Así será o novo buque oceanográfico de última xeración da UVigo

O Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo formalizou este mércores o contrato co estaleiro moañés Rodman Polyships

Infografía da embarcación | DUVI

O Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM-UVigo) formalizou este mércores o contrato co estaleiro moañés Rodman Polyships para a construción dun buque oceanográfico de última xeración con propulsión híbrida enchufable, por un valor de 1,5 millóns de euros (sen IVE) e cun prazo de execución de oito meses.

O catedrático da Universidade de Vigo e director do CIM, Daniel Rey, valora positivamente a adxudicación, xa que “demostra a calidade e capacidade naval de Vigo e arredores para achegar solucións tecnolóxicas innovadoras no ámbito mariño, encaixando estas coas políticas de Porto Verde defendidas pola Autoridade Portuaria de Vigo e que tamén comparte o CIM-UVigo”, salientou o principal responsable do CIM, quen tamén adiantou que “nos vindeiros días realizarase un acto público coa empresa adxudicataria para selar a colaboración”.

Pola súa banda, a directora de Márketing e Comunicación de Rodman Polyships, María Herrero, afirmou que  están “moi contentos” pola adxudicación deste novo contrato. “Supón un novo reto desde o punto de vista técnico e de innovación, xa que esta embarcación incorporará un sistema híbrido de propulsión que lle permitirá unha navegación soportada 100% por enerxía eléctrica. Ademais, instalarase un sistema de autoxeración eléctrica a través de enerxía eólica”, engadiu. Así mesmo, Herrero enfatizou que se trata “dun proxecto 100% sostible, que marcará un novo fito para o noso estaleiro. É para nós un orgullo que a Universidade de Vigo confíe en Rodman para o desenvolvemento e construción deste novo buque”.

19,5 metros de eslora por 5,4 metros de manga

A embarcación, que contará cun tamaño medio de 19,5 metros de eslora por 5,4 metros de manga, fortalecerá a posición de Vigo, e de Galicia en xeral, na investigación oceanográfica costeira, permitíndolle abordar con maior garantía e competencia algúns dos desafíos sociais máis críticos relacionados co cambio climático e ambiental, a pesca, a biodiversidade ou a xestión de riscos.

Daniel Rey estimou que a construción da estrutura do buque debería estar finalizada en outono, para logo proceder á instalación de equipamentos en cuberta como un guindastre nun dos costados, un pórtico en popa e un cabrestante para o manexo e despregamento de equipos pesados como rosetas, testificadores, redes , ROVs, etc. Posteriormente, realizaríanse probas coas que comprobar o seu correcto funcionamento.

“A plena operatividade do buque acadarase na primeira metade do 2024, aínda que a finais deste ano xa podería estar preparado para facer tarefas básicas de investigación”, avanzou o catedrático da UVigo. Concretamente, o prego de prescricións técnicas establece a finalización da construción do casco aos catro meses da adxudicación e a finalización da instalación da motorización, dous meses despois. Finalmente, indica que a superación das probas de mar será no último mes de execución do contrato.

Un activo clave para o CIM-UVigo

Respectuoso co medio ambiente e cun modelo de xestión eficiente que facilitará a obtención de datos oceanográficos de gran calidade técnica, o buque estará acondicionado para realizar tarefas de investigación científica en mares e augas costeiras. Terá carácter híbrido enchufable e contará tamén, de maneira complementaria, cun sistema  de propulsión de enerxía baseado en paneis solares con celdas policristalinas conectadas a un cargador e dous aeroxeradores vinculados aos seus sistemas de control. 

“Esta ferramenta fortalecerá a posición do CIM e das ciencias mariñas en xeral a nivel nacional, brindando acceso á comunidade científica a observacións oceánicas in situ como unha infraestrutura habilitadora que xera datos de interese público, e que proporcionará información adecuada para apoiar o desenvolvemento da economía azul sostible”, explicou o Daniel Rey.

Este novo activo será xestionado como un servizo xeral, a través da plataforma web de solicitude de reserva e prestación de servizos existente no CIM. Ademais de para a propia comunidade universitaria, especialmente para a Facultade de Ciencias do Mar, facilitando a formación práctica no grao, mestrados e cursos de doutoramento, a embarcación estará tamén a disposición de calquera outra institución, galega, nacional e incluso internacional, tanto a través da rede europea de recursos biolóxicos mariños (EMBRC-ERIC) á que pertence o centro, como do resto de infraestruturas europeas nas que participan os diferentes grupos de investigación da Universidade de Vigo adscritos ao CIM.

A embarcación proposta e o modelo de prestación de servizos están deseñados para levar a cabo misións de investigación científica pluridisciplinar tales como a análise das características físicas, químicas, ou biolóxicas da auga de mar e dos sedimentos, a realización de tarefas de observación e cartografía do ecosistema mariño, os seus hábitats, e dos fondos e subsolo mariño. Tamén terá capacidades para a instalación e recuperación de equipos oceanográficos fondeados, como é o caso das boias oceanográficas, o lanzamento de mostreadores e perfiladores e o apoio loxístico a vehículos submarinos non tripulados de mediano e pequeno tamaño.

Este proxecto está financiado con cargo á axuda concedida pola Axencia Estatal de Investigación, pertencente ao Ministerio de Ciencia e Innovación, para a adquisición de equipamento científico-técnico de última xeración no marco do Plan estatal de investigación científica e técnica e de innovación 2017-2020, resolta en novembro de 2021 e pola que se lle concederon á Universidade de Vigo un total de 3,5 millóns de euros, dos que 1,5 millóns correspondían á embarcación promovida polo CIM.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.