A Xunta anuncia un cribado con tests rápidos ao alumnado das universidades galegas

A Consellería de Sanidade enviará 50.000 tests aos sete campus, ao constatar o risco de transmisión nas interaccións sociais do estudantado

O estudantado das tres universidades públicas de Galicia e os seus sete campus poderá participar nun cribado para detectar a Covid-19, segundo anunciou este xoves a Consellería de Sanidade. Para isto, a Xunta enviará 50.000 tests rápidos (sobre os que por agora non se deron detalles das súas características) para previr a posible transmisión da pandemia.

A información difundida pola Xunta detalla tamén o número de tests que se enviarán a cada campus para o cribado. Serán 16.834 para Santiago, 11.649 para A Coruña, 8.646 para Vigo, 3.967 para Ourense, 3.502 para Pontevedra, 3.039 para Lugo e 1.945 para Ferrol.

Publicidade

Sanidade insiste en que, “así como os colexios e escolas son contornas seguras, a contorna académica das universidades tamén o é”. Porén, o Sergas mantén “unha vixilancia específica” nas cidades dos sete campus, “xa que estas contornas universitarias caracterízanse por estar constituídas por persoas novas, nas que a probabilidade de ser asintomáticas é alta o que dificulta as actividades de detección precoz”.

Nas últimas semanas, algunhas institucións xa avanzaron nesta estratexia de prevención. É o caso da Universidade de Vigo, onde xa desenvolveron máis de 2.300 probas PCR entre o seu persoal a través do cribado co sistema pooling con especial atención ao campus de Ourense deseñado polo Chuvi, e que permite analizar agrupamentos de mostras para axilizar o seu procesamento. Nas vindeiras semanas as probas estenderase ao alumnado, pola elevada incidencia do coronavirus na cidade.

Publicidade

Neste mesmo sentido, apunta a Consellería, os e as estudantes son, en xeral, “persoas cunha gran frecuencia de interaccións sociais o que multiplica as posibilidades de transmisión”, o que “xunto cunha menor percepción do risco, constitúen factores que poden derivar no empeoramento da situación epidemiolóxica“. 

Sanidade prevé que a incidencia da Covid-19 sexa aínda maior nos vindeiros meses

Responsabilidade

Diante do empeoramento das cifras da pandemia, e ante a incerteza das vindeiras semanas e meses, Sanidade “fai un chamamento para concienciar e responsabilizar a este colectivo, para que nas súas actividades privadas manteñan todas as medidas de seguridade, reduzan as súas interaccións sociais, evitando reunións con persoas non conviventes, festas nos pisos, aglomeracións, etc”.

Conclúe a Consellería que “deben facelo pola súa saúde, pola saúde das súas familias e doutras persoas de máis idade ás que poden transmitir unha enfermidade que pode ser grave nelas e pola sociedade en xeral, xa que o empeoramento da situación epidemiolóxica levará indefectiblemente a un incremento das restricións vixentes para preservar a saúde dos cidadáns”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego abre a porta a detectar a periodontite mediante unha mostra de saliva e IA

A investigación, liderada pola USC e o IDIS, indica que o mellor modelo do experimento acada unha sensibilidade superior ao 92%

Das visitas a Santiago ás colaboracións científicas: estes son os vínculos do Nobel de Física con Galicia

O galardoado Francis Halzen é o presidente do Comité Asesor do IGFAE e colaborou cos científicos Enrique Zas, Jaime Álvarez ou Ricardo Vázquez

Un estudo galego propón novos criterios para identificar áreas de lonxevidade extrema

Investigadores do IDIS e da UVigo publican por primeira vez un marco metodolóxico que inclúe parámetros demográficos e epidemiolóxicos

Un científico do CiQUS obtén unha prestixiosa axuda para impulsar un novo enfoque de deseño molecular

Luis M. Mateo é beneficiario dunha Branco Weiss Fellowship, unha das bolsas con máis recoñecemento internacional destinada a investigadores mozos