Xentilicios galegos que usas mal e non o sabes

Á hora de definir os xentilicios galegos, atopámonos moitas veces coa dificultade de achar a forma correcta. Hai casos, incluso, nos que o xentilicio é descoñecido para a gran maioría da poboación. A ausencia de publicacións relativas e o amor á lingua animou a Xosé-Henrique Costas, director do Departamento de Filoloxía Galega e Latina, a editar o libro Os xentilicios de Galicia e doutros territorios da lingua galega. A publicación íntegra pode consultarse clicando enriba do título do libro.

Nesta publicación, o autor recolle algúns xentilicios deformados por castelanismos e cultismos artificiais e realiza as súas propias propostas para adaptalas ao galego. “A lingua pode crear, pode compoñer, pode inventar, e os sufixos están aí para axudaren a formar palabras novas”, subliña Costas. Así, inclúense as propostas para todas as provincias, concellos e comarcas do territorio lingüístico galego, nas que se engaden xentilicios referentes ás zonas occidentais de Asturias, León, Zamora e Cáceres.

Publicidade

“Este libriño naceu dun cabreo prolongado no tempo. Cabreo por constatarmos como a diario na prensa de Galicia (en castelán) se deformaban e inventaban xentilicios sen criterio ningún, para moitos topónimos que non os tiñan; como se soterraban xentilicios populares con formas supostamente cultas ou solemnes que ao cabo derivaban en evidentes castelanizacións; e, sobre todo, por constatarmos como ninguén cuestionaba estes inventos ou castelanizacións e mesmo a prensa en galego acababa por copiar os inventos castelanizantes”, relata Costas na introdución ao seu libro.

Capa do libro.
Capa do libro.

O investigador afirma que no último medio século “inzaron como silveiras” inventos estraños procedentes de castelanismos. No libro, indícase que se estendeu “a moda de crear ou formar xentilicios para todo canto topónimo chegase a ser mediaticamente relevante e, deste xeito, algúns correspondentes locais de prensa ou certos cronistas locais principiaron unha carreira de invencións lingüísticas que abalaron entre o delirante castelanismo artificial (sanxenxino, de Sanxenxo; rosalino, de O Rosal; chantadino, de Chantada; cruceño, de Vila de Cruces,) e o pseudocultismo estrafalario (alaricano, de Allariz; buenense, de Bueu, amiense, de Ames, etc. En troques, o autor propón sanxenxeiro, rosaleiro, chantadés, carbiao (referente a Carbia, antiga capital de Vila de Cruces), allarizao, bueués e amesán.

Publicidade

No volume, Xosé Henrique Costas tamén fai referencia a xentilicios creados a través de alcumes colectivos ou ditados tópicos, como é o caso de picheleiro (Santiago de Compostela), paraugueiros (Ourense), micos (Baiona) ou pixíns (Cedeira).

O autor pretende que esta publicación anime a loita colectiva para avanzar na difusión da correcta utilización destas denominacións. “Se levamos 30 anos traballando pola restauración da toponimia, fagamos o mesmo cos xentilicios”, explica Costas.

2 COMENTÁRIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia avalía a realidade virtual como alternativa para tratar as fobias específicas

Un informe de Avalia-t analiza a súa eficacia fronte a outros modos de terapia de exposición, o tratamento recomendado polas Guías de Práctica Clínica

Dun rosco de palabras a localizar o teu concello: coñece a nova plataforma de pasatempos en galego

A páxina web Ludogal ofrece catro xogos en liña gratuítos de vocabulario e xeografía para promover o uso do galego

Do Café Moderno de Pontevedra aos ‘Seis poemas galegos’: esta é a Galicia de Lorca

O poeta granadino visitou dúas veces a cidade, mantivo vínculos con destacados intelectuais e deixou unha fonda pegada na cultura, a paisaxe e a lingua

Un estudo arqueolóxico revela o papel esencial das mulleres na construción histórica do rural galego

A investigación pon de manifesto a importancia do traballo produtivo, doméstico e de coidados, así como o papel na transmisión de saberes