Atopan a tumba de Afonso de Melide na igrexa da Universidade de Santiago

Durante a rehabilitación da igrexa da Universidade con motivo do quinto centenario da USC, descubriuse un enterramento medieval de cuxa importancia advertía daquela a profesora Ana Goy. Vinte anos despois, as profesoras Dolores Fraga e María Luz Ríos, dos departamentos de Historia da Arte e de Historia Medieval da USC, acaban de rematar unha investigación que identifica ao titular do enterramento con Afonso de Melide, frade da Orden Terceira Regular de San Francisco, provisor do hospital maior de Santiago e fundador do convento de santa María a Nova de Santiago a finais do século XIV, onde foi inhumado.

A ruta medieval a Compostela, puxante na época de Afonso de Melide.
A ruta medieval a Compostela, puxante na época de Afonso de Melide.

A identificación realizouse a través da análise da lápida sepulcral –lauda– atopada no tránsito da igrexa da Universidade cara o claustro da Facultade de Xeografía e Historia. Como explican as investigadoras, na peza figura o símbolo da peregrinación xacobea –venera– inscrito nun círculo conformado polo cordón franciscano, símbolo da penitencia franciscana. Completando estas representacións simbólicas, o borde da lauda inclúe unha inscrición en baixorrelevo e carácteres monacais que detallan a identidade do titular. En opinión das investigadoras e logo de analizar unha abundante documentación arquivística, esta identificación representa unha importante achega ao estudo do patrimonio da USC.
As investigadoras apuntan que a figura de frei Afonso de Melide alude a un “personaxe excepcional” do que consta a súa presenza no momento do Cisma e as súas poderosas amizades eclesiásticas e laicas, que o converten nunha figura clave que xogou un papel relevante na Orde Terceira da Penitencia Regular e na fundación das comunidades de Melide e Compostela. Santa María a Nova “foi sen dúbida o seu gran proxecto, o único completamente seu, aínda que contou cos importantes apoios eclesiásticos do arcebispo don Xoán García Manrique e o cabido da Igrexa de Santiago, aos que pronto se sumarán os de poderosos laicos da elite burguesa compostelá”, engaden sobre Afonso de Melide as investigadoras da Facultade de Xeografía e Historia.

As investigadoras consideran a Afonso de Melide un ‘personaxe excepcional’

Nun artigo incluído no volume 26 da revista Semata. Ciencias Sociais e Humanidades Dolores Fraga e María Luz Ríos estudan esta nova identificación así como a fundación do convento terciario de santa María a Nova, a actual igrexa da Universidade. A fundación deste edificio relixioso é froito dunha múltiple conxunción de factores, entre os que as investigadores sinalan cambios na mentalidade da sociedade compostelá, a dedicación hospitalaria dos terciarios ante aos efectos da pobreza producida pola crise do século XIV, a continuada afluencia de peregrinos a cidade nos Anos Santos e o impulso reformador provocado por novas ordes relixiosas como a Terceira Orden Regular. Sobre a edificación orixinal construíuse no século XVII a igrexa da Compañía de Xesús, aínda que os relixiosos xesuítas conservaron o enterramento na reforma emprendida no inmoble ao considerar importante preservar a memoria do fundador. Esta lauda xunto co tímpano dedicado a santa María son os únicos restos medievais que se conservan hoxe en día de santa María a Nova.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Betanzos rende homenaxe ao seu pasado como capital galega do lúpulo

A segunda edición da festa, impulsada pola Deputación da Coruña, celebrará do 11 ao 13 de setembro a tradición con catas, 'showcookings', concertos e visitas aos campos de cultivo

Un estudo revela como a Guerra Civil e o franquismo afectan 90 anos despois os familiares das vítimas

A investigación interdisciplinar identificou diferentes patróns psicolóxicos en función de se puideron recuperarse ou non os restos mortais da vítima

Máis de 100 anos sen eclipses solares e agora tres seguidos? Esta é a explicación científica

A coincidencia responde á combinación dos ciclos orbitais e á xeometría entre a Terra, a Lúa e o Sol

A Xunta exerce o dereito de tenteo para recuperar seis moedas históricas galegas

As pezas, que datan do século VI, foron declaradas Ben de Interese Cultural e inexportables para garantir a súa conservación en Galicia