anos